Preparados para vivir
Xiz, Xulio - jueves, 28 de enero de 2021
Se en marzo pasado, cando nos pechamos, as miñas opinións foron monotemáticas arredor da pandemia, e logo se abriron fiestras físicas e anímicas, recuperamos a mirada exterior volvendo a aprender a vivir, case un ano despois, seguimos a velas vir. Non vai haber Antroido nin Semana Santa, e o xeito de xuntarnos é por video-conferencia, tendo sobre a conciencia colectiva, por parcos que fosemos, que das alegrías do remate do ano veñen as novas agonías.
Lembro o comentario de Díaz Pardo nun Congreso en Lugo, que arremetía el que ia para arquitecto se a guerra non lle coutase a posibilidade- contra as imitacións na edificación disfrazando materiais para que parecesen o que non eran... defendendo a pedra como pedra, a madeira por madeira, a lousa cal lousa. Pensei nel cando as autoridades de San Sebastián, non podendo celebrar a tradicional tamborrada festeira, pediron aos donostiarras que saísen cos seus tambores a fiestras e balcóns para, desde alí, proclamar que seguen vivos e con ganas de festa.
Teño amigos especialmente devotos da Semana Santa que o pasado ano, ao non poder saír, facían cos nenos pequenos desfiles domésticos para facer vivir aos máis novos o que os maiores non podíamos experimentar. Visto está que este ano teremos tamén que recurrir aos sucedáneos, conformándonos con seguir socialmente activos, con inauguracións, demostracións, presentacións sen público, confiando na difusión nos Medios informativos e nas redes sociais, sabendo que o sistema funciona porque a todos nos convén seguir vivos e en activo, para que a resurrección, cando proceda, nos colla preparados para vivir.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora