Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A cidade tan viva

viernes, 01 de enero de 2021
A cidade na que vivimos. Invención antiga, naceu pequena, con valados contra o medo. Contra os forasteiros, estraños. Antigas como Xericó, vella de dez mil anos. Das que temos noticias certas, aparecen a carón dos grandes ríos. Daquelas aldeas medraron cidades para protagonizar a historia nas beiras do Éufrates, Nilo, Indo. Xentes que se reúnen para vivir mellor. Que necesitan aos outros. Nace a agricultura que ancora á terra, a escritura, as leis.

A cidade é territorio de emigrados, xente que foxe, apátridas. Vivindo xuntos percátanse de algo prodixioso: 'O aire da cidade fainos libres!' exclaman incrédulos da súa sorte, temerosos de perder o tesouro máis prezado. No acubillo civilizador de prazas e rúas poden escapar da todopoderosa presenza dos deuses, dos señores. Contra eles erguen muros, case sempre inútiles: destruídos, reconstruídos tantas veces. Séculos para edificar a cidade: a barbarie apenas precisa unhas horas para convertila en cinza.

Calidoscopio de opulencia e miseria, tan veciñas. De centro e arrabaldes. O progreso vai rompendo as costuras dunha cidade que está viva. Medra, esténdese. A carón de tanta actividade érguense palacios, xorden chabolas. As rúas énchense de falas, noticias, rumores. As vidas entrecrúzanse. A xente dilúese, mimetízase na masa e aparece algo valioso, inédito na historia humana: o anonimato. Xentes de aquí e de acolá cargando co pasado, lingua, deuses. Outros chegan sen familia, sen caste coñecida. De onde veñen? Quedarán?

A cidade é xuntanza. Algúns que mandan. A maioría obedece porque non lle queda outra. Man de obra barata. Corpos que golpean e acariñan. Pel que se roza. Brazos e pernas que se moven, que traballan. Todas as bocas, e son moitas, necesitan comer. Xente desprezada protesta e berra. E, ao fin, decátase da súa forza: somos moitos, somos máis. Masa, fervenza, muchedumbre, turba multitude que cando se xunta atemoriza. E provoca cambios.

A cidade medra. Devora a contorna. Esixe espazo, luces, alcatrán. Actualiza o rueiro. Renova arterias de auga limpa e venas de inmundicia. A cidade rescatou do medo á natureza, da soidade e do atraso dos que non conviven con outros. Por iso hai que apostar por ela. Preservar a historia cicelada na pedra. Mimar parques e prazas: recunchos fermosos, salón dos cidadáns, foro da palabra, teatro de vidas compartidas. As paisaxes da cidade, fontes e xardíns, igrexas e árbores, pazos e monumentos, son patrimonio común. Herdanza que recibimos, riqueza que deixamos. Xa é agora. O máis visible é a enorme concentración de casas. O máis ruidoso éche a gran cantidade de coches. O máis humano é a masiva presenza de xentes. Poderosa forza centrípeta, imán que atrae. Tantas vidas vivindo na cidade tan viva.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES