Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Neira Vilas no calendario do Libro e da Lectura

martes, 02 de febrero de 2021
Neira Vilas no calendario do Libro e da Lectura O calendario do Libro e da Lectura naceu da Mesa do Libro, daquelas reunións nas que os diferentes sectores relacionados con estes campos foron achegando os seus coñecementos, a súa experiencia e a ilusión por un futuro no que a lectura e o libro tiveran un lugar fulcral. De aí naceu a Lei do Libro e de aí foron quedando cousas polo camiño... pero o calendario púxose en pé e foron aparecendo as datas sinaladas, cada mes coas súas. Tentábase recoller os días imprescindibles: o das librarías, o das bibliotecas, o das editoras, o dos arquivos, o do libro, o do libro infantil, o do teatro, o da poesía, o da narración oral, o dos museos, o das artes galegas, o da lingua materna, o da tradución, o da ilustración, o da propiedade intelectual, o das Letras Galegas,... o de Rosalía.

Vanse engadindo, porque o calendario ha de ir evolucionando, conservando as datas indispensables pero sumando as propias do ano, coma os centenarios (de Concepción Arenal no 2020 ou de Emilia Pardo Bazán no 2021). Nalgún caso trátase de celebrar a semana (ás veces a de narración oral) e o mes, como sucede con novembro: mes da ciencia en galego nas bibliotecas
Acaba de facerse público o calendario do Libro e da Lectura 2021, cunha imaxe de Javi Montes, na que unha moza camiñante leva sobre a mochila a biblioteca que a acompaña.

Ao lado do Día da Ilustración (conmemorando o nacemento de Castelao), o Día da Edición (no nacemento de Ánxel Casal) aparece por primeira vez o Día do Lector/a (coincidindo co nacemento de Neira Vilas).

É unha boa nova porque Memorias dun neno labrego segue a ser un libro con múltiples edicións dentro no noso sistema editorial, con moitas ventas pero sobre todo con moitos lectores e lectoras, dentro da nosa lingua e vertido a outras. Non podemos esquecer que pasada a moda de negación do rural, hai que volver a el, revisalo, lembralo para saber de onde vimos e para iso contamos con esta testemuña de luxo. Ademais, esta novela non só trae o coñecemento etnográfico e costumista (no mellor dos sentidos) senón tamén a rebeldía dese rapaz que un día decidiu enfrontarse á inxustiza cunha pedra (o que tiña a man), fíxoo coma un David, disposto a non consentir outro oprobio e coa denuncia do asoballamento de clase mostrounos tamén aquel outro de ter unha lingua que non podía entrar na escola.

Cada un, cada unha de nós, pode lembrar o que lle removeu a lectura de Memorias dun neno labrego, tal como fan os bos libros, que nos tocan cunha pluma na alma e queda aí aberta a ferida. Aberta porque nos esperta, botando abaixo o velo da alienación, facéndonos ver o que non estaba á vista, deixándonos unha marca, unha descuberta que xa non podemos borrar. Porque aínda que non foramos labregos nin caseiros, porque aínda que sexamos mulleres e da costa, todos e todas sabemos de inxustizas e tivemos momentos nos que nos sentimos a punto de comezar unhas memorias para liberarnos. Aí está a riqueza de Neira Vilas, en sabernos contar con sinxeleza que a nosa dor era compartida, que non estabamos soas e, polo tanto, hai unha posibilidade de saír dese labirinto.

Débese ter en conta toda a obra deste escritor que morreu traballando (pois como el ben dixo era un xornaleiro da escritura) pero sempre hai un lume que destaca na produción dun autor e no seu caso, Memorias acude con luz propia. Ese libro do que pode falar moita xente do país, como fixo Miguel Anxo Murado ao recoller o Pedrón de Ouro lembrando as tardes nas que seu pai llo lía a el e a seu irmán. Ese libro que fixemos noso ata o punto de definirnos co seu comezo, como fixo Agustín Agra cando o chamaron de Xerais para notificarlle que ganara o Merlín (co seu primeiro libro) e á pregunta de Bragado acerca de quen era, el respondeu “Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén.”

O Día do Lector/a acáelle porque nos dou de ler e porque seguiremos lendo e recordándoo ese día... tal e como corresponde: lendo.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES