Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As mulleres e o País do Gran Furado

lunes, 04 de enero de 2021
As mulleres e o Pas do Gran Furado Non cabe dúbida de que a editorial Baía está comprometida coa igualdade. Conta coa colección "Contos da Igualdade" cos títulos: Un día de treboada, Alfombriña; Nera, a Ferreira,O meniño Nito; Entón, os homes choran ou non? e o exitoso, Xela volveuse vampira, de Fina Casalderrey.

Convoca o Premio Fina Casalderrey de Literatura Infantil pola Igualdade. Na primeira convocatoria resultaron ganadoras, ex aequo, as obras: A reconquista de Antía Yáñez e Vermella de Sabela Losada. Na segunda convocatoria recaeu o premio sobre O País do Gran Furado de Xerardo Quintiá, unha proposta moi orixinal.

A modo de alegoría, tráenos unha historia esaxerada e divertida, que nos conta que nese país (do Gran Furado) hai un tirano de nome MAXI-Miliano que lles prohibe ás mulleres ler poesía, andar coas orellas porcas, comer perdices e ser felices. A rima,xunto co ritmo, vai facilitar a lectura facéndoa máis atractiva; a relación co conto tradicional achegará recursos do gusto da infancia

A historia do ditador todopoderoso que oprime as mulleres axudado polos 18 ministros e os 19 policías (coa colaboración dos "propios homes que se chivan") móvese no linde entre a realidade e a fantasía. Si, a pesar do absurdas e arbitrarias que nos resulten as prohibicións,estanos levando ao marco da Matilda de Roald Dahl onde as situación son tan esaxeradas que resultan incribles, pero certas.

Quintiá propón unha situación de despotismo, da que as mulleres só van a poder saír enfrontándose a MAXI-Miliano; daquela aparece alá no norte, Toribia, a poeta revolucionaria, a cantante das Eskorna-Kabras "que loitará e loitará e a ese tirano derrocará". Despois dunha noite na que o ditador ten pesadelos con ela e ha de ser arrolado polos ministros, dende a cima do penedo, as Escorna – Kabras (ao completo) bótanlles unha rede e lévanos a un curral onde permanecen entre as galiñas sometidos a facer todo o que eles prohibían ás mulleres (comer perdices, escoitar poesía e sen lavar as orellas) ata que piden parlamentar. Toribia negocia que se acaben as prohibicións para que homes e mulleres poidan facer o mesmo traer de volta, á superficie, as mulleres que tiñan desterradas no Gran Furado.

Nin queda Toribia de tirana nin os homes terán que traballar agora mentres as mulleres xogan ás agachadas, non, elas non van mandar, non lles interesa, o que queren é igualdade, que uns e outras poidan facer o mesmo: traballar e xogar. Tampouco castigan aos que tanto mal lles tiñan feito non deixándoas ser felices, non, tanto o tirano coma os ministros poden marchar a onde queiran, incluso quedar acompañando a Toribia ao piano (tal como se nos mostra na última ilustración).

Demóstrase así que son reais, as reivindicacións das mulleres por querer facer o mesmo que os homes, nin máis nin menos, como se demostra nese final.

Noemí López fai un traballo impresionante que ademais de interpretar marabillosamente o texto, enriquéceo. Por exemplo, cando Quintiá escribe que as Eskorna – Kabras "visten chupas de coiro e peitéanse con cristas laranxas" Noemí, vísteas con roupa tradicional debaixo da chupa de coiro e a gaita aparece entre os instrumentos eléctricos e a batería. Esa mestura entre o tradicional e o actual remítea ao país e fai medrar a historia dotándoa de simboloxía e, incluso, facendo que a rapazada identifique a Toribia cunha cantante galega reivindicativa e feminista á que as pequenas seguen. A ilustradora vai máis alá do texto, creando en paralelo; así, viste as mulleres cun uniforme rosa que semella unha bata de traballo, o pelo recollido e zocas nos pés. Zocas e zapatóns levan tamén as Eskorna-Kabras pero elas visten de todas as cores (con predominio do lila) e a súa expresión é de enerxía e ledicia. Unha das imaxes mostra no lado esquerdo un concerto desta banda con cores e luz, mentres na dereita da páxina, vemos a escuridade pola que atravesa unha muller, tapada con carapucha gris, que mira con desconfianza para os lados. Semella representar a clandestinidade e a oposición entre unha realidade escura e a outra luminosa… que se vai anunciando. A ilustradora incluso se toma a licencia de introducir unha muller entre os ministros, porque tamén sabemos que pode haber algunha ministra e que iso non vai cambiar as cousas. Da mesma maneira, na presentación do país, Noemí fainos unha chiscadela ao Principiño e o seu planeta, porque alí igual que aquí hai volcáns; o Gran Furado non pode ser outra cousa… Ás persoas adultas vennos á memoria ese volcán nicaragüense ao que o ditador Somoza botaba aos opositores ao réxime, porque a realidade é, por veces máis máis terrible que a ficción, pois aquel estaba en erupción.

Ilustradora e escritor compleméntanse, tamén, nese gran contrapicado que aparece na portada mostrándonos a tirano e ministros no borde mirando para abaixo, dende o punto de vista das mulleres que están dentro do Furado, ese furado que as agacha, que non permite que se vexan, manténdoas no silencio, nesa mesma invisibilidade á que foron sometidas ao longo da Historia.

Na penúltima plana, móstranos por medio dunha sección vertical a saída das mulleres e a paisaxe de dentro e fóra, abaixo e arriba, adoptando o plano normal coa mirada.

Humor, moito humor porque un tirano no colo dos ministros morto de medo por un mal soño ou as galiñas aniñando encima da cabeza de tan altas autoridades, só poden levar a rir a cachón. Pacifismo porque a situación amáñase falando, negociando as condicións do cambio e nin sequera tomando represalias. Feminista porque interpreta o movemento de maneira axustada, cando mostra que o que buscan elas é facer o mesmo ca eles, ser felices xuntos.

Xerardo Quintiá semella un militante da igualdade, tal como nos tiña mostrado xa anteriormente con aquela xoia que nos falou de lesbianismo para as pequenas da maneira máis natural que se podía. Grazas pois por aquela Titiritesae esta Toribia.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES