Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Premios da Crítica Galicia

jueves, 22 de mayo de 2008
Os Premios da Crítica Galicia son outorgados por corenta e dúas persoas distribuídas en seis xurados. Personalidades relevantes en cadanseu ámbito do coñecemento, con prestixio nas ciencias e nas letras, son as encargadas pola súa Fundación de avaliaren a actividade no eido da investigación, ensaio, creación literaria, ciencias e artes da representación e iniciativas culturais no ano que o precede, sen que medie ningunha presión que coute a serenidade e liberdade que deben caracterizar as sesións deliberantes. A nosa praxe, sen precedentes en Galicia, sempre estivo aberta a tódalas correntes e pensamentos, incardinando nos distintos xurados a profesores universitarios, políticos, cregos e prelados da Igrexa, militares, membros dos corpos e forzas de seguridade, empresarios, maxistrados, xuíces, notarios… Eís a orxinalidade destes xurados, lonxe dos enfeudamentos e endogamias.

Os xurados este ano recoñeceron o valor dos traballos de investigación histórica de Xusto Beramendi; as reflexións filosóficas de Xurxo Borrozás; a obra pictórica de Xaime Quesada, falecido o ano pasado; o tesouro documental do Arquivo do Reino de Galicia; a recuperación da tradición musical da produtora “Ouvirmos”; e a imaxinación literaria de Miguel Anxo Murado. Premios que unha vez que se deron a coñecer foron louvados publicamente, refrendando deste xeito os acertos dos xurados.

Pero amais destes galardóns, a Fundación Premios da Crítica Galega, concedeu outro que leva o nome de “Galego Egrexio”. Trátase dun recoñecemento que se lle concede a unha persoa ou institución pola singularidade da súa actividade demostrada ao longo do tempo. Desta volta o premio fóille concedido a “R” Cable e Telecomunicacións, que vén demostrando que unha empresa pode acadar éxito e bos resultados nas súa contas de resultados tendo como lingua oficial a galega, invalidando o discurso prexuizoso e tópico de moitos empresarios que aínda seguen a pensar que o noso idioma non é apto para facer negocios.

A Fundación Premios da Crítica Galicia é un frondoso carballo do que xa saíron moitas pólas que dan acubillo a iniciativas culturais senlleiras e decisivas para a dignificación da nosa lingua e cultura. Dese rexo carballo saíron o Foro E. Peinador, que procura o reencontro entre a empresa e a nosa identidade; a Asociación Álvaro das Casas que anualmente desenvolve actividades para incentivar as tradicións populares, o coñecemento da paisaxe galega, e o fomento da nosa lingua na etiquetaxe dos nosos viños; a Asociación Amigos do Couto Mixto, baluarte da memoria histórica dun enclave territorial arraiano; o “roteiro currosiano” que inclueu a rehabilitación do gaiteiro de Penalta, mestre de Faustino Santalices, trobeiro e revitalizador da zanfona, para quen conseguimos do concello de Bande o recoñecemento de fillo predileto a título póstumo. Idénticos recoñecemento foron para Antonio Fernández, Xesús Canabal, e Enrique Peinador Lines, empresarios, filántropos e galeguistas. Ademais de organizarmos cursos universitarios e seminarios, erixíuselle a Peinador, grazas ao mecenado da Deputación de Pontevedra, un monumento para perpeturar o seu exemplo. Importantes foron tamén as mobilizadoras campañas nas cidades e vilas máis importantes de Galicia, nas que máis de mil cincocentos cidadáns deixaron constancia en acta notarial do seu desexo de seren enterrados na nosa lingua. E masiva foi a afluencia ao acto que convocamos no Teatro García Barbón da Obra Social de Caixanova, en Vigo, coa participación de máis de vinte cidadáns de distintas etnias, que leron nun poema traducido a todas esas linguas, a prol da inculturización dos inmigrantes. Preocúpamos, asemade, de facermos un chamamento aos neofalantes para que non arrombasen da fala o noso lexítimo copulativo “e” (e logo?) polo “i” (“pan i viño”), ilexítimo, de oríxe ideolóxica, que manca o noso sistema vogálico, nun manifesto avalado por duascentas sinaturas de persoas cualificadas da cultura galega.

O vindeiro día 31 de maio, como peche do Mes das Letras Galegas, a Fundación dos Premios da Crítica celebrará no Balneario de Mondariz a tradicional “Cea das Letras Galegas”, onde serán entregados os Premios da Crítica Galicia 2008. Benvidos sexan.


* Presidente da Fundación Premikos da Crítica Galicia.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES