Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Déjà Vu

viernes, 23 de mayo de 2008
Ninguén se baña dúas veces na mesma auga dicía Heráclito, e sen embargo hai días que un ten a sensación que está no mesmo río, na mesma auga, á mesma hora e co mesmo bañador. Como se nada mudase, coma se o mundo xirase tan rápido que cando te dás de conta xa estás no mesmo sitio. Digo eu, e non digo nada, pero non tedes a sensación ás veces, cando vos erguedes pola mañá, de que xa vivistes iso, o “déjà vu” que din os franceses, repárese na pronuncia da Sorbona. Pois a min pásame co frecuencia, esta semana sen ir máis lonxe, levanteime o mércores e comecei a escoltar cousas pola radio que xa me soaban: bomba, cuartel, morte, banda terrorista, garda civil... efectivamente tratábase dun déjà vu, eu aquilo xa o vivira. E efectivamente, xa o pasara, atopei a proba na historia que lles vou ler a continuación e que está datada no 9 do XI do 2001:

“Aquela mañá miña nai levantoume, como tódalas mañás para ir á escola ás oito e media, deume os bos días e díxome que non enredase que ía chegar tarde coma sempre. Non sei por qué, pero pareceume que non era como tódolos días. Meu pai aínda estaba sentado na cociña tomando o café, a el gústalle cunhas unhas galletas Fontaneda. Teño que dicir que aquelo non me cadrou, cando ía cara o baño co pixama aínda posto chamoume e deume un bico e unha palmeada no cu, ¡isto si que era novidade! Definitivamente non era como tódolos días, a radio estaba a todo meter, como cando xoga o Celta, pero a retransmisión non podía ser a aquelas horas. Nisto apareceu mamá e deume outro pantalón dicindo que haber cantos días ía poñe-lo mesmo, iso amoloume co que me gusta a min o vaqueiro que me regalou miña tía Asunción.

Cando cheguei á cociña para almorzar meu pai xa se fora afeitar e xa recendía toda a casa ó ducados da mañá. Miña nai andaba como nerviosa, dun lado para outro, cun aquel de quen non ten nada urxente que facer e que sen embargo ten a necesidade de remexer, pedinlle máis cereais e entretívenme afundíndoos no leite como faría un pirata coa armada inimiga. De repente a maquiniña eléctrica de papá parou de súpeto e a miña nai caeulle unha cunca que estaba lavando no vertedeiro, como me caera a min non me libraba dun lapote ninguén, o caso foi que mamá foi rapidamente onda meu pai mentres eu seguía mandando barcos pique. A radio seguía retransmitindo e oín algo dun garaxe e dunha familia que ía nun coche, debían de ser moi importantes porque o locutor falaba deles con moita gravidade e respecto.

Ó acabar de come-los cereais meu pai chamoume porque se ía e cando lle dei un bico pareceume que tiña un non sei que nos ollos, como máis brandos. Ó marchar pregunteille a mamá que qué lle pasaba e ela díxome cunha voz morna: -ten medo- ¡Bo, mamá non se entera! ¡como vai ter medo papá, se leva un uniforme impoñente e ten unha pistola chulísima!¡que parvada!.

Collín a carteira para escola, que a miña ten rodiñas como a do Fonso, e dispuxémonos a marchar á parada, non sei porque se empeña en vir ela, como se eu fose un neno pequeno. Antes de saír aínda escoitei na radio “se confirma de nuevo la barbarie de Eta...”. Pensei para min, ¡si ho, como estivera alí o meu pai!.

Lamento discrepar dun clásico pero non estou nada de acordo con Heráclito, non só nos bañamos na mesma auga senón que estou por afirmar que bebemos a mesma auga sempre, sempre a mesma, sempre a mesma, sempre o mesmo...
Ansemil, Xosé Luis
Ansemil, Xosé Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES