Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O trilema de Rodrick e a globalización

jueves, 28 de enero de 2021
Nalgunha colaboración neste medio, trouxemos á palestra a tendencia a globalizar, camiño dunha unificación das entidades políticas mundiais, facendo referencias a debilidade dos indicios da mesma na actualidade e da necesidade de encontrar ao través da historia un impulso tendencioso adecuado, no que apoiarse e sustentarse, xerando esperanzas de que nun futuro, máis ou menos lonxevo, saiga deste contexto desconcertante un poder mundial centralizador, pois, aínda que os medios de comunicación sexan bos coadxuvantes, non escasean as dificultades, algunha das cales, na nosa modesta opinión, xa quedaron noutros artigos apuntadas; pero deixamos outras que nos parecen de especial relevancia, polo menos nunha formulación teórica, e que tamén teñen certo peso histórico e sociolóxico–política.

Dani Rodrick, economista turco, nado en Estambul, dunha familia sefardi xudía, que emigrou de España a finais do século XV, Licenciado en Artes e Doutor en Economía en Havard (EE.UU.), onde é profesor, ofrécenos o que se coñece como TRILEMA DE RODRICK, que ven a ser un atranco teórico a ese proceso de globalización mundial, cun alcance pragmático que é obxecto de discusión entre distintos estudosos; pero aos lectores, sobre todo con boas perspectivas de futuro, pode resultarlles útil un breve e sinxelo coñecemento do Trilema, porque son tamén eles os que loitarán por acadar unha vida mellor, evitando sucumbir nun contexto que non parece vaia a regatearlles non poucas contradicións e desconcertos.

No seu Trilema mantén D. Rodrick que é imposible SIMULTANEAR a democracia e a soberanía nacional coa globalización económica. Xustamente por isto, preocúpase de estudar os efectos desta globalización, eu diría que xa timidamente en marcha, sobre a democracia e a soberanía, e especialmente tendo moi en conta que os países que hoxe en día as posúen tamén teñen que resolver os seus problemas económicos nun amplísimo contexto competitivo mundial. Polo tanto, se globalizar a economía compromete a auténtica democracia e a soberanía, o equilibrio dos distintos países corre o perigo de debilitarse e diríamos que terá servidos os consecuentes problemas.

A propósito, está saíndonos ao paso o que se coñece como REALPOLITIK, que, sen dúbida, acentúa as incompatibilidades. Descúlpennos unha breve incidencia para explicar este concepto. A Realpolitik fai referencia a diplomacia moderada de Bismarck, o unificador de Alemaña, que considera o Estado como básico, sempre pendente de aumentar a súa potencia, pero con moderación diplomática, sen pór en perigo a propia integridade e respectando os distintos modos de gobernar dos outros países, para non romper as relacións internacionais.

Na Realpolitik cada nación esfórzase en defender os intereses propios, con tendencias "naciocéntricas", o que dificulta que no proceso da suposta Unificación non se poda aplicar o de soberanía compartida, esquecendo que, de feito, as nacións, queiran ou non, teñen unha certa dependencia unhas das outras, e isto é un feito, non unha teoría, é dicir, teñen xa a soberanía compartida, e non falemos dos países que integran a UE, que seguramente a deberían ter moito máis, se realmente se pretende dotar a mesma de instrumentos eficaces para conseguir os seus obxectivos, entre os que debe figurar o incremento do respecto internacional.

Isto lévanos a dubidar se os asesores dos nosos gobernantes están dedicando todo o seu empeño en acertar nos cumprimentos persoais máis que no que interesa a este país, para acadar respostas satisfactorias á única ambición dalgúns dos asesorados, que parece que non é outra cousa que ocupar a cadeira máis visible da mesa, esquecendo que un país non é só soberano cando posúe un sistema de institucións, con normas propias, etc., senón que tamén é necesario que posúa capacidade para executar as propias decisións (AS PROPIAS, non as que lle impoñen outros grupos en amaños para os que o pobo non parece que lles concedera competencias), contando con lexitimación interna e co respecto internacional.

En España, que é a que máis nos interesa, existe unha intromisión nacionalista censurable, como o caso de Cataluña, onde os independentistas, os de verdade e os de matiz vingativo, parecen non reparar que os desexos nacen fracasados cando non se poden traducir en feitos con medios adecuados, que nunca será unha votación, e menos con afán de teatralizar, xustamente cando as soberanías están a experimentar matizacións nos estados naciocéntricos. E estes cataláns de folgos independentistas, grandes especialistas en terxiversar o que lles convén para incrementar os apoios interiores e exteriores, deben comprender, entre outras razóns, que as soberanías tenden a compartirse vía unións en entidades políticas superiores, non dentro do territorio do propio Estado, na que xa están integradas as nacionalidades que o compoñen. Descártase, pois, a aplicación, neste caso, do Trilema de Rodrick, que sería unha impertinencia aplicado a Cataluña.

Recoñece Rodrick que, non obstante, o Trilema cúmprese na extrema globalización, que é a pertinente cando se fala da Unificación das distintas unidades políticas do Mundo nunha Única Suprema, que sería incompatible se aquelas manteñen as soberanías monolíticas, de aí que, a incompatibilidade do Trilema non sería operativa no caso das compartidas, que son as que representan indicios da Unificación Suprema; pero sigue sendo un atranco, aínda que non o sexa en certos tramos do camiño, se acaba séndoo no final que se persigue, suxerindo que se trata duna mera ficción de matiz hipotético. E este final, por conseguinte, non xustifica as pretensións nacionalistas.

Para achegarse á terminación, apuntemos outro atranco no camiño da Unificación. Co fin de que esta se leve a cabo é mester unha clara disposición a conceder un valor ideolóxico ós cambios do que existe xa de feito, porque os países de sino conservador loitarán polo propio, e só cederán arrastrados por esixencias de certo apremo económico e cultural, debido a que o existente non pode reducirse a un mero feito, senón que encerra, en moitos casos, tamén un valor emocional subxacente, a modo dun ideal e como algo que DEBE SER. E isto esixe establecer unha distinción analítica e crítica entre O QUE É e o QUE DEBE SER, e, no caso de cambios, o que SERÍA, xustamente, con suficiente apoio á materialización deste ideal supremo: A suposta Unificación, considerada non como algo ficticio e irreal, xa que, mais ou menos perceptible, a realidade da mesma está subxacente na economía, na cultura tecnolóxica, na investigación científica, etc.

Pregunta posible e intelixente do lector: Acaso non se apunta que hai unhas condicións aconselladas por Rodrick que neutralizarían este atranco?. Parece que si: o abandono da soberanía monolítica e aplicación da compartida, e entender a democracia como a conexión de tribos, parlamentos e nacións co resto do mundo. Aínda que hai moito que ganduxar antes de que no horizonte das dinámicas sociais aparezan sinos evidentes de que o mundo toma politicamente o camiño que o conduza a unha verdadeira globalización, non esquezamos que a historia ofrécenos moitos casos de rumbos inesperados, porque as tendencias non adoitan presentarse con excesiva claridade. Ás veces, sácaas a flote a intuición de homes e mulleres excepcionais, como ocorreu nalgúns intres da historia, e permite que tales políticos de altura sexan capaces de contextualizalas.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES