Sentada na Soleira (1)
Otero Canto, Xosé - viernes, 08 de enero de 2021
A POESÍA EN GALEGO DE FRANCISCO DE FIENTOSA
II
Sentada na soleira
ti fías. A raiola
é unha freixa de sol
que abanea a túa roca.
E vendimando os acios
da estriga, o argalleiro
fuso roula ó teu lado
como un fillo pequeno.
Miña muller, no niño
dos teus beizos se pousa
o dondo vô do liño,
(...)(1) da túa risa,
branco do teu lecer
teu neno medra axiña.
(Abaloo,
rebabao,
fía!
O poema referenciado co díxito II en números romanos que atopamos na obra de Ricardo Polín comeza polo verso, "Sentada na soleira", está referido a unha fiandeira, que podería ser representada como a personaxe dun cadro ao óleo no que unha muller está fiando, mentres unha raiola de sol entre a cachón pola soleira; podería ser un cadro de Sotomayor ou as fiandeiras de Millet o de Bécquer, irmán do poeta romántico.
A muller estará sentada na pedra do oco dunha porta ou fiestra balconeira onde acostuman a estar tamén os gatos, debido á calorciña que ceiba a pedra da soleira. Esta é a imaxe que denota o poema dividido en cinco estrofas e que se parece a unha forma de soneto de arte menor, mais sen os tres últimos versos, que parece como se o autor os engadira posteriormente.
ORGANIZACIÓN DO POEMA
1.- As dúas primeiras estrofas de catro versos teñen rima asonante (- a - a); isto é, riman os versos pares e quedan libres os impares.
2.- As dúas seguintes, -terceira e cuarta-, son dúas tercerillas con rima tamén asonante e riman o verso primeiro co tercero, quedando libre o segundo (b - b, c - c)
Tanto as cuartetas asonantadas como as tercerillas, son a "sílabas cuntadas", como diría Gonzalo de Berceo, os versos son heptasílabos, bastante infrecuentes na nosa lírica, aínda que houbo un florecemento deste verso na Xeración do 27, o que proba que o poeta estaba moi relacionado no Madrid da época e con coñecementos e amizades poéticas como a de García Lorca e Ramón Cabanillas, entre outros. O acento estrófico de case todo o poema é con ritmo iámbico salvo os versos 3 e 13, que o teñen trocaico.
3.- Remata o poema con outra tercerilla irregular: dous versos tetrasílabos e o último bisílabo.
Ata aquí a análise métrica.
MORFOSINTAXE
En canto á morfosintaxe, hai un predominio da segunda persoa en todo o poema, tan só se deixa ver a aparición da primeira persoa recoñecida no "eu" a través do posesivo "miña muller" na primeira tercerilla; o resto, é unha profusión do "TI", "muller que fías", e aínda que o feito de fiar dá a sensación de movemento, podemos falar dun poema bastante repousado, tan só a partir da segunda tercerilla, "teu neno medra axiña", se produce un movemento moi rápido representado pola última estrofa que está formada por tres verbos moi dinámicos, como corresponde a esta categoría, que corren como un río de montaña descendendo cara o chan: "Abáloo, rebabao, fía" (que debería ser "Abálao").
Vexamos a profusión da segunda persoa
(Entre paréntese vai a forma elidida)
Primeira Cuarteta: (Ti)"sentada"
"Ti fías"
"A túa roca"
Segunda Cuarteta: "E vendimando" (ti)
"roula ao teu lado"
"como un fillo pequeno" (teu)
Primeira Tercerilla: "teus beizos"
Segunda tercerilla: "...da túa risa"
"teu lecer"
"teu neno"
Terceira tercerilla? ou terceira estrofa:
"Abaloo". Coidamos que debe ser: Abálao (Ti)
"Rebábao" (Ti)
"Fía" (Ti)
AS TRES PERSOAS
Como podemos ver, o poema está representado por unha figura, a fiandeira, que o poeta quere magnificar coa súa estampa continuamente representada polo "TI", pola segunda persoa que se manifesta ao longo de todo o poema e de todo o que fai a fiandeira. Tan só aparece unha primeira persoa no verso nove, "miña muller", e que supón a entrada abrupta do "eu" para dicirlle que nos seus beizos póusase "o dondo vô do liño". A terceira persoa tampouco é significativa e aparece no poema para dar significados propios de outros substantivos como son : o sol, o fuso, o liño, o novelo (neno)
"...sol que abanea" (El)
"o argalleiro fuso roula" (El)
"...se pousa/ o dondo vô do liño" (El)
"...neno medra axiña" (El)
(Continuará)
NOTAS:
1. Ilexible.

Otero Canto, Xosé