Microrrelatos varios (II) De min para min
Sampedro, Pilar - martes, 12 de enero de 2021
Buscando a meniña
Seguindo un poema de CarvalhoCalero púxenme no camiño de volver.
Entrei na casa dos avós, percorrín cuarto por cuarto buscándome. Non estaba. Pasei á horta e recollín un anaco de prato no que podían adiviñarse os debuxos sobre os que comera. Tampouco alí estaba. Daquela collín a corredoira e fun indo, facendo un percorrido polo que me levaban os pés sen preguntar. Parei a mirar nas paredes dos muros, alí onde recolliamos os porquiños e as coles para xogar ás comidas, subín ás pedras nas que seguían estando as cadeiras dos reis que recollían os corpos infantís, busquei entre as flores silvestres que noutro tempo recollía para poñer búcaros ás agachadas
Como nunha foto movida, dende o rabiño do ollo dereito pareceume ver unha rapaza coas coletas recollidas e co vestido de alivio nunha carreira que a sacaba de foco. Chameina e conteille baixiño que non era para nada malo, que non era a chamada dos maiores buscándoa porque se fixera tarde, que só era eu - ela querendo recuperala recuperarme, pero
nin así volveu.
Futuro incondicional
Metín as mans na caixa de fotos e atopei pequenas cousas que semellaban os restos dun naufraxio. Tiven que facer un esforzo porque o corpo botábame para atrás.
O que máis temía era a miña desaparición e todas esas cousas alí, a disposición de alguén para quen non significaban nada.

Sampedro, Pilar
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora