Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lino Braxe

miércoles, 30 de diciembre de 2020
A mala nova colleume desprevido polo inesperada. A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda coa que Lino colaboraba dirixindo o seu grupo de teatro, o día de Nadal pola noite anunciaba o pasamento do meu amigo e as redes sociais, coma un resorte, comezaban a facerse eco da noticia. Eu quedei abraiado xa que, malia saber que Lino Braxeultimamente Lino non andaba ben de saúde nin de lonxe cheguei a pensar que todo ía rematar deste xeito tráxico: perdéndoo para sempre.

A pesar de que non nos víamos coa frecuencia desexada mantiñamos relación dende hai moito tempo e sempre que viña por Mugardos, vila onde nacera coma min, procurabamos vérmonos e partillar conversa sobre tantas cousas que nos unían como a música e a canción porque el, entre moitos asuntos que abordaba, tamén cantaba. Era apaixonado da poesía e do teatro onde fixera cousas moi importantes, achegas enriquecedoras para a arte da dramaturxia galega.

Vímonos con moita frecuencia nos instantes previos á gravación da película "La Novia de los ojos deslumbrados" que dirixiría Antonio Simón cuxo guión escribiran hai moito tempo Luís Buñuel e o meu tío Xosé Rubia Barcia. Lino participara activamente na adaptación de dito guión e tamén nun pequeno papel no filme. Diso pasou xa moito tempo e sucedéronse máis encontros, algúns na Coruña onde residía pero maiormente en Mugardos. Nun deles paseille un libro de Enriqueta Barranco, xinecóloga e profesora na facultade de Medicina de Granada sobre Alejandro Otero, galego ilustre de Redondela que fora reitor daquela Universidade nos instantes previos ao golpe militar de 1936. Fixéralle moita ilusión porque a súa compañeira Alexandrina tiña parentesco moi próximo ao ilustre médico e catedrático galego de aí que lle puxeran o nome de Alexandrina. Pouco despois os dous agasalláronme cun libro sobre a "Obra dramática completa" do galeguista Jenaro Marinhas del Valle asinado pola parella: "Para Rosi e Xoán os nosos amigos e camaradas mugardeses". Agora nestes momentos de abatemento pola morte de Lino Braxe este libro adquire un valor especial para min.

Os que coñecían a Lino Braxe saben que era un tipo alegre, sempre co sorriso nos beizos, sempre disposto a axudar no que se lle pedía e iso sábeno moi ben todas as asociacións culturais coas que colaborou.

Hoxe o activismo cultural, a Cultura en xeral, está de loito: Galicia perdeu a un home necesario e Mugardos a un fillo ilustre. Ata sempre, amigo e compañeiro.
Rubia, Xoan
Rubia, Xoan


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES