Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Respectemos a natureza

viernes, 15 de enero de 2021
Este epígrafe é un tópico. Pode, polo tanto, entenderse como unha trivialidade, como algo que non pasa de ser común e irrelevante; pero non quedemos na mera superficie da semántica dos termos, que eles mesmos poden abrir espazos acredores a ser ponderados. Así, este termo, TRI-VIALIDADE, tamén nos suxire a apertura de tres vías, que, se utilizamos cada unha para reflexións sobre o respecto a natureza, abre canles polas que poden fluír ideas de matiz científico, filosófico e, especificamente, estéticas e éticas, máis do que dan os nosos cada vez máis minguados folgos intelectuais.

Experimentamos como ao home/á muller ponnos gallardos o éxito en igual medida que nos desconcertan os fracasos. Élles que non sempre temos en conta que somos integrantes do Universo cun papel asignado no mesmo, por minúsculo e insignificante que sexa. El, o Universo, ten os seus DESIGNIOS, se me permiten PERSONIFICALO, sen que isto supoña ningunha concesión ao ateísmo, senón un recurso para facilitarnos a comprensión. Por conseguinte, dentro de límites bastante difusos, sempre estaremos CONDICIONADOS a un determinismo que nos impide antepor os propios DESIGNIOS aos do Universo, por moi boa acollida e éxito que teñan os nosos propósitos.

Velaquí por qué non nos convén esquecer o que vulgarmente coñecemos como RESPOSTAS DA NATUREZA, un sintagma que ben pode significar unha alarma ou advertencia de que estamos dificultando a súa dinámica evolutiva: Catástrofes de toda clase, como cambios climáticos e pandemias, que nos dan a medida do insignificantes que somos desde unha perspectiva cósmica. E socioloxicamente a maior catástrofe que nosoutros mesmos provocamos élles o desinterese pola verdade e a auténtica realidade das cousas. Aquí non acerta esta frase agostiña: QUID FORTIUS AMAT HOMO QUAM VERITATEM? ( ¿A qué ama o home máis que á verdade?).

Pero as nosas intuicións tampouco se quedan cortas aquí, e dunha forma non tan explícita como desexamos, lévannos a percibir o eco do que encerran as advertencias catastróficas, que nos instan a cambiar algunhas rutas erróneas do noso comportamento, a modo dun aviso dos seus extravíos, aos que nosoutros xustificamos cunha interesada racionalidade implícita, cuxo alcance poucas veces nos apresuramos a valorar en clave cosmolóxica, xa que non a entendemos como pragmática para a nosa singularidade persoal.

Reflexionemos, por exemplo, cos matices que deixamos apuntados, como nesta época de pandemia se constata un certo refluxo cidadán das grandes urbes ás aldeas, a eses fermosos lugares, nos que os seus habitantes, os DESPECTIVAMENTE CUALIFICADOS DE ALDEÁNS pola arrogancia do chulo da quenda urbana, adoran a natureza coas diversidades que ofrece a flora e fauna, e respiran o osíxeno dunha atmosfera pura. Non vamos ser nosoutros, empedernidos aldeáns, quen fagamos agora aquí unha gabanza da aldea, que xa fixemos noutras ocasións, lembrando a de ilustres personalidades. Deixémolos, pois, recrearse nos cementos e asfaltados, que manteñen o lustre dos zapatos; pero pidámoslles respecto para a natureza, pola coherencia que debería derivarse dos casos ocasionais nos que buscan nas aldeas apracibles refuxios.

E se necesitan outra resposta ben recente, da que a mímica das facianas evidencia o seu desagrado, teñan presentes as MUTACIÓNS XENÉTICAS DO COROAVIRUS para evadirse dos efectos inmunolóxicos das vacinas. E vostedes preguntaranse se había que renunciar a salvar vidas humanas para non contradicir á natureza. Por suposto que non. O que talvez sexa conveniente é pensar nos ataques ás vidas das distintas especies que integran a flora e a fauna, estendendo a polución, xa que pode ter algo que ver coa xeración de vidas, vexetais e animais, cada vez máis resistentes a moitos produtos que obtén o home/a muller nos traballos científicos.

Neste sentido hai ilustres e recoñecidos investigadores que non se contentan tampouco con comprender cada vez máis e mellor as microestruturas e as súas funcións nas diferentes realidades, senón que tamén utilizan os seus coñecementos para manipulalas, e nos seres vivos alterar incluso o xenoma, converténdose en verdadeiros creadores mediante a corrección dos mesmos designios da natureza. Isto, por suposto, lévanos incluso ao campo da filosofía e da ética que aquí só albiscamos.

O home/a muller, dotado/a pola mesma natureza de excepcionais capacidades intelectuais, non parece que deba esgotar a súa existencia sen preguntarse polo seu papel no Universo. Pero así, certamente, ábrese a necesidade de contestar unha serie de preguntas que, polo menos ata agora, non están ao alcance da ciencia, porque non se axustan aos parámetros reguladores dos seus principios epistemolóxicos, e cando algún científico pretende abordalas, acaba nos espazos filosóficos e éticos, afastándose, inconscientemente, daquela, utilizando, especialmente, a metafísica. Así pois, a ESTRITA RACIONALIDADE CIENTÍFICA cede o paso a RAZOABILIDADE FILOSÓFICA, sen renunciar esta, por suposto, as importantísimas achegas da ciencia.

Non nos é posible abordar neste lugar unha serie de cuestións derivadas destas suxestións, non soamente pola limitación do espazo, senón, principalmente, pola carencia da necesaria documentación, porque estamos (estou) a tres quilómetros da miña modesta biblioteca, nunha residencia, confinados pola pandemia; pero non creo que sexa un desacerto afirmar que deberían seguirse as leis que estruturan a dinámica do Universo, de acentuado matiz evolucionista, posto que desde o BIG BANG así se pon de manifesto nos seus correlativos efectos.

Sen dúbida, a aceptación destes presupostos comporta a necesidade de decidir se é o home o que, loitando con outros elementos da natureza, ven a ser un coadxuvante da evolución universal, ou un obstáculo do que a mesma natureza trata de evadirse mediante as catástrofes que van xurdindo, posto que os seus comportamentos con ela só se xustifican no primeiro caso, incluso os brotes hoxe tratados teoricamente como POST- E TRANSHUMANISMOS, se os seus designios son os do Universo. Neste caso, o sentido da existencia humana explicaríase, en perspectiva antropolóxica, vinculado ao seu papel no Universo. E o respecto á natureza sería consecutivo.

Así se explica que aclarar o papel do home no mundo sempre fora un empeño de certos intelectuais, e cremos que destacou polas súas interesantes intuicións o xesuíta Teilhard de Chardin, que se preocupou de encontrar sentido a existencia humana, cunha visión cosmolóxica. E tamén consideramos pertinente recordar que esa DIMENSIÓN TEOLOGAL (NON TEOLÓXICA), que aborda Xavier Zubiri, ven a ser un indicio do sentimento de limitación que embarga á persoa humana e lévaa a xustificar o de religación e vinculación a algo, do que se ocupa a diversidade teolóxica. Velaquí, tamén, a busca do fundamento e alcance do RESPECTO A NATUREZA, en versión ateísta ou teísta, dúas posturas que esixen cadanseu intento de xustificación, aínda que a primeira non debe escudarse nunha mera negación da segunda, senón que ha de dar razóns que a xustifiquen.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES