Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Belén de Begonte peregrina ós nosos fogares

lunes, 04 de enero de 2021
Onte, poucos días despois de asisitir á entrega dos premios do Certame de Paradela, puiden visitar de novo o Belén de Begonte. Isto non tería nada de especial, se non fose porque vivo a miles de kilómetros de distancia de Paradela e de Begonte, e a última vez que respirei aires galegos foi hai xa doce meses.

Normalmente a nosa longa emigración – van xa dúas décadas – vese compensada cada ano por vacacións en Galicia no verán e no Nadal. Pero a pandemia fixo que neste triste 2020 non puideramos visitar a nosa terra e os nosos seres queridos.E aquí estamos, en Bristol, a miña dona, o meu fillo e máis eu. Os tres padecendo o que ben se podería definir como unha saudade, versión século XXI. Sen dúbida moito máis levadeira cá dos emigrantes galegos que ó longo do século XX fuxiron en percuro de pan e de traballoá outra beira do Atlántico, a alonxados países europeos ou a outras terras españolas. Distinta cá deles, si, pero saudade do mesmo xeito, ferinte e fonda.

A ausencia da terra mai e das persoas vese en parte consolada no meu caso por unha mistura de lembranzas de tempos idos. Tamén, gracias a Deus, polos bos momentos que tamén puidemos disfrutar ó longo deste ano que nos tocou vivir. Entre estes, atópase a miña visita ó Belén de Begonte que vos veño de contar, unha visita tan inesperada como ben recibida. Todo gracias a que neste ano, en vez de ser nós os romeiros que visitan Begonte, foi o propio Belén electrónico o que peregrinou virtualmente dende a Terra Chá ó noso lonxano fogar. Con el, trouxo mensaxes xenuinas – esperanza, amor, fe, ilusión, paz, bondade... – harmonizadas pola historia, a paisaxe e a lingua. E transmitiunos, un ano máis, a Boa Nova do Neno-Deus na noite sagrada do seu Nacemento.

Como se dunha película se tratase, pasan pola miña lembranza ontes vivenciais que perduran no tempo...sonose pasados fuxidos imposibles de reescribir... ficcións enxendradas por esperanzas dun futuro mellor.

Un día para a lembranza

- Avoíño, o Cosme díxome que os Reis Magos non existen.
- ¿E logo, Xaniño, por qué che dixo tal cousa?
- ¡Dixo que ningunha persoa podía vivir máis de dous mil anos!
- Non che é certo de todo, meu gazafurriolo. Hai persoas que si poden vivir tanto tempo, e máis aínda.
- Non será tal... – replicou descrido o pícaro rebuldeiro.
- ¿Queres velo cos teus propios ollos, non si?
- ¡E como non hei querer!

Pouco tempo despois, Xan encetaba con Xaniño o camiño cara Begonte, debullando cantares polos vieiros da Terra Chá, para peregrinar unha vez máis á capital do Nadal en Galicia.

Ó entrar na sala do Centro Cultural Xosé Domínguez Guizán, atoparon á dereita, imponente, o Belén electrónico de Begonte. Ducias de nenos e maiores sentados nas gradas agardaba na entrada, como prescribe o ritual, dun último espectador. A este privilexiado lle foi concedido un momentáneo descanso da crueza invernal da espera, arrexuntado cos demais no calor da sala. Péchase a porta e procédese a dar comezo á función.

A sorpresa de Xaniño ó ver un Belén tan grande e tan ben posto trocouse en abraio cando comezou a funcionar recreando, con escenas chairegas, o nacemento do Neno Xesús que acontecera en Belén hai dous milenios.

- Mira avoíño ¡como se move o muíño! ¡e a auga do río! ¡e as persoas tamén se moven...!
- Acouga Xaniño... ti fíxate ben nos detalles, que así saberás por qué algunhas persoas poden vivir dous mil anos, ou máis.

A atención de Xaniño non daba feito. O rapaciño non daba creto do que estaba a ver e sentir. Diante del, a fermosurada vizosa paisaxe chairega, surcada por regatos... pequenos outeiros e lombas verdes, presidida ó final por unha serra... A escena acubillabao muiño, as casas, a torre, os alpendres, as pontes feitas de pedra... todo inspirado na arquitectura rural galega, ofrecendo unha exacta panorámica do noso ancestral xeito de vivir, aquel dos galegos da Terra Chá. O conxunto era testemuña viva da ciclicidade cotiá na que xermolou a nosa eterna salvación – dende o mencer ata a noite presidida pola lúa e as estrelas, coa presencia de néboa, tebras, lostregos, tronos, chuvia…

Pero foron as figuras en movemento as que máis atraían a atención do rapaciño. A brillantez técnica acadada polo chorado José Rodríguez Varela daba vida a un cento de figuriñas que, con automáticos movementos coreografiados e en perfecta sincronía electrónica, transmitían fermosamente tantas realidades certas que acobillaban un pedazo da nosa historia. O segador, o alfareiro, o muiñeiro, o carpinteiro, o pescador tentando sacar a troita do río… a vida de persoas sinxelas, traballadoras, representadas no seu traballo diario nun entorno herdado dos seus pais. E, por riba de todos, María e Xosé arrolando amorosiñamente ó Meniño no barrelo, e os Reis Magos encamiñándose cara o pesebre. Ó mesmo tempo, gardas armados patrullando no cimo da torre almenada do poderoso Herodes...

Cando rematou a función, a emoción de Xaniño expresouse en forma de preguntas e comentarios dirixidos ó seu avó.

- ¿Viches o pescador, e os que cortaban a árbore caída, e como se movía o muíño?... ¡E había soldados no castelo! ...¡E fíxose noite, e houbo raios e tronos, e de día chovía e vin un arco da vella de verdade no ceo! ... ¡Ah, e tamén vin ós tres Reis Magos viaxando dende lonxe para darlle regalos ó Neno Xesús!

Xan respondeu estas preguntas e moitas outras tantas froito da desbordada fascinación do seu neto. Detalloulle en qué consistía a tarefa ancestral que estaba a desenvolver cada persoa representadoa naquel nacemento. Pero non tivo a oportunidade de contarlle por qué hai persoas e mensaxes que chegan a vivir tantos anos. Non fixo falla. A semente depositada en Xaniño aquela noite en Begonte xermolaría co tempo, ofrecendo a resposta axeitada anos máis tarde, cando o neno medrou e se fixo home.

Un anaco de ceo en Begonte

Horas despois, de volta xa no seu fogar, Xan misturaba a emoción do momento vivido co seu neto cun sentimento da súa propia infancia sesenta anos atrás. O vello chairego non tiña conciencia do instante preciso da súa nenez no que sentiu saber, con certeza, cómo era o ceo. Pero lembraba nidiamente que, para el, o ceo era como un fogar de eterna felicidade dende o cal se podería sentir, vivir e revivir plenamente e con gozo todo o acontecido, o que acontece e o que queda por acontecer.

No maxín infantil de Xan, o ceo era pois unha infinda existencia na que sentidos e vivencias ilimitadas eran a máxica e impulsora forza da vida eterna. Seis décadas despois, ó ver cómo o seu gazafurriolo se imbuía na visión celestial do Belén de Begonte, Xan matinaba por qué non ía ser certa a súa imaxinación infantil daquel anceiado ceo. Ben sabido é que a sinxela inocencia dos nenos é unha verdadeira fonte de amor, e que é nos meniños onde se atopa a máis pura poesía e a máis sinceira bondade.

Esperanza, amor, fe, ilusión, paz, bondade... son anacos de ceo encarnados no Belén electrónico de Begonte, claramente perceptibles polos inocentes e puros corazóns dos nenos. Sobre todo cando proveñen tamén doutro neno, o Mesías enxendrado e enviado polo Pai hai dous mil anos para amosarnos que o ceo existe.

A escenificación electrónica da Encarnación do Verbo transmite con eficacia,tanto a nenos como a maiores, aquela Boa Nova manifestada nun Pequeno que vive connosco. Certamente o Belén de Begonte é testemuña sacramental da existencia dun ceo que agarda por nós. Ó contemplar o Belén de Begonte, os centos de milleiros de peregrinos que o levan visitando ó longo dos anos, nitren nos seus corazóns a semente da Mensaxe. Semente contaxiada a moitos outros, que os convertirá en peregrinos do Begonte do Belén.

A roda do tempo non para nen acouga

Xaniño, seguindo o inevitable ciclo das nosas vidas, medrou. E, ó facerse home, foron xermolando nel, unha tras outra, as sementes pousadas no seu corazón pola roda do tempo. A roda do tempo non para nen acouga, pero hai cousas que nunca cambian, como a poesía que rezuma un meniño no colo da súa mai. As verdadeiras mensaxes nunca morren. Perviven e repítense cíclicamente.

Así foi como, tres décadas despois da visita de Xan e Xaniño ó Belén electrónico, aconteceu outro día para a lembranza no Centro Cultural Xosé Domínguez Guizán. Xaniño percorre coa súa filla os mesmo vieiros nos que el e o seu avó, o chorado Xan, debullaran cantares na súa peregrinación á capital do Nadal en Galicia. Era a primeira vez que a súa filla visitaba o Belén electrónico.

Ficou tan abraiada e emocionada como ficou o seu pai trinta nos antes. As preguntas da rapariga resultáronlle familiares a Xaniño. Referíanse ó pescador, ós homes que cortaban a árbore caída, ó movemento do muíño, ós soldados no castelo, ós raios e tronos transformados nun arco da vella pola chuvia e o sol... E como non, ós tres Reis Magos que ían darlle regalos ó Neno Xesús.Pero unha das preguntas, inesperada, deixou a Xaniño sen resposta.A rapaciña non coñecía qué estaban a facer moitas das figuriñas do Belén. ¿Por qué algunhas pegaban golpes a esas herbas no chan? Outras dábanlle voltas a unha cousa redondeada posta enriba do lume. ¿Qué faría aquela muller sentada cun estrano aparello con fíos?...

Xaniño esquecera as agarimosas respostas que ouvira dos beizos do seu avó. Explicacións coas que lle detallaba as tarefas ancestrais que estaba a desenvolver cada home e cada muller no nacemento. O esquecemento de Xaniño era un reflexo do esvaecemento ó longo dos anos dos costumes ancestrais representados no Belén, moitos deles esmorecidos tal vez por sempre das vidas dos galegos da Terra Chá.

Pero o xeito de vivir en tempos pasados non se esmorecerá totalmente das nosas memorias mentres haxa testemuñas históricas como a do Belén de Begonte, que garda garimosa lembranza da vida dos nosos ancestros para regalárllelo a presentes e futuras xeneracións.

Welcome home, Begonte’s animatronic crib (Benvido ós nosos fogares, Belén de Begonte)

O ruido dunha ambulancia camiño do hospital trunca as miñas mornas ensoñacións do pasado e do futuro, e devólveme á realidade que estou a vivir. A visita virtual do Belén de Begonte no meu lonxano fogar ofreceume este ano novas ensinanzas. Sabido é que os valores recollidos no Belén de Begonte son valores duradeiros. Ó longo de case medio século, foron compartidos por todos os que o visitaron fisicamente.

A pandemia do COVID-19 non foi quen de paralo. Tentouno, si, imposibilitando as visitas presenciais que levaron centos de milleiros de visitantes á sede do Belén de xeito ininterrumpido durante cinco décadas. Pero a forza da súa mensaxe é demasiado importante como para deixarse acalar. Gracias a persoas concretas e á maxia da tecnoloxía, o Belén de Begonte é accesible virtualmente por todo o mundo a través de internet.

Outro dos motores impulsores da difusión do noso Belén é a forza da lingua. A linguaxe visual e sonora ofrecida polo Belén de Begonte é comprensible por nenos e maiores. O sorriso do Neno-Deus no berce protexido polos seu pais, a sonoridade de raios e tronos, o río escorregando, o treinar dun muíño ou o silencio creado polo medo ó poderoso empoleirado no seu castelo, fan do Belén de Begonte un esperanto artístico-relixioso comprensible ó longo do mundo.

Pero a mensaxe da Natividade begontina é moito máis fonda ca imaxe e o sonido do seu Belén. O meu pai deixou escrito nun artigo premiado no certame de Begonte o ano 1988 que "O Belén de Begonte armoniza o misterio do Nadal coa paisaxe e a lingua galega". A lingua dun pobo, arrequentada ó longo dos séculos, é unha poderosa ferramenta coa forza de xunguir desexos, definir identidades, transmitir historia e labrar futuros. Por iso é tan importante a iniciativa levada a cabo este ano de engadir texto en galego, castelán e inglés ó video virtual do Belén de Begonte.

Gracias ó poder da lingua, moreas de persoas que nunca poderían comprender plenamente o significado do noso Belén, teñen a oportunidade de velo nas súas casas e, ó mesmo tempo, escoitar na lingua propia a súa historia e o seu porqué.

Gracias a todos os que facedes que o Belén de Begonte sexa unha realidade viva

A realidade que vivo neste instante é gozosa e pode ser compartida por xentes de todo o planeta. Somos moitos os que estamos a ver e sentir un pedazo de ceo nas nosas casas a través da mensaxe, en Begonte, dun Neno-Deus que morreu por nós hai tantas centurias. Pero, ¿cáles son os motivos desta milagre?

A forza da mensaxe transmitida por Xesús, chea de esperanza, amor, fe, ilusión, paz e bondade é, sen dúbida, o motor fundamental do Belén electrónico de Begonte. Pero a enerxía impulsora dese motor atópase no traballo e dedicación de persoas que contribuíron e seguen facendo realidade esta iniciativa ó longo de case medio século. O admirable facer de bos e xenerosos como don José Domínguez Guizán, Xulio Xiz, don Jesús Dominguez Guizán, José Rodríguez Varela, José Luis Hernangómez Sastre, Pilar Gómez García, María José Cruz Veiga (Teté), Antonio Giz... posibilitan a pervivencia do Belén de Begonte. A esta lista de persoas hai que engadirlle moitas outras ducias de nomes propios de homes e mulleres, chairegos e non chairegos, que contribuíron e seguen a contribuir individual, colectiva e institucionalmente ó exito desta iniciativa multidimensional.

Multidimensional porque, engadido ó feito de ser un Nacemento de figuras animadas electrónicamente, único en Galicia e no resto de España, arredor do Belén de Begonte véñense creando un cúmulo de actividades culturais que lle dan aínda máis importancia se cabe. Destacan o museo do Belén, a páxina web do Belén http://www.belendebegonte.es/ e catro certames celebrados anualmente: o certame de arte "José Domínguez Guizán", o Certame Nacional de Poesía sobre O Nadal, o Certame de Xornalismo sobre O Nadal e o Certame de Debuxo infantil.

Pero ademaisde ser unha iniciativa multidimensional, o Belén de Begonte tamén é unha experiencia multixeracional. Eu podo dar constancia delo. O Belén de Begonte e máis eu somos case da mesma quinta. Nacín en xuño de 1971, uns meses antes ca el, así que pódese decir que medramos xuntos. Dende aquel día para a lembranza no que o visitei cos meus pais por primeira vez, foron moitas as sementes depositadas en min ó contemplar a fermosa escena representada e asmagníficas figuras animadas electrónicamente.

Ó longo dos anos descubrín mensaxes de fe e esperanza harmonizadas na paisaxe, na lingua e na música galegas. Nomes propios da miña familia quedaron xunguidos por sempre á historia do Belén de Begonte. Teño o orgullo de ser fillo dun escritor laureado con varios premios no Certame de Begonte, Manuel Rodríguez López, o poeta que dá nome ó Certame de Paradela. O meu pai é un exemplo de que hai persoas que seguen a vivir entre nós trascendendo a morte, neste caso trinta anos despois do seu falecemento. E teño a sorte de ser o pai do autor do texto e da voz da versión inglesa do video do Belén virtual. É unha ledicia escoitar como o meu fillo Carlos Rodríguez Otero contribúe a diseminar a mensaxe e a historia do Belén de Begonte ó mundo de fala inglesa.

En cada nova visita, o noso Belén tenme agasallado con novas sementes. Este ano, gracias á súa visita ó meu fogar,decateime que en Begonte se atopa un anaco dese ceo no que sempre crin cando era neno. Tamén sinto renovada no meu peito a mensaxe de esperanza transmitida polo Neno-Deus.

O meu desexo é que a Boa Nova se convirta nunha pandemia aínda máis poderosa que encha de paz e amor todos os recunchos do noso planeta. E que con ela vaia un xermolo que faga que moitos de nós voltemos a visitar, ou visitemos por primeira vez, as terras de Begonte e o seu Belén físico. Que, na súa presencia tanxible sintamos a emoción compartida por tantos na sala do Centro Cultural Xosé Domínguez Guizán. Que peregrinemos de novo, ou por primeira vez,polos vieiros que conducen á Terra Chá. E que lles demos gracias ás acolledoras xentes chairegas por dar a coñecer durante tantos anos, co seu noble e decidido traballo, en Begonte e no mundo enteiro, a Mensaxe de paz e amor do Neno-Deus.

( O Dr. Santiago Rodríguez López, especialista en Xenética, e profesor na Universidade de Bristol)
Rodríguez López, Santiago
Rodríguez López, Santiago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES