Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A correspondencia de Isaac Díaz Pardo con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer

lunes, 28 de diciembre de 2020
A correspondencia de Isaac Díaz Pardo con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez FerA publicación da Correspondencia con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer de Isaac Díaz Pardo no centenario do nacemento do autor pon de manifesto o seu compromiso antifascista, a súa laboriosa eficiencia, a súa creatividade xenial e o seu carácter esencialmente xeneroso, sempre ao servizo das causas xustas e dos demais. Trátase do número 33 dos Cadernos de Estudos Locais que a Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo vén publicando en Sada (onde foi presentado o 22 de agosto, coincidindo co día do aniversario), con especial e xusta atención neles ao fundador de Cerámicas do Castro e Sargadelos.

A relación epistolar de Isaac Díaz Pardo cos escritores lucenses Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, aos que editou moi reiteradamente en Ediciós do Castro, veu dada sobre todo pola súa colaboración con Unión Libre. Cadernos de vida e culturas e coa Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, ambas iniciativas promovidas e coordinadas por aqueles. A recuperación da memoria histórica antifascista de Galicia foi, pois, o que máis uniu a estes tres intelectuais galegos, pioneiros da súa posta en marcha en Galicia: entre outros labores, Isaac Díaz Pardo foi o primeiro editor dunha colección memorialista, de moi longa traxectoria: "Documentos para a historia contemporánea de Galicia"; Claudio Rodríguez Fer foi o primeiro autor dunha tese doutoral sobre a cultura galega durante a guerra civil, así como constante poeta sobre os defensores da liberdade, e Carmen Blanco foi a primeira autora en ocuparse de mulleres represaliadas galegas, presentes nos seus ensaios e nas súas creacións. Dende 1996, os tres confluíron nos cadernos Unión Libre, revista editada por Ediciós do Castro que atendeu á recuperación memorialista dende o seu primeiro número e que dedicou tres amplos e xa históricos monográficos ao tema: "Memoria antifascista de Galicia", "Vermellas" e "A voz das vítimas do 36".

En consecuencia, Correspondencia con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer ábrese cunha introdución contextualizadora dos destinatarios titulada "Cartas a Unión Libre", nas que refiren a súa constante e entrañable relación con Díaz Pardo, con quen compartiron moi numerosas iniciativas en Galicia ou fóra dela, pois tamén viaxaron xuntos a Bos Aires, como ilustran as significativas fotos que complementan os debuxos e os textos, que se presentan en facsímile e transcritos.

De feito, o primeiro documento presentado é o esbozo que o libertario Díaz Pardo fixo do monumento aos inmolados da Coruña para editar en Unión Libre, revista libertaria onde publicou tanto por escrito como con debuxos. Proba da súa eficiente laboriosidade de "homo faber", como o cualifica Rodríguez Fer no emocionado e emocionante poema que aquí lle dedica, e da súa desinteresada entrega a iniciativas altruístas, son as cartas que consagra ao deseño do proxecto de monumento polas vítimas do fascismo en Lugo, enraizado na muralla romana e do que chegou a realizar maquetas que aquí se mostran en inéditos debuxos, planos e fotografías. Dun destes bocexos saíu precisamente o logotipo da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo, tamén reproducido no caderno.

Ademais, Díaz Pardo dá conta nas súas cartas da recepción de libros memorialistas como Vivas en nós. Mulleres represaliadas polo franquismo na Coruña a raíz de 1936, de Carmen Blanco e Claudio Rodríguez Fer, promovido pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica coruñesa, polo que agradece a estes autores a atención á súa familia co entusiasmo que o caracterizaba, pois defíneos como "os seres máis extraordinarios que hai no mundo".

E tamén agradece con entusiasmo os poemarios Ámote vermella, centrado nas mulleres represaliadas e ao que cualifica de "emocionante", e Amores e clamores, derradeiro libro de Ediciós do Castro en vida do editor, ambos de Claudio Rodríguez Fer, segundo el, "excepcional poeta, comprometido co mundo, co home e coa muller, co amor e coa xustiza". Precisamente en sintonía con esta ollada amorosa e filóxina característica de Isaac, Carmen Blanco, no intenso poema en prosa co que remata o caderno, escribiu: "Nacera con ollos amorosos para mirar o mundo e as mulleres da rúa das Hortas. Non esqueceu nada."

A correspondencia de Isaac Díaz Pardo con Carmen Blanco e Claudio Rodríguez FerPero o ancián correspondente tamén dedicou liñas íntimas aos seus problemas de saúde e ás súas dificultades económicas a causa da "inxustiza antigalega e nostálxico-franquista da Xustiza oficial", mostrando o desalento e a frustración que tivo que aturar ao final da súa vida, cando máis merecedor era de recoñecemento e de gobernar a empresa cultural máis importante de Galicia, por el mesmo creada. Ao final fala desde o foxo da historia, como lle escribe ao poeta: "Sabes como vos quero e admiro a ti e a Carmen. Vai para vós o meu recordo dende o fondal do pozo no que non vexo máis que o ceo coas que van pasando." Un final, pois, simbolicamente compartido co que tivo seu pai, Camilo Díaz Baliño, asasinado nun foxo polo fascismo, como lembrou Claudio Rodríguez Fer no poema "Memorial dos foxos de Lugo (con Lorca ao lonxe)", incluído en Ámote vermella e reproducido en parte neste caderno:

No lugar onde medran as silveiras
e discorre a auga pola estrada
houbo antes un suco de sangue
inzando de nomes as cunetas:
A cuneta Camilo Díaz Baliño
segundo se vén de Santiago.
A cuneta Juana Capdevielle
segundo se vén dende A Coruña.
A cuneta do paseado anónimo
saíndo de Lugo a todas partes.
A cuneta Federico García Lorca,
que ocupa toda a veiga de Granada.

Cunetas. Cunetas. Cunetas.

Así se fixo o Plan Nacional de Estradas
de mil novecentos trinta e seis:
Onde a silva medraba con máis arte,
metralla.
Onde o amor era libre polas curvas,
metralla.
Onde a verba se elevaba na rasante,
metralla, metralla, metralla.

Superando á súa maneira a traxedia do seu pai, Díaz Pardo foi quen de facer unha gran obra artística e literaria, así como de erguer empresas industriais e coleccións de libros; para proseguir co seu exemplo, Carmen Blanco reivindica aquí "a grande obra mestra da memoria amorosa de Galicia para Galicia e para máis alá de Galicia" que segue viva, e Claudio Rodríguez Fer mantén no seu irredutible poema o legado inmorrente do mestre: "Porque se algo é mentira, compañeiros, / é que morreu Isaac".

Nas fotografías, Isaac con Carmen e Claudio en Bos Aires e Isaac con Claudio no Instituto Galego de Información.
Bao, Marcela
Bao, Marcela


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES