Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A semana deixounos...

lunes, 25 de enero de 2021
A semana deixounos... A semana deixounos un novo cambio presidencial (o 46) no país máis poderoso do mundo. Donald Trump pasou como a pedra cósmica ou bólido luminoso que atravesou Ourense o outro día e deixou un ronsel que vai ser moi difícil de que desapareza. O novo presidente, Joe Biden, terá que poñerse as pilas para reverter todas as fanfurriñadas que cometeu o impresentable republicano, así como intentar unir a un pobo que semella roto. Tamén é verdade que, aínda así, seguirei coa mosca detrás da orella porque onde hai patrón non manda mariñeiro. E os poderosos xa sabemos todos que fan e desfán ó seu antollo.

A semana deixounos tamén unha onda epidémica que en vez de baixar, de recuar, de retroceder semella que sobe e que está facendo unha auténtica desfeita, tanto en mortes como en contaxiados e en ingresados. E nós, unha vez máis, sen facerlle nin puto caso. Sigo dicindo que mentres non nos pechen, que mentres non nos encerren de novo a todos, penso que non ten solución. Por culpa nosa. Que ninguén lle busque tres pés ó gato. Tanto uns coma outros están fartos de avisarnos.

A semana deixounos unha estampa ourensá de auténtico esperpento. Por causas xustificadas tiven os cinco días laborais bastante movidos e non me quedou outra que pasar varias veces polo Parque de San Lázaro, onde, en cada pasada que levaba a cabo por un cacho da rúa Bedoya, quedaba cheo de pena intentando avistar ou descubrir a situación da estatua do noso Carrabouxo. Entendo que, hoxe, con isto da pandemia, as terrazas procuren aproveitar todo o espazo posible para asentar unha mesa. Pero tamén que se tape a toda unha institución na nosa cidade é algo que non consigo asimilar ben. Visto o visto e sabendo que esta pandemia pode durar aínda un bo tempo, non quedará outra solución que: ou se airea un pouco o monumento do noso ilustre viñetista ou se lle busca un novo parque, unha nova beirarrúa.

A semana deixounos a zampullada do Real Madrid na Copa do Rei, polo que me demostra que o fútbol está un tanto por cento moi alto na cabeza e non nos pés. O Madrid, na Liga de Campións é o que é. Nos demais torneos é un equipo mediocre. Se non recordo mal, nos últimos 30 anos só ten tres Copas. A un equipo grande non lle pode pasar iso.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES