Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

'A morte de Galicia'

viernes, 15 de enero de 2021
Destas cousiñas da demografía, da pirámide poboación en forma de trompo, da Galicia envellecida e baldeira, a maioría falamos de oído, reflectindo o interesado balbordo dos medios. Pero Isidro Dubert, catedrático de historia e investigador, autor de libros e estudos sobre o tema, fala do que sabe. Do que ten pescudado no campo da familia, emigración, demografía.

Hai que coller folgos para se enfrontar ao libro. Ou coller atallos. A fin de contas o libro son trece estudos doutros tantos autores que saben. Pódense ler por separado. Galicia romana versus Galicia celta. Emigración e empoderamento feminino. Estereotipos e beneficios da emigración. O avellentamento. A manipulación electoral da emigración. Políticas asistenciais... Con atención ao limiar e ao primeiro estudo: 'Agoiros e agoireiros da morte de Galicia', de Dubert. Tantos temas, capítulos que interesan.

O certo é que agora estamos a asistir á 5ª vaga migratoria, en plena democracia, apenas tres décadas despois da que baldeirou de mocidade a terra entre 1950-1975. Para goberno e medios afíns, semella que a solución ao inverno demográfico está na volta ao natalismo. Xusto nuns momentos en que ter un fillo éche un luxo que moitas parellas novas, atrapadas nun modelo económico desapiadado, non se poden permitir.
Tratarase de culpabilizar aos vellos por vivir tanto? Transfórmase en bomba demográfica un éxito social: a lonxevidade con boa saúde. Ou responsabilízase ás mulleres por non ter os fillos necesarios para equilibrar o inestable e ameazador trompo demográfico. Mentres se ignora ou culpabiliza a decisión da muller sobre o propio corpo, traballo, a súa vida como algo hedonista e de costas ao país.

A realidade é outra. Vellos, emigrantes, mulleres termaron do país e vertebraron a nosa historia configurando o que estamos a vivir. Mentres preguntamos que foi das xenerosas e multimillonarias axudas que chegaron nas últimas décadas desde Europa para crear emprego, para potenciar outro modelo produtivo, para que o potencial humano protagonizara o presente e o futuro do país, para que centos de miles de rapazas e rapaces titulados non se viran na obriga de marchar dunha terra que inviste tanto na súa formación e logo expulsa tanto valor engadido.

Todo se intenta agochar coa ladaíña ideolóxica que lamenta o 'inverno demográfico', 'sangría demográfica', 'declive demográfico', 'baleiro demográfico', 'catástrofe demográfica'. Titulares de trazo groso, arrepiantes, escandalosos, pero incapaces de tapar o fracaso dos gobernos do país na etapa democrática. Cunha mala saúde de ferro, Galicia segue viva.

Moito que ler, moito que cavilar e remoer en "A morte de Galicia". De Isidro Dubert.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES