Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sentada na Soleira (2)

viernes, 15 de enero de 2021
A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA

II

Sentada na soleira
ti fías. A raiola
é unha freixa de sol
que abanea a túa roca.

E vendimando os acios
da estriga, o argalleiro
fuso roula ó teu lado
como un fillo pequeno.

Miña muller, no niño
dos teus beizos se pousa
o dondo vô do liño,

(...)( 9 ) da túa risa,
branco do teu lecer
teu neno medra axiña.

(Abaloo,
rebabao,
fía!

SEMÁNTICA
En canto ao nivel significativo, atopamos sentada, posiblemente na pedra da soleira da entrada da casa que os galegos orientabamos tan ben, sempre de leste a oeste para aproveitar a calorciña do sol que nesta terra sempre se agradece. Alí sentada, unha "freixa de sol", é dicir, unha fervenza de sol "abanea a súa roca". (A roca era un pau delgado onde se enrolaba a la ou o liño que se ía fiar).

A fiandeira, nunha metáfora continuada, "vendima", é dicir, vai tirando do liño, que se converte noutra metáfora ao chamarlles acios aos capelos ou febras da estriga: que é a porción de liño que se pon na roca para poder fiar mentres o fuso, ("instrumento de madeira, de forma arredondada e alongada, que se estreita nas puntas e que serve para fiar facéndoo virar por un dos extremos de maneira que retorce a febra") (1), mentres o fuso, digo, que leva o apelativo de "argalleiro", roula como se fose un fillo pequeno.

A imaxe parece a representación dunha Natividade, onde a fiandeira=virxe, cun neno=fuso no colo, está coidando e acariñando ao seu neno argalleiro, pero, de repente, pasa algo, entra o "EU" do poeta chamando "miña muller" á fiandeira, e o que parece ser unha entrada para algo moi importante, dilúese axiña cando o relator entra en escena para expresar unha cuestión banal pero sempre metaforizando a súa boca como "no niño/dos teus beizos" onde se pousan os dondos voos do liño que, ao trasluz dos golfaróns de sol, pululan e navegan polo aire como bolboretas que se lle van pousar na boca da deusa fiandeira.

Esta especie de virxe fiandeira entra outra vez de cheo no poema coa volta do posesivo. "túa risa", "teu neno", e cobra importancia o fuso como se fose un neno arrolado medrando dunha maneira controlada, continuada e rápida, como un deus ao que hai que abalar ocupando o berce do regazo para que se durma ou cale, debido á axitación do fuso nun desenfreado movemento circular a prol de encherse de fío que da roca se vai degraendo e alimentando, fillo ao que hai que dar os máximos coidados, xa que se debe "rebar" ou liberar cada pouco dos restos de rebo como se fose dun fillo con cueiros ao que hai que lavar, cambiar e peitear.

A composición remata nun "crescendo" dinámico de tres verbos, dous coa aparición enclítica dun pronome e o seguinte nun tempo imperfecto que mantén a duración da acción: "fía", nunha continuidade que nos dá a sensación da eternidade desta virxe que fai todo polo seu neno argalleiro, manténdose na intemporalidade do tempo que representa ese pasado imperfecto. Por iso, o poema non é pechado, como foi o anterior, aquí é aberto, e tanto, que supón unha innovación no mundo poético esa forma que nos leva do pasado ao presente, chegando incluso a acadar o futuro porque a acción de fiar mantense aínda despois de haber rematado un a lectura da composición, proseguindo a intemporalidade ata hoxe mesmo, ou ata o día en que este poema se volva a ler, no ano ou no século que corresponda, ela, a muller, está aí, sempre fiando.

NOTA:
1. R.A.G.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES