O pranto de Boabdil
Gzlez.Vigo, Marcial - jueves, 29 de mayo de 2008
Pobre Boabdil, como choraba. Tal que o estou vendo na súa branca enxaezada, unha man nas rendas e coa outra premendo o seu nariz para ter conta de que non entraran os cheiros da camisa de Isabel. Tres anos de uso, sen muda, son moitos anos, señora. Moitos e cochos anos.
Boabdil e os seus non poideron aguantar tanto. Boabdil non chorou por Granada. Cando chorou, de verdade, foi por Morayma, na Alpujarra.
Segundo unha historia, certamente sen autor, apócrifa, o suceso último da toma de Granada, no momento xusto da entrega das chaves da cidade e de cando Boabdil se ía con Morayma, cos seus outros tesouros e coa súa nai, Aixa, cara o sur, seica ocorriu de maneira diferente á que se estudia nos libros de texto.
Esta, a dos textos, e a miña coinciden nun detalle singular: o mal olor que prendía na cidade de Granada. Porque, claro, xa non foi so Isabel quen non mudou a camisa en tres anos; os soldados deron en imitala e aquelo disque constituiu unha atfósmera case irrespirábel. Como sería o vicio daquel aire, que disque os xazmíns, as rosas e os buxos puxeronse á seca. Murcharon. Ata as augas das fontanas pararon nos seus conductos de puro noxo.
Este episodio de Granada, xunto con outros de real barbarie, fanme crer que Isabel e Fernando tiñan pouco de cristiáns.
Después de que Vuestra Alteza meta debajo de su yugo muchos pueblos bárbaros y naciones de peregrinas lenguas
y aprenderán nuestra lengua todos
(Nebrija, 1492)
¿E a Inquisición?. De todo menos santa.
Da historia, apócrifa, rescatei o cantar do pranto de Boabdil, en tres partes, e un maio atribuído, por uns, a un canteiro de Moraña; por outros, a un telleiro de O Rosal.
AS QUEIXAS DE BOABDIL
Non hai rosas en Granada
que cambiaron polo lixo,
¡que pena a miña Graná
fontenlas, lirios do limpo!
¡Ai!, que mágoa, ¡ohzú!, Graná,
o berce do meu linaxe;
mar do meu mar de Granada,
aire, nun vento malahe.
Onde están as fontes puras,
onde os perfumos ornados;
onde os xardíns anovados,
hoxe de noxo murchados.
O PRANTO
Choraba Boabdil
aos pés da Alhama.
Choraba Boabdil
de ouro e plata.
Choraba Boabdil,
¡como choraba!.
Choraba Boabdil
aos pés da Alhama.
Así falou Boabdil,
así Boabdil falaba:
Entrego as chaves, señor,
que dan entrada á Alhama.
¡Granada!, no seu momento,
arumada de albahaca.
Agora, señor, está,
vexada no fedurento
Choraba Boabdil,
¡como choraba!.
Clamaba Boabdil
aos pés da Alhama.
Clamaba Boabdil,
¡clamou, chorando!.
Choraba Boabdil,
as chaves dando.
A CAUSA
¡Ai, Muhammad, Muhammad!
Al-Zugabi (o desdichado)
amado, amor de Morayma,
roseiro dos nazarís.
Todo comezou, coitado,
cos celos dunha sultana
por Isabel de Solís.
¡Ai, Abu Abd Allah, Allah!
contra ti mesmo loitando,
entre Morayma e Morayma;
indefinido, en segredo.
En Lucena, Muhammad,
fronte do Conde de Cabra,
perdiches o amuleto.
O MAIO
Aí vén o maio,
pola Costa do Medio.
Aí vén o maio,
en dúas canas de senteo.
Aí vén o maio,
entre follas de loureiros.
Aí vén o maio,
coa arxina dos telleiros.
Aí vén o maio,
caroso de masaroca.
Aí vén o maio,
trae unha jaliña choca.
Aí vén o maio,
atadiño nunha jhrela.
Aí vén o maio,
fuxe de dona Sabela.
Aí vén o maio,
cos seus pasiños andando.
Aí vén o maio,
ferido por don Fernando.
Aí vén o maio,
sen pedir nin o perdón.
Aí vén o maio,
fuxindo da inquisisión.
Aí vén
o maio
,
pola Costa Perdida
Aí vén o maio
para fender a quen fendía
Aí vén o maio
pola Costa do Medio
Aí vén o maio
(E repítese todo, dende o principio, ata cansar)

Gzlez.Vigo, Marcial