Se na Guerra Civil española se falou dun millón de mortos, agora si que non chegarán as cunetas para albergar os 26 millóns que algúns queren fusilar. Non che digo nada; unha cantidade que se di pronto. Case ou sen case a metade de España! Non hai

cuneta para tanto morto de Deus! Nin paredón para tanto fusilamento! Pero polo que se ve, a sociedade segue tan pancha, tan inocente. Eu, en principio, xa empezo a buscar por onde será mellor cruzar a Portugal; se por Chaves, se por Melgaço ou se por Monçao, por exemplo. Porque non me salva nin Rita A Cantaora. A verdade é que a frase e a cifra dos 26 millóns semella unha broma. Non obstante, eu ben sei que non a é. E moito menos vendo como está actuando a xustiza, a lentitude da xustiza ante esas mensaxes de guasap de certos militares ou exmilitares.
"A forma de parar isto é un novo alzamento", tamén confesaron sen andar con días santos ou sen reparar en danzas. E nótaselle ás leguas que o están desexando. Ruído de sables. Ou... cando o río soa, auga leva. E nós estaremos a velas vir. E eu polo menos co corazón encollido. Porque ese ruído e fodido. Cada vez que analizo a fondo a cantidade, quedo así coma un pasmón, coma se estivera bailando sobre os biosbardos pero sen bailar. Porque é unha cantidade enorme. Porque non hai paredóns suficientes para recibir os impactos e os corpos impulsados por eses impactos. 26 millóns de almas! Con esa cantidade ata moitas desas almas teñen que ser deles! Tampouco me estrañaría moito; son capaces e están desexando facer unha auténtica criba.