Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nós, Enrique Peinador e Mondariz Balneario

viernes, 25 de diciembre de 2020
Días atrás celebramos no Concello de Mondariz-Balneario unha homenaxe a Enrique Peinador Lines coa descuberta na Casa do Concello dunha placa que incorpora un Código QR para descargar a biografía do homenaxeado, con este texto: "A Enrique Peinador Lines no centenario da senlleira revista "Nós". A súa achega foi un elo máis do seu labor de compromiso emprendedor transversal, modernizador e galeguista co País". O acto foi promovido polo Foro E. Peinador e coordinado pola sempre eficiente Carme Vaquero que contou cos patrocinios do Concello e Secretaría Xeral de Política Lingúística.

Son moi poucos os que saben que aquela revista salvouse da desaparición por mor dos problemas económicos grazas á intervención de Peinador Lines despois de recibir unha carta de Vicente Risco, "o pedichón do galeguismo" como el se autodefinía, na que lle dicía: "Apelando de novo ós teus sentimentos que compartes connosco, a prol da nosa Terra e da nosa cultura, quixeramos saber se podemos contar co teu apoio como contabamos, e nas mesmas condicións. Ben te decatarás da importancia enorme que tería a reanudación do boletín, hoxe aínda máis que antes". A revista deixara de editarse durante dous anos, entre os meses de xullo de 1923 e 1925. A xestión económica seica non fora boa.

Non era a primeira vez que Enrique Peinador Lines apoiaba a xornais galegos ameazados polas críses colaborando economicamente mediante a incorporación á sociedade propietaria, como foi no caso do diario "Galicia", fundado e dirixido por Valentín Paz-Andrade. Ricardo Gurriarán, que é o biógrafo máis informado das actividades galeguistas do empresario, deixa constancia do seu mecenado na obra "Enrique Peinador Lines e Mondariz. Empresa, Turismo e País" da súa autoría e editada polo Foro E. Peinador.

Enrique Peinador Lines foi, sen ningunha dúbida, un empresario excepcional na historia de Galicia; mesmo único no compromiso galeguista. Mondariz-Balneario foi decisivo na reconstrución da identidade galega xunto cos de Ourense, Pontevedra e Santiago de Compostela pola forte implantación do galeguismo neles.O Balneario foi escenario de moitos encontros culturais, científicos e políticos de gran tanscendencia para o artellamento dunha Galicia moderna. Nos salóns do balneario e nos paseos que o circundan tiveron os homes do galeguismo os escenarios para axeitados para construír un discurso novo. As obras pictóricas de Castelao, feitas por encargo do empresario, adornaban as instalacións. Ramón Cabanillas,ao tempo, dirixía as revistas "Mondariz" e "La Temporada", desempeñando o cargo de relacións públicas, nada usual naqueles tempos.

Foi Enrique Peinador Lines un empresario orixinal en todo. Precursor desa ecuación aritmética - I+D+i- que hoxe é imprescindible para o desenvolvemento de calquera actividade económica, ao que engadíu outro sumando máis, o "G" de galeguismo. Por esa razón tamén é o precursor da filosofía da Responsabilidade Social Empresarial ou Corporativa auspiciada polas instancias europeas que aconsellan ás empresas a identificárense cos valores patrimonias do territorio na que están asentadas. Para deseñar o futuro de Galicia convocou un premio de ideas do que foi gañador Lois Peña Novo coa súa obra "La Mancomunidad Gallega", o antecedente do Estatuto de Autonomía para Galicia no que tantos empeños puxo Enrique Peinador.

A defensa do medio rural, medio ambiente, paisaxe e hábitat acadaron na vila balnearia a súa expresión máis requintada e exemplificadora. Peinador foi tamén o precursor da planificación da vertebración da gran área metropolitana do sur da provincia de Pontevedra que aínda hoxe non callou. A tal fin constituíu unha sociedade ferroviaria para unir a vila balnearia con Vigo , máis outra con Salvaterra de Miño, a onde chegaban os auguistas procedentes de Portugal, España e doutros paises europeos. De todos estes logros e doutros non acadados falouse no emotivo acto.

O Presidente do Parlamento de Galicia, don Miguel Santalices, destacou a importancia que tiveron as augas de Mondariz cunhas instalacións modélicas, as máis modernas de Europa. Ricardo Gurriarán salientou o papel desempeñado por Enrique Peinador no artellamento do movemento nacionalista do primeiro terzo do século XX. José Antonio Lorenzo, alcalde do Concello, home intelixente, sempre aberto e disposto para recuperar a tradición do galeguismo cultural e científico do Balneario, lugar onde coincidiron as mentes máis preclaras de comezos do século XX.Servidor, na súa condición de presidente do Foro E. Peinador, fixo fincapé unha vez máis na recuperación dunha figura histórica aínda descoñecida por moitos galegos malia a súa grandísima dimensión histórica.

(Xosé González Martínez é Presidente do Foro E. Peinador).
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania