A canción da paciencia
Santalla, Iago - miércoles, 20 de enero de 2021
Cantaba o Zeca a canción da paciencia naquela última etapa protagonizada pola Ela.
Somos moit@s os que seguimos a súa estela musical alén dos tempos porque sabemos da súa grandeza e da súa importancia na historia lusa, galega e universal.
A canción da paciencia viña en "Como se eu fora o seu fillo" canda outro tema imprescindible como é Utopía. Na canción da paciencia dicía aquilo de "a vida não presta para sonhar" e penso que nun verso reflicte o momento que estamos a vivir. Certamente, non é tempo para facer realidade soños pero tamén é certo que os soños precisan dun tempo de xestación; entón, quizais sexa tempo de xestar para agromar a unha realidade máis xusta e leda.
Toda boa idea é primeiro soñada e xestada. Toda boa idea precisa a paciencia de quen planta unha árbore. Por iso, é tempo de cantar a canción da paciencia, sabendo que van correr as augas do río e que non imos mirarnos nelas pero que o noso tempo vai ser chegado para resarcirnos destes baleiros que nos morden.
Cantar a canción da paciencia quizais poña un bálsamo na alma e encha o folgo do corazón coa forza necesaria para resistir. Dixo o Zeca "já não tenho pena sei esperar. Pois esperemos en mil cancións, en centos de poesías ou nun verso ao que lle demos o valor da vida porque a vida volverá nos días de viño e rosas que todos merecemos.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora