Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Caino, unha festa de cor con tristura no ollar

jueves, 24 de diciembre de 2020
Caino, unha festa de cor con tristura no ollar Cando vexo a súa obra, penso que recolle varios mundos que poden resumirse nos dous, que o fan recoñecible.

Un mundo pequeno de mulleres e nenos. Íntimo, cheo de tenrura. Coa maternidade a modo de figura medieval, de virxe con neno cando a criatura repite a postura da nai, mirando á fronte, sentado no seu colo igual que a nai o fai nun asento.
Hieráticos, expresando a pesar da inexpresión.

O seu estatismo evocando séculos idos. Coa mirada nos antigos estilos, na volta ao románico policromado,achegando un trazo que caracteriza a arte de todo tempo,neste país.

Un xardín secreto ao que ir buscar as imaxes dun pasado perdido. A infancia recollida na horta familiar, no edén seguro, na arcadia feliz.

Aínda así, os meniños saben que non sobran razóns para sorrir e non o fan.

Nese paraíso da nenez é onde nos preparamos para internarnos no bosque: o lugar dos perigos, dos lobos e das bruxas, cazadores e malvados.
Un mundo grande de festas, romarías, pobos e mariñas, flores e árbores.

A repetición que é sinal de identidade en Caino, prodúcese nas mulleres e nos nenos que escoitan ou miran, que observan o mundo, pero tamén se orixina no outro nivel: nas paisaxes naturais e construídas. Porque é aquí onde a reiteración achega a máxima riqueza multiplicando a xente, a flor, as casas ou barcas ata o infinito, propagándose a si mesmas, enchendo o espazo do lenzo na loita vencedora contra o terror vacuo. Porque o barroco é tan galego como a natureza vizosa que o envolve todo, facendo florecer as paredes ou tapando o feísmo.

Ao longo dunha carreira pictórica, que comeza nos setenta, a evolución vaino levando por diferentes estilos. O surrealismo que nalgún caso lembra os exvotos. O cubismo que xeometriza as figuras e as paisaxes querendo relativizalas, afastalas de nós e do noso sentir. O impresionismo achegándonos ese efecto de cores que debuxan a luz e as formas. A redondez das figuras que se fan volumétricas buscando a terceira dimensión, a profundidade, a escultura dentro da pintura.

Tanta historia da arte nos rodea que, na postmodernidade, cada trazo nos evoca un anterior: o Cezanne que conducía as figuras cara á xeometría, as composicións de Maruja Mallo a modo de altares infantís, Braque construíndo cubos coa realidade, o surrealismo do onírico na noite ou dos pesadelos á luz do día... Esa evocación que nos leva ao Virxilio sen orlas, ao Seoane da rotundidade feminina, ao Laxeiro de meniños fóra de xeira e tantos outros que fixeron falar da estética do granito... como se tallaran figuras.

Si, o pintor, deconstrúe para elaborar un estilo propio e recoñecible, nas formas e nas tonalidades, que nos remiten a azuis, vermellos e verdes ou aos ocres.

Caino redondea o mundo, coloréao con matices (a modo de notas que soan nun concerto) e recupera o neno que foi, esa infancia rodeada dos coidados da familia. Porque eses grupos numerosos saen daquela foto familiar que enche ata o marco de figuras... ata o abigarramento.
A súa, é unha crónica atemporal do xardín onde se garda a infancia.
(Na foto: "Seis nenos. Anos dous mil")

Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES