Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Imos coller niños novos (3)

viernes, 25 de diciembre de 2020
A Poesía en galego de Francisco de Fientosa
I
Imos Coller Niños Novos


Imos coller niños novos
agora que é primadeira.
Na beira do amor somentes
o choupal do corpo dela.

Veo de trenciñas loiras,
nós dos seus seos mellizos.
Baixo a bouta do seu van
xogan os seus pés ós grilos.

Arbre que ten dúas ponlas
de cote a foular, foular:
folla das mans, nervoeiras,
¡ leda historia natural!

Curtizo cheio de agromos
é pola espádoa fendido;
na percura do amor -cerne-
ruben, lizgairos, os bicos.

Choutan o abrente da risa
até aniñar nos seus fíos,
dous xílgaros rebrilaeiros,
até chorar o seu veo.

Monllo xiado no vento,
pranta carrapucheiriña;
os brincos -aloiras de ouro-
debúllanlle as orelliñas.

Moreira, que garda os vermes
moitos do seu pelo rizo;
ameixeiro verdegal
coa bouta dos ollos pícaros.

Ascensión (...) en soma
que rebica o sol serodio:
No burato das fazulas
ollade o calco dos ovos.

¡Deus, pola beira do amor
imos coller niños novos!


SEXTA ESTROFA
Nesta estrofa segue xa os canons propios dunha cuarteta:

"Monllo xiado no vento,
pranta carrapucheiriña;
os brincos -aloiras de ouro-
debullanlle as orelliñas"

Prosegue Francisco de Fientosa festexándonos con metáforas, "monllo xiado no vento", referido á figura da rapaza como un monllo no que é de observar que o atado do monllo que sería a cintura da muller, realízase sempre un pouco máis arriba da metade para que non se desate, dándolle á rapaza unha fisionomía da parte inferior alargada, e á superior do monllo máis grosa, encargada de debuxar o seu tronco e os seus peitos que están máis próximos a onde se corta o monllo de trigo, centeo ou avea.

Continuamos coa seguinte metáfora "pranta carrapucheiriña", onde carrapucheiriña é unha denominación cariñosa que se lle dá aos noivos ou aos fillos. Observando tamén que na Ponte de Outeiro, onde viviu Francisco de Fientosa unha tempada da súa infancia, despois da morte dos seus pais, hai un topónimo co nome de Carrapucheiro, que se atopa ao lado do río da Faxina ou río Pequeno.

No terceiro verso "os brincos -aloiras de ouro-", os brincos son os pendentes en forma de aro que están sempre brincando e incluso rebrincando nas orellas, e aloirar no Diccionario de Leandro Carré (1), defíneo como "rubificar ou volver a poñerse rubia unha persona" e "debúllanlle as orelliñas", sendo os pendentes os que debullan como as mans degraendo as espigas de millo da mesma cor cos aros aloirados de ouro.

SÉPTIMA ESTROFA
"Moreira, que garda os vermes
moitos do seu pelo rizo;
ameixeiro verdegal
coa bouta dos ollos pícaros"

Volven as metáforas impactantes que despois se van aclarando no devir continuado dos versos. A moreira está referida a esta planta empregada polos nosos devanceiros para producir seda. Pola forma externa, a moreira ten un parecido a unha cabeza peiteada, onde as eirugas ou vermes que cumpren a función de metamorfosear as follas en seda, son curvos e caracoléanse como os cabelos da rapaza. A seguinte metáfora é a comparación da súa cabeza con outra planta, "ameixeiro verdegal", e posteriormente a palabra "bouta" referida tamén á cor branca ou moura dos ollos pícaros; é dicir, ollos tamén pequenos e coa particularidade de ser un pouco lagarteiros.

ESTROFA OITAVA
Trátase de novo doutra cuarteta asonantada na que na poesía manuscrita e inédita de Francisco de Fientosa, Francisco Vega Ceide, está ilexible e nós ímoslle poñer o que cremos que podería ser, aínda que con todas as reservas ("de bote").

"Ascensión de bote en soma
que rebica o sol serodio:
No burato das fazulas
ollade o calco dos ovos".

Chámanos a atención os dous últimos versos desta estrofa
"No burato das fazaulas
ollade o calco dos ovos".

porque atopamos dúas posibilidades, ou unha ambivalencia significativa que admite dúas interpretacións. Por unha banda, pódese pensar que a rapaza, ao rir, aparécenlle dous buratos en cadansúa das partes da cara que quedan ao lado da boca, entre o pómulo e o queixo, dándolle unha certa particularidade de beleza, como se fosen os embigos de Venus, tan parecidos a esas plantas tan fermosas que hai polas paredes da nosa Galicia e que se chaman couselos onde se pode ollar o calco dos ovos. Por outra banda, cremos que o burato das fazulas pode referirse plenamente á boca da rapaza por ser o "burato das fazulas" como un niño, e xa dentro, "ollade o calco dos ovos", que sería outra metáfora referida aos dentes brancos que estarían representados pola larada de ovos que son unha copia calcada un do outro.
(Continuará)


NOTAS:
1.- CARRÉ ALVARELLOS,Leandro.-Diccionario galego-castelán. Quinta edizón. Santiago, 1979.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES