Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Juan Montes, socio e músico do Círculo das Artes (1)

martes, 19 de enero de 2021
O recente traslado do monumento levantado fai doce décadas en honra do músico lucense Juan Montes Capón, para situalo no seu novo emprazamento da Praza Maior da cidade de Lugo, anímanos a pronunciarnos positivamente sobre a oportunidade desta decisión posto que a vida persoal e a actividade profesional do célebre compositor e instrumentista tiveron como escenario principal a citada praza: alí estudiou durante máis Juan Montes, socio e músico do Círculo das Artes (1)dunha década no antigo Seminario conciliar situado no edificio actual do Colexio dos PP. Franciscanos, alí dirixiu a Banda municipal de Lugo e alí colaborou co contiguo Círculo de las Artes, tanto na súa primeira como na segunda sede social, mantendo con esta Sociedade unha relación particularmente intensa da que aquí imos a ocuparnos.

A segunda metade do século XIX sería o ámbito cronolóxico do chamado Rexurdimento, un movemento cultural galego identitario que pretendía rescatar a lingua propia de Galicia e con ela trazos esenciais da súa personalidade cultural, como a literatura, a música ou as tradicións populares. Neste ámbito de recuperación das esencias vernáculas vaise desenvolver a vida e a obra dun músico lucense de recoñecido talento e particularmente querido polos seus paisanos: Juan Montes Capón (1840-1899).

Non pretendemos aquí ofrecer unha biografía do personaxe, ben coñecida por outra parte a través de estudos como os de Juan Bautista Varela de Vega e José López-Calo (1), senón achegarnos a un dos circuítos profesionais e afectivos máis intensos que tivo Juan Montes, aquel que fai referencia ao Círculo das Artes de Lugo, a institución máis representativa na historia da vida cultural, musical e lúdica da cidade.

Orfo de pai desde os dez anos, Juan Montes ingresaría no Seminario de Lugo -por entón no actual edificio dos PP. Franciscanos da Praza Maior-, onde permanecería ata 1864 sen chegar a ordenarse sacerdote. Sería unha etapa de xuventude e de formación como seminarista ao final da cal comezaría a súa relación co Círculo das Artes, ao que se incorporaría como socio en 1861 e onde sería contratado como pianista o ano seguinte. No edificio que ocupou a Sociedade desde a súa fundación en 1855 ata a súa marcha á nova sede en 1897, Juan Montes amenizaría as veladas musicais dos socios desde 1862 a 1865, uns anos nos que o Círculo intentaba asentarse como entidade cultural e recreativa con certa dificultade. Montes substituía como pianista ao seu mestre Isidoro Blanco Fernández (2) e, segundo indicaba o seu primeiro contrato, cobraría 80 rs. ao mes por tocar durante dúas horas as tardes dos mércores e domingos, ao mesmo tempo que se lle eximia do pago da cota de socio que aboaba desde o 30 de novembro do ano 1861. En novembro de 1863 ampliaríase o seu horario de actuación a tres horas durante os luns, mércores e sábados, así como tamén se incrementaba o seu salario, que pasaba a ser de 120 rs. mensuais (3).

Porén, a principios do ano 1865 arrefriáronse as relacións do Círculo co músico ao que se acusaba de escasa responsabilidade no cumprimento das súas obrigas e, en consecuencia, decidíase substituílo por Agustín Salvador Paz (4). Esta contrariedade non impediu que a conexión entre o músico e a Sociedade se mantivese e que o Círculo requirise aos conxuntos musicais que Montes constituía e dirixía co fin de amenizar os seus festexos (5). O virtuoso instrumentista permanecería algúns anos afastado de responsabilidades profesionais directas con respecto ao Círculo das Artes. pero non por iso descoidou a súa presenza no ámbito musical lucense (6), xa que en 1876 se encargaría da dirección da Banda municipal e en 1879 converteríase na alma mater do Orfeón Lucense, agrupación coral que en 1887 adoptaría o nome de Orfeón Gallego e que baixo a súa dirección acadaría grandes éxitos e numerosos premios (7). O músico participaría tamén de maneira activa en 1891 na creación da Asociación de Escritores y Artistas de Lugo que promoveu Manuel Castro López, converténdose en vicepresidente desa Asociación e en cabeza visible da súa sección artística xunto co arquitecto Nemesio Cobreros y Cuevillas e o debuxante e pintor Manuel Martínez Fole.

Realmente, nos anos oitenta o seu prestixio como compositor e instrumentista estaba consolidado, e por iso non sorprende que os directivos do Círculo volvesen procurar os seus servizos. A ocasión propiciaríaa a baixa, no mes de marzo de 1881, dun dos membros do terceto de músicos que mantiña a Sociedade e que constituían o pianista Manuel Fernández, o frautista Juan Latorre e o violinista Julio Alonso. O primeiro deles dimitiría por ausentarse de Lugo e no concurso aberto para ocupar esa praza unicamente se presentou Juan Montes, quen aceptou cubrila con certas condicións: a primeira, a de percibir un salario de 10 rs. diarios (cando Latorre e Alonso percibían só 6 rs.); a segunda, a de limitar a súas actuacións nocturnas; e a terceira, a de non estar obrigado a impartir clases de música na Academia que o Círculo das Artes proxectaba neses momentos (8). Nos anos seguintes acrecentaríanse as relacións entre o músico e a Sociedade e así, a fins de 1885 (9), e a pesar de que as responsabilidades profesionais externas do músico eran cada vez maiores, este comprometíase a tocar todos os días polas tardes e os festivos ademais pola noite, aumentándose o seu salario en 2 rs. diarios. A partir do ano 1886 (10) actuaría, acompañado do violinista Julio Alonso, Juan Montes, socio e músico do Círculo das Artes (1)durante unhas veladas musicais que se prolongaban desde as 9 ás 10,30 da noite, e nos festivos, ademais, pola tarde, recibindo cada un dos músicos 10 rs. diarios como retribución. Hai que recordar que, por entón, o Círculo das Artes non dispoñía do magnífico edificio social actual, polo que esas sesións musicais celebrábanse na súa antiga instalación da casa nº 13 da Praza Maior alugada á familia Sánchez Guardamino. Nestas dependencias traballaría desde fins dos anos oitenta un grupo musical dirixido polo propio mestre Montes que se mantería practicamente ata a súa morte (11).

As relacións do Círculo con Juan Montes non se limitaban ao seu traballo como pianista e promotor de conxuntos musicais, xa que a Sociedade apreciou inmediatamente o labor que realizaba como director do Orfeón Gallego, unha masa coral cuxos éxitos repetíanse en certames por toda España dignificando a cidade de Lugo e os lucenses, e á que o Círculo ofrecería sucesivos apoios económicos como a significativa entrega de 300 ptas. para que puidese participar no mes de agosto de 1890 no festival de agrupacións corais de Santander, onde conseguiría o segundo premio (12). Tamén apoiaría as súas actuacións no teatro que existía entón na cidade de Lugo, posto que os directivos da Sociedade eran conscientes da escasa capacidade dos seus locais para acoller agrupacións deste tipo ata que foi posible inaugurar o seu novo e flamante edificio (13).

Pola súa parte, o músico foise identificando cada vez máis co Círculo das Artes, como demostra a súa desinteresada colaboración na adquisición de accións para financiar o inmoble social que comezaría a levantarse a finais do ano 1895 (14). As dependencias moito máis amplas desta nova sede permitirían un apoio máis inmediato á masa coral propia que se pretendía organizar baixo a dirección de Montes e á que se cedían certos espazos da terceira planta para que puidese desenvolver os seus ensaios (15).

NOTAS:
1. VARELA DE Vega, Juan Bautista, Juan Montes, un músico gallego. Estudio biográfico. La Coruña, Diputación provincial, 1990. Ib. LÓPEZ CALO, José, Juan Montes. El hombre, el músico, Cuadernos de Música Iberoamericana, Volumen 7, 1999.
2. Isidoro Blanco Fernández (1824-1893) era organista da catedral e un promotor musical que no xornal El Correo de Lugo publicou en 1860 unha serie de artigos sobre orfeóns musicais (vid, VARELA DE VEGA, Juan Bautista, Historia del Orfeón Lucense, pp. 13-19).
3. Actas Xunta Directiva (desde aquí AXD) ses. 02-08-62 e 08-11-1863. As actas das Xuntas Xerais e Directivas, cedidas xenerosamente pola Sociedade lucense, son as principais fontes documentais deste traballo.
4. AXD ses. 24-01-1865. A consecuencia destas discrepancias Juan Montes debeu darse de baixa como socio do Círculo xa que nunha reunión posterior era admitido de novo (JD ses. 04-09-1868).
5. AXD ses. 18-02-1874 e 08-01-1877.
6. Na cidade manifestábase un particular interese polas actividades musicais, porque aos recitais do Orfeón Lucense/Gallego uníanse os da Banda municipal e da Banda do rexemento de Luzón asentado en Lugo, e mesmo os dunha Tuna que se constituía en 1892.
7. Sobre esta agrupación vid. VARELA DE VEGA, Juan Bautista, Historia del Orfeón lucense. Ib. en Vida Gallega, nº 762-763 (1960), pp. 11-13, o artigo de SÁNCHEZ CARRO, Alfredo, Coros y rondallas lucenses.
8. AXD ses. 20-01, 31-03 e 22-10-1881.
9. AXD ses. 25-10 e 11-11-1885.
10. AXD ses. 08-01-1886.
11. El Regional de 13-10 e 20-10-1891. O sexteto musical organizado por Juan Montes permitiría a representación ante os socios das "zarzuelitas" ás que alude López Calo (LÓPEZ CALO, José, Juan Montes. El hombre, el músico, Cuadernos de Música Iberoamericana, Volume 7, 1999, p. 112).
12. AXD ses. 18-06-1890.
13. AXD ses. 23-12-1891.
14. Actas Xunta Xeral (desde aquí AXX) ses. 16-10-1895 e 30-01-1896. Comprou unha das accións da serie B (as que se adquirían por unha subscrición anual de 5 ptas.).
15. AXD. ses. 28-11-1897.
Prado, Antonio
Prado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES