Á beira do Camiño: ¡Compartir!
Mato, Xesús - lunes, 26 de mayo de 2008
A Festa do Corpo do Señor, que se mantén viva na cultura occidental cristiá, fálanos de pan e de viño, símbolos da vida, alimentos esenciais para a subsistencia humana. Pan e viño que sobre/abondan no primeiro e rico mundo e escasean nos outros cando seguen a ser elementos esenciais de toda mesa humana. Para os cristiáns e persoas de boa fe é chamada a compartir
Un proverbio hindú afirma: todo o que non se da, pérdese. No rural aínda concretan máis e mellor: O pan que non se gasta, podrece Que vén a ser o pan que non se da, reparte ou comparte, estrágase. Todo isto ven a conto nesta sociedade egoísta e consumista que chega a tirar o leite, a carne e a estragar o pan con tal de que non baixen os prezos no mercado.
Compartir o pan (¡todo pan!) co pobre, co inmigrante, co famento ou sedento é un mandato do Evanxeo. Doutro xeito é profanar o Corpo do Señor, que segue a estar nos pobres, excluídos, os auténticos vigairos de Cristo na Terra, como deixou dito Xesús: ¡Os pobres están (terédelos) sempre convosco!. O que fagades con cada un deles, estades a facermo a Min.
Cáritas recordárnolo, de novo. Os dereitos humanos son universais; o único que nos diferenza son as oportunidades. As desigualdades seguen. As de xénero e as outras. As mulleres fan un 70% do traballo e págaselles un 20% menos. Por riba, non se lles recoñece nin agradece. Cómpre traballar por implantar a xustiza. O noso compromiso é compartir o pan cos excluídos (¡tamén cos xitanos!) con aqueles aos que se lles nega ou atropela a súa dignidade de persoas. O cristián debe ser fermento da fraternidade. ¡Quédanos moito pan que repartir e compartir!

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora