Microrrelatos varios (I) Arredor do pasado
Sampedro, Pilar - viernes, 08 de enero de 2021
Cabe a arqueoloxía nun museo?
-Un castro, un dolmen, unha rocha con petroglifos
convertidos en bonsais para poder meter nun edificio, cando debían estar ao aire libre, respirando, deixándose lavar pola chuvia -afirmaba o visitante ao amigo que o acompañaba.
-Si, debíamos entrar nós neles, písalos.
-Porque a natureza é un libro e nas súas páxinas está todo: os restos arqueolóxicos, as catedrais, as fragas e os vales. Tamén iso o levarán aos museos? Ou ás bibliotecas? Hai que deixar as cousas que sexan, que estean como están.
-Si, home, si. Tes razón. Empeñámonos nunhas cousas...
Achegouse o garda, que tamén quixo sentenciar:
-Oín dicir que nos tempos dos contos houbo un poderoso que se empeñou en facer un mapa a escala 1/1 para coñecer o seu territorio.
-Hai cada cousa
De verdade, eh, de verdade que non temos remedio.
Obxecto do pasado
Saíu do castro e baixou á praia. Recollía mexillóns nos baixíos da marea aproveitando o bo tempo. Abstraeuse no traballo e pensando no que contaran a noite pasada acerca dun exército que se viña aproximando. Homes de lonxe, con armas mellores que as que tiñan os seus; dispostos a conquistalos. Guerreiros que odiaban as curvas e construían dereito dereito. Daba medo pensalo pero se xa foran facendo coa Illa do Mar, co castro de Nadelas, así que estaban condenados.
Cando ergueu a cabeza non recoñeceu a súa aldea. Estaba raro, como se lle cortaran a cabeza ás casas; xente vestida de forma estraña andaba a mirar os restos; ao lonxe víanse construcións que non pertencían ao seu mundo.
Escoitou a alguén que dicía: -Mira, ela tamén semella unha peza de arqueoloxía, digna de levar para o museo. Sentiu que se facía pequena, cada vez máis ata que a colleron nunha man para observala mellor.

Sampedro, Pilar
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora