Amigo contento
Xiz, Xulio - martes, 27 de mayo de 2008
Un amigo meu tiña no baixo da súa casa un restaurante clandestino e popular coa porta sempre entreaberta por non ter chimenea que dese saída ó bafo. E ó abrir calquera fiestra, entraban na casa os olores variopintos das comidas que alí se preparan. O remedio, está claro, pechar fiestras, pero meu amigo coida que merecía un pouco máis de atención municipal.
Sendo este amigo un pouco zoupón, cada vez que sae da casa tropeza cunha moto verde que un rapaz aparca sempre sobre a beirarrúa, ó lado do citado restaurante. O amigo sufridor estima mermados os seus dereitos circulatorios, e teme que como o rapaz leva moito tempo aparcando alí todos os días vai acabar collendo dereitos de ocupación, co que a cousa quedará así para sempre, agravándose o problema cando o rapaz cambie a moto por un coche.
Por fin, na rúa inmediata víatado día e noite a unha árbore un carroceto de man, dos que antes usabamos para traer as cousas das terras suburbás (rotulado La veloz), aparcado sen unha roda para non ser tan atractivo como para ser roubado ó deixalo na rúa.
Estas tres cuestión tiñan moi queimado ó meu amigo, pero segundo me indica, as cousas vanse amañando soas: La Veloz desapareceu do seu aparcamento e o restaurante clandestino pechou. Só queda o aparcamento no medio e medio da beirarrúa. E aínda que de cando en canto enfuciña contra a moto, anda ultimamente moi contento pola mellora da situación.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora