Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Record mundial en Vilalba

viernes, 30 de mayo de 2008
Non sei por que secreta reacción do noso cerebro, as macrocifras chaman poderosamente a nosa atención. Xa non digamos se esas cifras grandes entrañan un determinado record, establecendo que aquelo de que estamos falando é o máis importante ou o máis grande.

Que unha cousa que nós teñamos sexa a máis grande ou a máis importante do noso contorno, é unha satisfacción persoal... Que esa cantidade sexa a máis grande dun pobo, dunha capital ou dunha provincia, xa o acontecemento entraña unha certa importancia.

Dicir que en Vilalba hai algo que é o máis grande da península Ibérica, ten que ser noticia, noticia que ten que dar a volta como mínimo á comunidade galega e, por unha vez, asomarse ós medios de alcance nacional. Pero agora resulta que en Vilalba hai algo que constitúe un record ou cifra, a máis importante do mundo.

E entón fixámonos no tema, porque un record mundial é algo que non se contempla todos os días. Ben grande é o mundo como para que as cousas ou os feitos menudeen nun lugar determinado. Pois ben, en Vilalba, temos o que é o seguidor solar máis grande do mundo... que se presentou en sociedade o xoves da pasada semana.

O obxecto que chama a nosa atención é unha plataforma que ten dezaseis metros de altura, pesa 14.300 kilos e produce cincuenta megavatios por hora, segundo 'El Progreso', cincuenta kilovatios por hora segundo 'La Voz de Galicia', e corenta e dous kilowatios segundo 'Galicia hoxe'... Se o que di El Progreso fose certo, eso si que sería un record mundial. Pero El Progreso tennos acostumbrados a desmesuras e demais carencias.

Xa non hai queixa se son os cincuenta kilowatios, que é moito producir para una soa plataforma que costou 600.000 euros por ser un prototipo pero que cando se fabrique en serie será de custo moito máis baixo. O record está, precisamente, na superficie desta instalación que totaliza 345 metros cadrados de paneis solares.

Teño que ver esa instalación, porque ten que ser un auténtico espectáculo este aparato que non fai máis que copiar da natureza o que está diante de nós desde o comezo dos tempos.

Por unha parte, os paneis solares absorben a enerxía que percibimos do sol que a fin de contas é a que alimenta todo o que funciona neste planeta. Mentras o sol arde, nós absorbemos esa enerxía e podemos movernos e vivir. Os paneis solares aproveitan a enerxía que ven do sol aínda que haxa nubes, aínda que non faga calor... Pero este trebello que veñen de montar en Vilalba vai aínda máis aló porque xira seguindo o paso do sol por riba das nosas cabezas, ou sexa o mesmo que fan esas flores que coñecemos como xirasoles, que de noite pechan as súas corolas e cando amence ábrenas e van seguindo o movemento do sol para mellor aproveitar a enerxía que del reciben.

Pois este superaparato fai o mesmo, é obra dunha empresa lucense, e polo que se ve é algo froito da investigación e invención provincial lucense, e como tal prototipo é só un primeiro paso do que vai vir despois. Se agora nos cumes dos montes florecen árbores xigantescas de tres brazos que ó mesmo Don Quixote volverían a enganar convertíndoos en xigantes poderosos, a nosa Terra Chá, ata agora terreo de probas, vai poboarse destas novas flores xigantescas das que moito imos depender no futuro.

Na inauguración deste grandísimo aparato productor de enerxía había unha morea de políticos, que se apuntan a todos os bombardeos porque son os que administran subvencións e se apuntan os tantos de mellora enerxética... Cousa que está moi ben porque se eles se apuntan os tantos, os fabricantes dos aparellos logran os seus proxectos, e nós os consumidores percibiremos algunha das vantaxes.

Benvido sexa ese record mundial que posuimos os vilalbeses aínda que sexa por pouco tempo e por vivir en terra chá... Que Vilalba soe aquí e moi lonxe esta moi ben se é por motivos coma este.

Arrimémonos a esta flor ou árbore... Que quen a boa árbore se arrima, ten unha boa sombra na que acobillarse.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES