Microrrelatos varios (V)
Sampedro, Pilar - miércoles, 20 de enero de 2021
Ao longo da vida houbo un tempo no que che preguntaban:
- E logo, non tes mozo?
- Non pensas casarte?
E opinaban
- Mira que o sol pasa pola porta
- Vas quedar para vestir santos
- Solteirona, así é como che van chamar
Ás que se casaban seica deseguida comezaban coa seguinte esixencia
- A que agardas para ter fillos?
- Aínda non quedastes preñada?
- E logo, non podes?
- Non lle vas dar un neto a teus pais?
E opinaban
- Non sei a que agardas
- Haste de acordar cando xa non podas...
Agora, estou noutra etapa
- A quen pensas deixarlle o que tes?
- Algo terás pensado, non?
- Quen ha de coidar de ti?
E opinan
- As cousas hai que facelas ben...
- Xa non es unha rapaza
Seguro, seguro, que esas preguntas e comentarios son protocolos aprendidos ao longo dos séculos que xa forman parte do ADN e que van coidando da especie. Seguro, seguro.
Andamos sen atoparnos
Cando restaurei a casa cambiei a distribución.
Non lembro cal foi a razón.
Agora agradézoo, porque sei que os antepasados camiñan por unha casa paralela e aínda que andamos todos polo mesmo espazo sepáranos algo máis que a dimensión.

Sampedro, Pilar
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora