Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mensaxe de Fin de Ano do Presidente da Xunta de Galicia

viernes, 01 de enero de 2021
Mensaxe de Fin de Ano do Presidente da Xunta de Galicia Moitos de vostedes lembrarán este escenario. Ao longo deste ano, en numerosas
ocasións, utilicei este mesmo atril para comunicarlles datos sobre a evolución da
pandemia, acordos relacionados coa situación sanitaria e medidas para combater a covid-
19.

A miña primeira mensaxe ten que ser para recordar a aqueles galegos que nos dixeron
adeus para sempre por culpa da pandemia.

E tamén para as súas familias, e para todas as que neste ano tan difícil despediron a un
ser querido por calquera razón. Foi un ano no que nin sequera puidemos dicir adeus como
nos gustaría aos que se foron. Sabemos que ese inmenso baleiro nunca se poderá
compensar.

Hoxe quero utilizar de novo este atril para compartir con vostedes a idea de que este foi
un ano para esquecer. Pero tamén para recordar.

Foi o ano no que estivemos confinados. Foi o ano das medidas de prevención ás que non
estabamos acostumados. O ano no que moitas familias sufriron dificultades de todo tipo
que ninguén agardaba.

Porén, estes meses tamén teñen outra faciana que nos permite sentir un lexítimo orgullo.
Todos pensamos nos profesionais sanitarios que deron o mellor de si para curar e salvar
vidas. E nos traballadores das residencias de maiores que os coidaron e os protexeron da
soidade.

Todos temos presentes aos profesionais educativos e aos nenos e adolescentes que se
adaptaron a novas normas de maneira admirable. E a aqueles que se esforzaron por manter
servizos indispensables para nós. Todos admiramos aos que nunca se renderon, á xente
solidaria que sentimos preto de nós neses momentos angustiosos.

Galicia afrontou esta proba inédita con resolución e sen medo. Nos fogares, nos centros
de traballo, nas rúas, a maioría da nosa xente mostrou o mellor de si. A distancia social
combinouse cunha proximidade cívica.

Este tamén foi o ano en que nos demos conta de que cada galego é imprescindible.
Formamos un pobo no que todos dependemos de todos. Un pobo no que xuntos somos
máis fortes.

Galicia deu a talla como Comunidade e tamén como un conxunto de institucións capaces
de traballar harmonicamente. Todas nos esforzamos por trasladar á xestión da pandemia
os dous aspectos máis salientables da resposta que deu a sociedade galega: rigor e
afectos.

Tan importante como arbitrar medidas rigorosas baseadas en criterios de expertos, é
coidar esa afectividade que nos fai sentir parte dunha cidadanía solidaria na que ninguén
é alleo. Volveuse evidenciar esa Galicia entendida como fogar común, como familia.
Esa resposta social é aínda máis meritoria tendo en conta a complexidade das medidas
que nos vemos obrigados a tomar. Sei que modificamos normativas con frecuencia para
adaptalas a unha situación cambiante. Sei que afectamos todos os aspectos da vida cotiá,
incluídas estas Festas. Sei que a chegada da covid truncou proxectos persoais e
profesionais. Sei tamén que aínda hoxe hai moitas persoas que temen polos efectos
económicos que terá para as súas familias. Autónomos, profesionais da hostalería,
empresas que viven este Nadal con incerteza de como afrontar todo isto.

Seino e síntoo de todo corazón. Pero tamén sei que comprenden que cada medida
adoptada en Galicia tivo como obxectivo protexelos a todos, a todos vostedes, e poder
continuar como unha das comunidades con mellor comportamento nesta pandemia. Non
é un consolo porque a afectación tamén aquí é moi importante, pero é unha motivación
para seguir tomando as decisións que sexan necesarias o tempo que aínda sexa preciso.

Por suposto, seguirémolas adoptando acompañados sempre dos expertos do Comité
Clínico, aos que nunca lles agradeceremos dabondo as horas e o esforzo que teñen
dedicado a pensar no que é mellor para todos.
E adoptámolas tamén acompañados da maioría dos galegos, que respectan e cumpren as
normas.

Pídolles, porque non podo deixar aínda de facelo, que sigan sendo responsables. A vacina
que os galegos xa están a recibir, e que se vai estender pouco a pouco, é o principio do
fin. Pero non cometamos o erro de pensar que neste momento xa todo rematou, porque
non é así. Cómpre que sigamos sendo escrupulosos no cumprimento das medidas de
prevención. Sigámolo facendo por cada un de nós, polos que queremos e por todos.

A crise do coronavirus aínda segue esixindo rapidez nas decisións, eficacia e precisión,
requisitos que non sempre son fáciles de conciliar. A maioría de vostedes aceptárono
responsablemente, malia as molestias e problemas que se ocasionaron e ocasionan. E
debo dicirlles que, en cada resposta que estivo á altura, atopo inspiración para a política.

Defendo unha política exemplar porque exemplar tamén é a sociedade á que
representamos. Defendo unha política baseada no consenso porque o pobo tamén afronta
os problemas e as ilusións con unidade. Defendo esa política consciente de que fai falla
defendela porque non sempre se practica. E vostedes merécena.

Non lonxe de onde me atopo, a Catedral de Santiago loce xa un novo aspecto exterior e
interior despois das importantes obras de restauración realizadas. É un feito cheo de
simbolismo. A Catedral é unha das imaxes da Galicia que perdura tras percorrer un longo
camiño. É consecuencia de moitos esforzos e reformas que deron como resultado un
conxunto harmónico que resiste todos os desafíos. É un resumo da Galicia que se apresta
a celebrar o Xacobeo do 2021.

Hai motivos para esperanza. Non temos certezas, pero si indicios de que esta mala etapa
do camiño terá pronto un final, cando as vacinas que se están comezando a poñer
cheguen a todos.

Hai motivos para a confianza. Porque os mesmos galegos que afrontamos con tesón a
pandemia somos os que agora imos pelexar a recuperación.

Cando ese momento chegue, Galicia está preparada para aproveitar as medidas de
reactivación que a Unión Europea acordou. Ímolo facer con responsabilidade e sobre todo
conscientes de que ningún galego pode quedar á marxe. Se estamos loitando xuntos
contra a pandemia, xuntos volveremos erguernos e avanzar.

E, sobre todo, hai motivos para a ilusión. En moitos de vostedes, nas familias máis
danadas, será algo máis difícil atopalos. Pero tamén chegarán.

Os novos galegos que naceron este ano.

Os pais e as nais ou os avós e as avoas que o foron por primeira vez.

Aqueles que remataron os seus estudos e superaron unha nova etapa da vida.

Os que reabriron os seus negocios cheos de expectativas.

Os que, pese a todo, non deixaron de crear.

Todos eles ensínannos que sempre hai motivos para seguir adiante.

Hoxe aínda vivimos un Nadal no que moitos afectos teñen que manifestarse a distancia e
en medio de limitacións. É difícil non poder estar cos que queremos, telos lonxe.
Pero é un prezo que hoxe hai que pagar para que o mañá sexa moi distinto. Un mañá de
apertas, xuntanzas e felicidade.

Un mañá no que a Galicia ferida deixe paso á Galicia esperanzada que todos ansiamos e
que sen dúbida chegará.

Un mañá no que o camiño tan duro que fixemos este ano mereza a pena porque vexamos
o final, cheguemos á meta e volvamos desfrutarnos como nos merecemos.

Bo Nadal e que o 2021 sexa un ano mellor, un Ano Xacobeo.

Moitas, moitísimas grazas a todos.

Ánimo e adiante.
Núñez Feijóo, Alberto
Núñez Feijóo, Alberto


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES