Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Que fixemos para non ser rescatados?

lunes, 18 de enero de 2021
Hoxe por hoxe, despois do rescate á banca (non fixo falta para iso coronavirus) ou ás autovías (tampouco...), o pagar por non deixar executar contratos que outras administracións tiñan concedido alegremente (tampouco para isto), subvencionar ás eléctricas se o mercado non respondía abondo (fai falta seguir?), atopámonos coas peticións de rescate a conta do coronavirus. Sexan liñas aéreas (máis grandes, e por iso as que reaccionaron antes ó ter os medios para facelo), hostalería, e logo, unha longa ristra (coido que o último rescate pedido que vin foi a conta das perruquerías), o mercado quere rescate e baixa de impostos. Algo que se diría contraditorio se se estima que isto é un xogo de suma cero. Pero iso é só se se botan as contas para toda a sociedade. Mentres que non sexa así, as contas non teñen por que ser cero. E quen pide non ten por que mirar de onde van saír os cartos, senón onde van chegar. E, se un sector é bonificado, haberá outros que se sintan discriminados, aínda que a suma correspondente a ese conxunto xa sexa positiva. Remata tratándose de ser 'máis positivo', o mesmo que coa acumulación de cartos: ter máis co viciño.

Ah, e non meto no cálculo as desviacións de diñeiro, amiguismos e corruptelas varias ás que nos teñen afeitos, do Rei abaixo, calquera con poder público ou privado que se preze de poder tratar de ti a ti a outro poder privado ou público. Parece que non temos amaño.

Así que, que fixemos para non ser rescatados? Ser persoas, pagar impostos, vivir unha vida normal, vender o noso traballo por un salario. Só iso? Que sinxelo!

A sociedade creouse e desenvolveuse a consecuencia de ir medrando unha rede social, estendida ata canta persoa formaba parte dela. E parece que ben cedo se rachou a aparencia de igualdade, pero aínda así, sempre foi o desexo e esperanza dunha parte maioritaria da xente, e algo gravado de xeito indeleble na mente das persoas ao menos dende o lema da revolución francesa: 'liberté, egalité, fraternité'. O que non quere dicir, nin moito menos, que se conseguira, claro, senón que se fixo cada vez máis patente cando había desigualdade. E así agora chócanos (por empregar unha verba sinxela e suave) o que unha persoa teña prerrogativas para non ser xulgada, mesmo aínda despois de pasadas as condicións que serían a explicación para dita prerrogativa. Chócanos, pero non damos loitado dun xeito eficiente para que non pase, para que as grandes empresas e os poderes que teñen detrás sexan un sumidoiro de cartos ás que non lles importa moito a ineficiencia -ou nós- mentres manexen as canles polas que eses cartos lles chegan. Ou para darnos organizado para defender o noso dereito a ser iguais. Mentres, o camiño doado é seguir o das grandes empresas. Sexa para darlles os nosos cartos, na procura de traballo ou tentando imitalas no saqueo dos demais. Ou é que ti non queres ser rescatado?

Que non, que non se cambia o sistema? Que é preferible seguir coas contradicións? Que o propio sistema non tenta ver alternativas, senón compoñendas no sentido de 'cambiar todo para que nada cambie'? ... Ah, vale.
Gregorio Montes, Antonio
Gregorio Montes, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES