Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O CASTRO, tamén na orixe da LIXG (Literatura Infantil e Xuvenil Galega)

lunes, 25 de enero de 2021
O CASTRO, tamn na orixe da LIXG (Literatura Infantil e Xuvenil Galega) O 30 de decembro inaugurouse en Santiago esta exposición, antes de que rematara o 2020, centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo.

A exposición, comisariada por Heitor Picallo e deseñada por Martiño Picallo, está na Casa das Asociacións (antiga estación de Cornes), nunha sala que pode parecer humilde, igual que a exposición que consta de tres vitrinas con libros e 10 paneis coa información temática. Con todo, o lugar é o máis axeitado que se podería atopar para Isaac, no fogar das asociacións, alí onde debe residir a sociedade civil e onde el estaría a gusto por ser un digno representante desa sociedade activa. Foron as asociacións de Compostela as que lle fixeron unha das derradeiras homenaxes á que asistiu con Mimina, a súa compañeira.

Por riba, esta casa está situada na rúa Manuel Beiras, un bo amigo de Isaac que publicou neste selo -baixo o pseudónimo de Eubensei- as traducións dos Contos de Grimm en dúas escolmas e tamén Platero e máis eu, e foi artífice de que María Canosa publicara en Ediciós do Castro e primeiro libro dunha longa carreira.

Con esta mostra, GALIX (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil) trata de recoñecer o apoio de Isaac Díaz Pardo a través de Ediciós do Castro a este libro, que comezaba a rexurdir despois da longa noite de pedra. Creada a editora en 1963, será en 1968 cando por unha carambola do destino publique a primeira obra de ficción, Memorias dun neno labrego, que ademais foi asumida pola rapazada, converténdose en literatura xuvenil, aínda que Neira Vilas non a escribira pensando neste lectorado. Só Galaxia se adiantara a 1966 para comezar esta andaina.

A partir desta obrade Neira Vilas, Ediciós do Castro abre catro coleccións pensando na infancia (Narrativa pra nenos, O mundo do neno, Poesía para nenos e Teatro pra nenos), publica verdadeiras xoias, descobre autoras que terán un longo percorrido (María Victoria Moreno homenaxeada coas Letras en 2018, Concha Blanco con máis de medio cento de libros no seu haber...), recolle firmas recoñecidas (Neira Vilas, Dora Vázquez, Anisia Miranda...) e publica traducións dos clásicos coma as citadas ou A meiga dona Paz.

Ediciós do Castro acolle tamén os únicos premios de poesía e teatro Arume e Estornela da Fundación Neira Vilas, de cando a sociedade civil coa súa humildade compensaba o sistema literario. É aquí, tamén, onde se crea unha iconografía no mundo da ilustración que está aí e será lembrada: Seoane, Isaac Díaz Pardo, Xosé Díaz, Vizoso... unha maneira de recoller a tradición máis enraizada e propia, amasala no forno da vangarda para elaborar un produto que nos identificara tamén no papel.

Unha exposición que tenta abrir unha fiestra a ese traballo non demasiado coñecido do Isaac editor. Por iso, antes de rematar, quero recoller as palabras doutros que o explican.

Concha Blanco: "Isaac Díaz Pardo foi quen puxo a primeira pedra nos alicerces da miña obra literaria. Non sempre se abren as portas cando petas nelas, pero ás veces amais de abrírense as portas tamén se franquean as ventás".

Henrique Alvarellos: "El díxome: Tes que saber moi ben o pobo que tes diante. O bo e o malo del. Sen isto nunca has acertar. E aínda así, este é un negocio moi difícil. Porque has ter moitos libros nos que, ao mellor, vendes... pois sete exemplares, sete, non máis. E tes que contarllo así ao autor, que agarda vender centos".

Neira Vilas: ... aínda que non fora un libro de gran difusión, pero para Isaac iso non importaba, o importante era que o libro estaba aí: "O día de mañá haberá que investigar e aí está esa colección".

Xosé Luís Axeitos: "Se hoxe quixeramos escribir unha biografía razoada da obra intelectual e social de Isaac Díaz Pardo a mellor documentación informativa serían os fondos documentais da editorial que fundou."
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES