Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Imos coller niños novos (2)

viernes, 18 de diciembre de 2020
A Poesía en Galego de Francisco de Fientosa

I
Imos coller niños novos


Imos coller niños novos
agora que é primadeira.
Na beira do amor somentes
o choupal do corpo dela.

Veo de trenciñas loiras,
nós dos seus seos mellizos.
Baixo a bouta do seu van
xogan os seus pés ós grilos.

Arbre que ten dúas ponlas
de cote a foular, foular:
folla das mans, nervoeiras,
¡leda historia natural!

Curtizo cheio de agromos
é pola espádoa fendido;
na percura do amor -cerne-
ruben, lizgairos, os bicos.

Choutan o abrente da risa
até aniñar nos seus fíos,
dous xílgaros rebrilaeiros,
até chorar o seu veo.

Monllo xiado no vento,
pranta carrapucheiriña;
os brincos -aloiras de ouro-
debúllanlle as orelliñas.

Moreira, que garda os vermes
moitos do seu pelo rizo;
ameixeiro verdegal
coa bouta dos ollos pícaros.

Ascensión (...) en soma
que rebica o sol serodio:
No burato das fazulas
ollade o calco dos ovos.

¡Deus, pola beira do amor
imos coller niños novos!


TERCEIRA CUARTETA
"Arbre que ten dúas ponlas
de cote a foular, foular;
folla das mans, nervoeiras,
¡leda historia natural!"

A árbore que ten dúas ponlas está referida á rapaza que na primeira estrofa era comparada cun choupo na primavera, e serían os membros destas foulando como acostuma esta especie de árbore, manchando de pole todo o que se atopa ao seu carón, continuando despois con outra metáfora, tipo A de B, "folla das mans", é dicir, as mans son como as follas do choupo, "nervoeiras", formando fibras que percorren as follas das plantas e que sobresaen da superficie, polo que tamén chegamos a pensar de que das mans tampouco era moi agraciada a rapaza.

CUARTA CUARTETA
"Curtizo cheo de agromos
é pola espádoa fendido;
na percura do amor -cerne-
ruben lizgairos os bicos"

Seguen as metáforas nunha imaxinería abondosa que nos fai abrir a mente a múltiples pensamentos e interrelacionando os significados nunha comparación continuada de moza e árbore, chegando a ser xa unha figura literaria coñecida co nome de alegoría. Pedro Calderón de la Barca define así a alegoría en "El verdadero dios Pan" (1).
"La alegoría no es más
que un espejo que traslada
lo que es con lo que no es,
y está toda su elegancia
en que salga parecida
tanto la copia en la tabla
que el que está mirando a una
piense que está viendo a entrambas"
.
A primeira palabra é "curtizo", entendido como un madeiro groso e oco onde habitan as abellas, mais aquí son os "gomos ou gromos" que como pequenos vultos se irán transformando en novas ponlas e follas que ten a rapaza e nós por supoñer, supoñemos que é o acne con espiñas e grans ou ben a picada da varíola con bostelas, mais ese corpo de cortizo está fendido pola espádoa, debaixo dos ombreiros por onde soben lizgairos os bicos sempre á procura do "amor cerne"; isto é, para chegar á cerna da cuestión, ao miolo, ao núcleo.

QUINTA ESTROFA
"Choutan o abrente da risa
até aniñar nos seus fíos,
dous xílgaros rebrilaeiros
até chorar o seu veo".

Esta estrofa non ten rima e por máis, preséntasenos un verso enneasílabo, cando os demais son octosílabos, cal pode ser a razón? Penso que a cuestión é que o poeta quérenos dar ideas para descubrir por onde debemos empezar para entender o poema porque o contido está desorganizado, tanto, que o verso enneasílabo rompe a estrutura cun tritongo inexistente que parece como se nos acercásemos aos mestres do hipérbato, como foi Góngora no Polifemo (2); isto é, a alteración da orde lóxica das estruturas sintácticas da oración porque o suxeito é "dous xílgaros rebrilaeiros", no verso terceiro e xa cara ao final; o predicado é "choutan ao abrente da risa" para rematar despois cunhas oracións subordinadas que serían: "até aniñar nos seus fíos" e "até chorar no seu veo".

Quedaría entón, desta maneira:
"Dous xílgaros rebrilaeiros (ollos)
choutan o abrente da risa
até aniñar nos seus fíos (cabelos)
até chorar (os ollos) no seu veo (trenciñas loiras)".

"Dous xílgaros rebrilaeiros" é unha metáfora preciosa, precisa e impresionante, referida aos ollos da rapaza, cheos de cores: bermello, amarelo, negro, pardo, branco, que son as cores do xílgaro, e por riba son "rebrilaeiros", isto é, escintilantes ou refulxentes, onde o prefixo re- dálle ao "brillo" esa posibilidade de escintilar e refulxir dobremente.

Eses ollos ou xílgaros, son inquedos e choutan "ao abrente da risa", outra metáfora excelsa e referida ao momento do comezo da risa e contáxianse aos ollos ou xílgaros e á boca "abrente da risa" ou o momento en que comeza a luz da mañá e a luz da risa "até aniñar nos seus fíos", entendendo fíos como cabelos cos que se pode facer un niño de paxaro que con tanta destreza e cariño adoitan facer cando aniñan, e eses ollos choutan "até chorar o seu veo" que ao principio nos parece moi difícil de interpretar porque quen chora son os xílgaros-ollos e fano nunha metáfora trasposta desde a segunda cuarteta e que está referida ás trenzas da rapaza.

Quedamos verdadeiramente abraiados pola imaxinería que emprega Francisco de Fientosa, home morto aos 24 anos, en novembro do 1936, cando aínda estaba na flor da vida. Que sería da nosa literatura se este vate continuase a súa andaina literaria despois de ver o que estamos vendo? Desde logo que esta estrofa podería ser galano de todas as preceptivas literarias pola forza das metáforas e polo seu emprego en canto á correspondencia do mundo real e do mundo imaxinario do noso grandísimo poeta valuro. Dinos Ricardo Polín na obra citada que o poeta ten "un gusto pola metáfora afouta e polo cultivo da imaxe atrevida que a estética ultraísta puxera de moda" e que Francisco de Fientosa asumiu de García Lorca e de Amado Carballo.

(Continuará...)

NOTAS:
1. CALDERÓN DE LA BARCA, Pedro.- El verdadero dios pan. Auto sacramental alegórico de Don Pedro Calderon de la Barca. University of Kansas Press. Lawrence, 1949.
2. ALONSO, Dámaso.- Góngora y El Polifemo. Editorial Gredos, S. A. Madrid,1967. III tomos.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES