Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galicia, no espello

viernes, 05 de febrero de 2021
Mírase no espello e pregunta se hai alguén máis fermosa. Outras veces, a imaxe esvaída do autoodio non invita a mirar.

Paga a pena volver a Castelao, Rosalía, C.E. Ferreiro, este ano Carvalho Calero. Mergullarse nas novas fornadas de escritores sen esquecer o coidado e amor á lingua nas casas, na rúa, nas escolas. Velaí o que define a Galicia: o modo de ser, maneira de falar, o xeito de ocupar o territorio. Pero unha ollada mostra un país desvertebrado. 'Galicia é a A-9, o resto é paisaxe' din. Non é maldición dun deus sombrío senón política incapaz de se enfrontar á despoboación, de apostar polo rural e reequilibrar a balanza demográfica, económica e social. Cega ou poderosa, só é vontade política.

Vontade para recuperar as cores dunha terra a piques de perder a riqueza das paisaxes, propiedade social. O país das infinitas cores verdes non pode caer na monocromía do eucalipto, solución desesperada alí onde políticas miopes expulsan a xente, pechan escolas, exilian ao animal totémico, a nai nutricia, a vaca.

A vaca que coidaban os avós cando plantaban árbores para os netos. Outra vez Castelao: mellor que ouro nos bancos é o corazón quente das árbores. Economía sostible, malgasto de cores no outono, esculturas no inverno, sangue verde nas mil primaveras de Cunqueiro. E sangue nova cando resoan as palabras do demógrafo A. Sauvy: 'A sociedade resultante dun país envellecido será unha sociedade de persoas maiores discutindo ideas antigas en casas vellas'. 'Desadornadas de xente', di o velliño a un Manuel Rivas que admiraba paisaxes do paraíso. A deshumanización do rural abre paso á soidade que escriben aves ventureiras nos ceos baldeiros.

Baldeiro o país de mocidade. A súa fuxida coa crise fixo esborrallar nun 40% os universitarios: de 42.000 en 1996, a 26.000. Os nosos científicos e doutoras, enxeñeiras e músicos, investigadoras e enfermeiros son benvidos fóra, mentres políticos de talla miúda andan a fungueirazos con efémeras leis de educación e informes PISA. A Galicia Baldeira esquece á mocidade ou lle ofrece como saídas Alvedro, Porto, Peinador, Lavacolla. A fuga de talento borra o futuro dunha terra que expulsa a titulados en idade de iniciar nova andaina vital. Son a maior inversión económica e humana. Ogallá, como no poema de Kavafis, regresen a Ítaca infinitamente máis sabios. Para facer a Galicia rica e sabia.

Coa sabedoría rumiante das vacas que inspiraron en Castelao palabras fermosas e agradecidas. Donas dun tempo sen présas e do silencio, música gratuíta. Os grandes ollos reflicten o esplendor da herba, a gloria das flores de W. Wordswoth.

Galicia no espello está ollando o mar, a riqueza infinita, a beleza inexgotable que sofre agresións medioambientais e onde a natureza teimuda pide axuda. Como a demandan as árbores autóctonas, tentando resistir a aucaliptización da terra: factura que estamos a pagar todos. Velaí a Galicia mártir que soporta cada ano o lume que a carísima máquina apagalumes non pode deter cando o odio imponse ao amor á terra.

No espello míranse as noivas da vila de montaña luguesa: 'Cheguei a peiterar máis de cincoenta nun ano. Agora só catro'. Estatísticas recentes mostran unha Galicia coa maior porcentaxe de mulleres novas sen fillos. Un terzo delas nin os ten, nin quere telos: luxo que non se poden permitir.

Míranse no espello avoas e avós, gardiáns da cultura inmaterial inmorrente. Donos xenerosos da mellor Galicia, tesouriño que hai que coidar. Como hai que mimar aos orfebres da lingua, rapaces e rapazas teimudos pulindo versos ou historias contra o esmorecemento da lingua.

No espello galego esvaran arterias de sangue limpo, veas de sangue turbio: o País dos Mil Ríos ou o País da Mil Cloacas. Cómpre elixir porque a auga ten máis valor que o ouro. E as paisaxes humanas e naturais, cargadas de cultura, son escenarios da historia ou da desfeita cando se descompensan.

No espello 2.700.00 galegas e galegos. Hai espazo para máis. Tamén para menos porque a demografía cambiou a pirámide polo trompo. Por veces a mirada comprácese nun "look" moderno de roupas, coches, visitantes que lle dan prestancia á súa face. Logo o sorriso tórnase contraditorio e desacougado. ¿Cómo é que non é capaz de atraer aos seus, que se van, que se negan a nacer ou que non atopan sitio na mesa?

Pero na natureza e na mellor humanidade sempre hai unha oportunidade para a esperanza. Para crear camiños novos. 'A fin de contas, di Einstein, en tempos de crise só a creatividade é máis efectiva que o coñecemento'. 'Galicia somos nós, a terra e máis a fala', avisa o poeta. Diante do espello.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES