Micropensamentos varios (I)
Sampedro, Pilar - miércoles, 06 de enero de 2021
A memoria é unha evocación
Non é unha crónica, nin un mapa ou axenda.
É mentireira, tanto que lle conta unha cousa distinta a cada unha das testemuñas, tanto que ás veces non se recoñece a historia segundo a contan uns ou outros.
Eu, non me asumo no relato dos que me acompañaron na vida.
Era inevitable, estaba escrito
Tiña mala sorte, fixera o que fixera non daba saído da lameira. Unha desgraza viña detrás da outra. Unha muller con mala sorte, tan mala que semellaba mirada por unha bruxa. A suma de calamidades parecía inevitable. Estaba escrito nas estrelas ou no libro dos enigmas ou no caderno da vida.
Porque a palabra escrita queda fixada, é imposible borrala ou cambiala.
Quedou escrito!
Ás veces ese escrito, en forma de sinatura, tiña deixado a alguén sen algo que posuía: perdeu a casa por botar unha firma, perdeu canto tiña por avalar a alguén, perdeu a vida por ler o futuro nas cartas da baralla.
Vouno escribir, para que non pensen que non me dei conta.
Escribiuno para confirmalo máis tarde, así que lle puxo a data..
Unha conciencia intuitiva.
Unha profecía autocumprida?
A morto por día.
Onte souben da morte de alguén que vira hai como un ano e do que ninguén me comentara nada.
Hoxe preguntei por outro que levaba tempo sen contactar, sen responder ao whp, desaparecendo o imaxe... e, tamén morto. Estrañas condicións, mais perto, iso doe. Teño unha tarde chorosa. Caen bagullas ante o sol de verán. Sempre queda tanto por facer, tanto por falar, tantas posibilidades de reconducir as cousas. Hai catro días emocioneime mentres -en público- falaba desa condena dos humanos de sabernos mortais, pero xogamos a esquecelo ata que a realidade te golpea cunha ladaíña de noticias encadeadas.
Onte tamén, me encontrei coa imaxe de alguén que non recoñecería, seguía agardando a da mocidade, agora é un vello gordo e desfigurado que podería ser seu pai pero non el.
Ímonos degradando e por veces perdemos a referencia. Agora podo entender que xa non é o que foi, e que forme parte do exército de seres escuros que apoian o mal baixo a aparencia de inconsciencia ideolóxica.

Sampedro, Pilar
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora