Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

É a confianza, idiota!

miércoles, 03 de febrero de 2021
No ano 1992, Bill Clinton usou un lema oficioso de campaña cunha idea que se ten parafraseado noutros campos. Dicía 'É a economía, idiota!', dando a entender que ese era o tema central sobre o que ían aquelas eleccións, no que había que fixarse, o importante. Recollo o lema e adáptoo á actualidade: É a confianza, idiota!

Pouca confianza tiñamos xa nos nosos políticos. Ben, é un falar, non son nosos, sinxelamente, témolos. Pois iso, viñamos arrastrando unha baixa de confianza continuada dende non tanto tempo despois de comezar o estado democrático. E, despois da crise económica da primeira década do século, cando podía ter levantado algo a confianza se se viran os esforzos que eles mesmos podía e tiñan que ter realizado, a corrupción non deixou que tal cousa sucedera. Agora, o desenvolvemento da pandemia leva aínda máis baixo o nivel. E iso é malo para todos.

Que si, que levar un estado nunha crise non é doado: por iso se lle chama crise. Pero o caso é que a navegación desa crise repercute, está a repercutir, na nosa confianza. Nos políticos e na sociedade, que constituímos entre nós, os nosos veciños... E isto último é o que máis conta.

A sociedade necesita confianza para funcionar. Non só por non ser posible que normas, decretos ou leis cubran todos os aspectos e pequeneces da vida diaria (de aí a importancia do que tamén se pode chamar 'memoria histórica', a tradición), senón porque a confianza impulsa a colaboración. A confianza lubrica e elimina roces, actúa como pegamento que refai o rachado, permite delegar no outro e quedar tranquilo, contribúe ó benestar. Polo contrario, a falta de confianza disgrega. Fai medrar a suspicacia e mesmo ver fraudes onde non os hai (que xa hai abondos). Déixanos intranquilos polo traballo dos demais. E a inquedanza temerosa non permite o asomo do benestar.

Si, claro, o ideal é un equilibrio entre confianza e desconfianza: se confías plenamente, deixas de controlar, de preocuparte e participar, de ser, para pasar a ser só por delegación de algo alleo. Parello a cando tes plena desconfianza e convérteste nun pasota doutro estilo ou un antisocial (desa sociedade).

Confianza, responsabilidade, exemplo. Tres palabras relacionadas e convenientes sempre, necesarias como nunca. Confianza e responsabilidade ou a falta de responsabilidade dos políticos polo seus actos (as súas decisións son actos tamén), blindados por si mesmos, que produce desconfianza. E a irresponsabilidade que amosan, en troques de ser exemplo para a cidadanía, é tamén mal exemplo.

Solución? Non hai pocións milagreiras, mais son coñecidas varias bases que poden facer aumentar a confianza. Transparencia, que todos podamos ver que pasa. Participación, o ter a posibilidade de que todos podamos poñer o noso gran de area. Vontade... non só fai falta tela, senón amosar que se ten. Pode que este punto sea o clave: deixar de amosar o que non se ten.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES