Foz: O Concello e o Asilo (I)
Fernández, Suso - viernes, 23 de mayo de 2008
Con motivo das próximas Vodas de Platino do Asilo (inaugurado o 16-7-33), e co obxeto de espallar o seu coñecemento, ofrecimos ós lectores en pasadas semanas unha semblanza histórica daquela Institución, coas limitacións que o espacio impón, pero dende a rigurosa obxetividade e sen incidir en aspectos dos que carecendo de información fidedigna poidesen significar pola nosa parte unha ousadía.
En aras desa veracidade fixemos especial énfase no feito real e ben coñecido da plena identificación dos focegos con aquela Casa da que sempre nos sentimos orgullosos; e en cómo as nosas xentes se volcaron en xeral na súa axuda material e moral. De feito a vida, os avatares, os personaxes que por alí pasaron ó longo dos anos, os aconteceres ledos ou tristeiros; todo elo formou parte entrañable da historia local. E aquel edificio, acaso hoxe mais que nunca apreciada a ubicación e a beleza da súa planta, coa ampla horta e os xardíns que a frontean, foi sempre, e segue a ser, todo un símbolo, humano e urbanístico, que nos prestixa mesmo nestes tempos aniquiladores de tales valores.
¿E cal foi ó longo destes setenta e cinco anos a actitude do concello hacia tan meritoria obra social e benéfica?. Como é natural estaría inspirada en cada momento polo grao de sensibilidade hacia a mesma por parte dos que gobernaran. A este respecto dispoñemos de poucos datos, pero sen dúbida expresivos do que deixamos apuntado.
Foi o ano 1934 cando o Concello, por unanimidade, nomeou Fillos Predilectos ós fundadores, que legaron ó pobo o seu importante patrimonio, e un ano mais tarde declaraba como cemiterio o pabellón construído na capela, para que puidera acoller os restos dos mesmos, ata entón soterrados no camposanto de San Cosme de Barreiros.
O ano 1943 da inmediata posguerra -cuarto Año Triunfal, como proclamaba a dialéctica oficial-, tempos de profunda miseria, de fames e de tódalas carencias, o concello instalou unha tómbola con fins benéficos a resultas da que se obtivo un beneficio de 300 pesetas, que se repartiron a partes iguais entre as entidades: Asilo de Anciáns, para socorro dos pobres asilados; Auxilio Social, para nenos pobres atendidos polo mesmo, e Acción Católica, para contribuir ó almorzo dos nenos do Catecismo. Non temos constancia de posteriores aportacións ata os anos setenta.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora