Sermón de forza e ánimo 2021
Santalla, Iago - miércoles, 10 de febrero de 2021
Aquí veño meus amigos
(este ano sen don Carnal):
animarvos con rimas
feitas cun chisco de sal.
Non escribo para rir
pero tampouco para chorar.
Estamos moi tristes
e témonos que animar.
perdemos moita xentiña:
vai con nós na memoria;
sucando néboas incertas
cara un amencer da historia.
Quérovos falar claro
(no medio da tempestade):
o primeiro ben a conservar
havos de ser a sanidade.
Os aplausos pola fiestra
non lle chegan ao sanitario:
quere compromiso político
e un pobo solidario.
A solidariedade, xentiña,
é quedarvos na casa:
entre orellas e licor café
isto logo vos pasa.
Cando pase, meu pobo,
pensa con alegría:
se investir en ciencia
a vida che melloraría.
Moscade con forza
a quen vos chama catetos:
Logo quéntavos a orella
e chúchavos dos catro tetos.
Haivos xente moi rica
que non vos quere pagar.
Váisevos para Andorra
e di que se ten que exiliar.
Mais os exilios, amigos,
sonvos cousa moi seria:
anque salvan a vida
non libran da miseria.
Na doída carne do exilio
sempre vos hai moita dor:
nunca vos vin un exiliado
refuxiado nun resort.
Nesta cleptocracia,
entre tanto chupón,
quítanvos a freba toda
e o lardo do xamón.
A xustiza, meus amigos,
mércase con diñeiro.
O carto fai honrado
ao tipo máis rateiro.
Viuse na pandemia
quen é o esencial
mais de nada vale
se non ten capital.
Se nos unimos todos
(se sabemos ser pobo)
aínda podemos tecer
xuntos un mundo novo.
Xa puxo o noso Curros
a unión nun sagrario.
A chave ten que estar
no pobo solidario.
Esa chave, amigos,
non lla deades ao futbolistas:
vanvos de divos
e son os máis egoístas.
Os políticos e banqueiros
xente de cara dura:
así que teñan a chave
cámbianche a pechadura.
Xente nobre e de burgo
finxen sempre ensinar:
ensínanche a meter a chave
nunca lles has de pagar.
Tamén podedes fuxir
de quen vos queira adoutrinar
pois, se desertades,
coa chave havos pechar.
Deus vos libre irmáns
Das poutas do "ismo".
Deles o máis cabrón
évos o caciquismo.
De todos me despido.
Tédesvos que coidar
pois o ano que vén
quero con vós troulear.
Sinto moito, meus amigos,
ter sido tan fino
pero non estamos para gaitas
hai que ter moito tino.
Xa sei o que vos falta
(non mo tedes que pedir)
Erguédevos na vosa casa
Que vos vou bendicir:
Pedímoslle a Deus
Que todo nos perdoa:
Que, cando se leve ao bicho,
non se esqueza da coroa.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora