Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Muíño avó

miércoles, 23 de diciembre de 2020
Velaí estás, vello muíño dos meus soños.

Castelo silente e humildoso, mais ben plantado, nas terras fondas das augas cachoeiras da miña Galicia húmida e feraz.

Feito todo ti de pedra virxe, subida a muque ó axeitado lugar co teimudo esforzo de antergos e ignotos construtores doutros tempos.

De terra e auga, macizo brazo, bravo ollar e anchas costas eran eles, mais na tona das augas cantareiras e podentes alá se foron un día río abaixo, coma tenue folla de abeneiro, os seus nomes e proxenies pra nunca máis constaren en doutos pergamiños.
Quedo e firme, mantés ben afincada a túa dolménica figura á beira mesmo das augas de mil fontes que bañan os teus pés.

Días e noites pasaron por enriba de ti e na túa face patrucial só sabias engurras che deixaron de avó bo e de moito mundo. Si, avó pastor de tempos, de vidas e tamén mortes.

Leves nome ou non o leves, o do Medio ou das Paradas ou aqueloutro que che praza, o certo é que ti es de todos, comunal ben pra cantos beleza buscan, libre e xenerosa.
Pois ti es do merlo que sobre as lousas do teu teito un intre só parou pra gozar da fondura e beldade fuxidías das mil cousas que dende alí el ben sabe detectar.

Es, tamén, guieiro firme pra a amarela e sutil lavandeiriña que, randeándose no ar, pasou áxil á túa beira agora mesmo río arriba, chiscándoche un olliño con cómplice presteza.

E que me dis da humilde fontenla que, fronte a ti na outra beira, dende a rocha e á sombra da labaza ben prendida, deita o primor dunha auga que sanea e convida a apreciarmos ben a vida?

Ollarías tamén hai só un pouco o disparo azul do sen par martiño peixeiro que nun intre se mergullou naquela poza pra axiña nos mostrar no peteiro o seu trofeo...

Mais, porén, aquel rítmico canto de muiñeira, coral e redondo, da túa roda de moer hai tempo xa que transformado o levaron, do seu peteiro prendido, merlos, xiríns e pombos áxiles por montes e valgadas. Dende aquela calou ela -boa mágoa!- para sempre. Muda e irta lembranza daquela antes roda viva e fariñeira, xaces ti agora nos adentros dese avó muíño-dolmen, onde antes só eras raíña leda e buliciosa.

Si, a túa lingua-roda cansou, vello muíño, de nos falar, de cantar pra nós e facer festa, día e noite, sen que nós soubésemos, como é debido, frear o ignoto fado.

Quero, por iso, cantarche agora, leda roda nun tempo de escasezas, lembrando aquel teu manso e paciente moer e remoer dos millos de ouro que un día che levei pra miña nai logo cocer o pan e os nenos podermos degustar o milagre da broa e da bola quentes.

Nun tempo foras, si, fariñento fogar de acollida de amores entregados e xenreiras apagadas. No teu seo bulían sempre en palabras nobres vida, angurias, medos e esperanzas.

Ó teu lado abeiraron tamén seguramente, en fatais intres, vidas novas fuxitivas naqueles nefandos tempos que ti ben sabes da caza ó home, sen ti lles poderes ofrecer refuxio firme, porque ben sabes que os pobres (e ti es casoupa pobre, aínda que de rocha) non son ninguén.

Sabes, muíño amigo? Di o sabio que hai un tempo pra falar e pra cantar e outro pra calar. Mais dígoche tamén unha cousa eu agora. Ti, muíño avó, que tanto sabes de historias, de amores, de odios e de alegrías fuxidías, agora mesmo, co teu enxordecedor silencio, estasnos a dicir baixiño cousas que si que ben que nos importan.
Abur!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES