Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lendas do Nadal

miércoles, 23 de diciembre de 2020
O ciclo de Nadal conta na nosa terra cunha abondosa literatura popular: cantos de nadal, vilancicos, cantos de aninovo e de reis, romances, cantigas... Hai tamén varias lendas na nosa terra que falan do paso da Sagrada Familia cando fuxía da persecución do rei Herodes. Algunhas delas están relacionadas con vilas asolagadas, pero hai outras máis sinxelas coma estas que se recollen a continuación.

Lémbrome da primeira vez que fun á cidade de Lugo, sendo aínda moi neno. Levárame miña madriña e foramos ver o Parque Rosalía de Castro que, todo hai que dicilo naquel tempo era unha atracción sobre todo para os nenos da aldea: o mapa de España cos seus ríos e as capitais de provincia con luces, o apiariao, os pavos reais… a vista do río Miño... Pois alí, vendo o río Miño foi cando miña madriña me contou esta lenda: O río Miño, cando pasa pola cidade de Lugo, baixa manseliñamente, sen facer ningún ruído, a pesar das presas e dos caneiros. ¿Sabedes por que? Porque cando pasou por Lugo a Sagrada Familia a Virxe díxolle ó río:
- Cala, río Miño, cala, non me despertes o meu Neniño.

Unha variante desta lenda sitúase en Palas de Rei onde a Virxe lle dixo ó río Roxán:
- Cala, río, cala, non despertes o meu pequeniño que está durmindo moi acurrucadiño.

Outra variante aparece en Piegaponte (A Pontenova) por onde pasa o río Eo. Cando pasou por alí a Virxe co Neno durmindo, oíndo que o río facía moito ruído, a Virxe díxolle (por certo, coa variante dialectal do bloque oriental):
Non soes, riín, riín, non me despertes o meu nenín.

Hai uns anos, recibín un correo do amigo e profesor coruñés Xoan Babarro no que me dicía «A lenda do río Miño tamén nola contaban en Ourense. Río Miño / pasa caladiño / pra que non esperte / o meu Neniño, era a versión da miña casa».

Ademais tamén me comentaba que hai un autor asturiano, Padre Galo «Fernán-Coronas», do concello de Valdés, que a desenvolve nunha poesía en bable occidental. E isto é o realmente soprendente porque, que a lenda, referida ó río Miño, estea presente en Ourense por onde pasa tamén o pai dos ríos galegos, ata parece normal, pero que estea presente en Asturias xa non o é o tanto. Velaquí a poesía que me enviou o profesor Xoan Babarro:

NA ORIELLA EL MIÑU

Yara una tarde de Mayu
Cuendu s’acababa el día
Ya pu’la vera del Miño
Iba la Virxe María.

Bien abrazadín nu cuellu
Al sou Manolín llevaba
Ya’l santu nenu durmía
Sueños de enriba soñaba.

Temeu la Mae que l’auga
Cul ruxideiru espantosu
Chegase a quitái el suenu
Al sou parvulín preciosu.

Ya falandu sele, sele
Dixu a’se riyón sin frenu:
«Rigu Miño, rigu Miño,
Nun espiertes al mio nenu!»

En cuantu i faló la Virxe
De secute el ríu callouse
Ya bien calladín, callandu
Camín del mar abaxouse.

Obediente al bon mandatu
De lus llabios de María
Inda güey cuerre’n silenciu
L’auga que yara bravía.

Ya cuntan que na corriente
Tovía se ve del cuandu
Un blancor comu de niebla
Ya dicen que el blancor ese
¡Dichosu quien llogra velhu!
Yá la Reina de la Gloria
Que lleva al nenín nu cuellu.


Outras lendas, referidas á fuxida da Sagrada Familia cara a Exipto para librar ó Neno Xesús da morte, son

1) Collantres é unha parroquia do concello de Coirós, na provincia de A Coruña. Pois o nome de Collantres vén de cando pasou por alí a Sagrada Familia e a Virxen María pediulle a unha muller unha laranxa para o Neno, que tiña moita sede. A mulleriña díxolle:
- Collan tres.

2) As ovellas non berran cando as matan porque cando os soldados de Herodes perseguían ó Neno Xesús, preguntáronlle a un pastor se sabía onde nacera Xesús e entón unha ovella berrou: ¡Beléeeen, beléeen!. Por iso, como castigo, non berran cando as matan.

3) Contan que cando a Sagrada Familia fuxía para Exipto, os perseguidores viron nunha póla dunha árbore a un chaschás e a un pimpín ós que lles preguntaron se vira pasar por alí a unha muller cun neno pequeno e a un home. O chaschás contestou:
- Chas, chas por aí ben vas.
En troques o pimpín respondeu.
- Pin, pin, eu por aquí non os vin.
De aí vén que a xente mire con simpatía ó pimpín e con certo recelo ó chaschás (chasco)

4) A Virxe estaba lavando os pañais do Neno e, nun descuido, escapoulle un polo río abaixo. Prendeuno unha silva e tróuxollo á beira e, desde aquela, a Virxe bendiciu todas as silvas.
Villares Mouteira, Félix
Villares Mouteira, Félix


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES