Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sábese pouco do que moito se fala: Da Democracia

viernes, 18 de diciembre de 2020
O termo DEMOCRACIA, sen dúbida talvez sexa o que máis se emprega, veña ao caso, ou non; e no ámbito político non se da un paso en calquera disertación sen a presenza do mesmo. A verdade é que ninguén sabe moi ben o que está dicindo cando o emprega, xa que quere demostrar que se refire a un sistema político no que o pobo, os cidadáns, teñen a última palabra, e isto, sen deixar de ser certo en canto son os últimos en ser oídos, cando xa as decisións gobernamentais están tomadas, élle unha xerga, con un matiz críptico, para ocultar intencións e reencher os espazos nos que non se sabe que dicir.

Que é así, basta comprobalo observando aqueles políticos que máis frecuentan este termo, que adoitan ser os que levan unha vida propia afastados das prácticas de canto predican das virtudes democráticas, e explican que é democracia a utilización do apoio democrático para validar os seus comportamentos públicos, ignorando que, a democracia, non é unha actitude política, senón unha actitude ante a vida (M. Roig), e por isto non se aprende intentando representala nos parlamentos, tratándoa como se fora un pasaporte para toda clase de mímicas, contradicións e, incluso, máis ou menos, suxestivos e solapados insultos.

Pero hai que preguntarse si todo se pode democratizar, porque o feito de que todas as opinións deban ser oídas, non implica que deban ser aceptadas por válidas. Nalgúns campos do saber, por exemplo, non pode decidir a ignorancia, por moitas que sexan as persoas que se manifesten neste sentido. E referíndose ao económico pensaba G. Russell que a democracia sería pertinente neste campo, mais no pensamento había que esixir o mellor, a aristocracia. Creo que xa o Padre Flórez dicía que a suma de ignorantes nunca daba por resultado un sabio, como en matemática a de ceros, xamais da unha cifra significativa.

Tan embarullado está isto da democracia que sorprenden, incluso, algunhas afirmacións de ilustres personalidades. Winston Churchill parece que dixo que a democracia era a necesidade de dobregarse, de vez en cando, ás opinións dos demais. Aínda que falta unha máis ampla explicación, penso que hai que aceptar e respectar, democraticamente, as opinións dos demais cando estas son acertadas e abren vías de acceso a solucións eficaces para dar respostas ás esixencias sociais adecuadas e coherentes coas necesidades, que desencadean os correspondentes procesos, e non de vez en cando, senón sempre; non para cubrir formas, senón para solucionar problemas.

Di Octavio Paz, que, sen democracia, a liberdade é unha quimera, o que equivale a afirmar que é unha especie de proposta ou concesión a imaxinación como algo verdadeiro, non séndoo. Polo contrario, a quimera xorde cando se fai unha concesión inadecuada das liberdades, que sempre comporta un uso abusivo das mesmas, alegando só unha lexitimación democrática, metodolóxica, estratéxica; pero obviando a aplicación dos valores que a vinculan á correcta aplicación, non só persoal, senón, cando procede, como coadxuvante da dinámica da sociedade da que se é membro.

Cando estas citadas personalidades consideran a democracia como un apropiado comodín para xustificar comportamentos …, que se pode esperar da insensatez política dos que non teñen máis sentido social da mesma que a memoria dos non regateados contidos das disciplinas nos diferentes centros do ensino?. E, con iso, coa hipertrofia do seu ego e cunha pouca de vaselina gregaria, bótanse á area para esperar o touro como “tancredos”, deixando logo o chan ávido de modos belicosos, mentres outros que os suceden foxen cruzando o espazo en busca dos refuxios; iso si, democraticamente: todos os abeiros son bos e democráticos para estes últimos se estenden a man. Os primeiros non moven unha palla; os segundos embóscanse no palleiro.

Permítanme que procure explicarlles, o mellor que poda, que á democracia convén darlle un tratamento un pouco máis fondo, e non se pode ter de comodín, porque, efectivamente, non é unha actitude política, senón o reflexo de moito máis: é unha actitude ante a vida, unha "disposición de ánimo manifestada de algún modo" (DLe); pero esta disposición está impulsada por unha esixencia dimanante da verdadeira realidade da persoa humana. Como ocorre isto?. Só o indico a modo programático, porque aquí non podo estenderme, nin sequera ata o límite das miñas carencias.

Dicir que a realidade humana ten unha dimensión individual, social e histórica, plaxiando a Zubiri, e explicándoo, pode aportarnos algunha luz. Comecemos afirmando que o fundamental é o mesmo home; a democracia é unha esixencia esencial del. Se o prefiren, esta preséntase como un instrumento de convivencia social do home, e sen el non tería sentido, porque os animais non a necesitan. Di Zubiri que un can e un home son diferentes, pero non DIVERSOS, porque a diversidade ten o seu lugar dentro da mesma especie, da versión entre eles, e esa diferenza que os distingue uns doutros é a que constitúe a individualidade.

Todos os individuos humanos pertencemos á mesma especie, claro, á que os biólogos designan co nome de PHYLUM, por iso cada home, cada individuo humano, está vertido desde si mesmo aos outros viventes, que veñen a ser como membros "filéticos" (do mesmo phylum, da mesma especie), e teñen un esquema xenético común de replicación estrutural, por iso a nosa realidade está afectada polo propio esquema, e, por suposto, polas demais persoas. Esta versión estrutural fundamenta a convivencia entre as persoas humanas. Pois ben; esta convivencia cos demais, en tanto que animais de realidades, non de meros estímulos, constitúe a sociedade humana, en sentido moi amplo: É o fundamento de todas a sociedades. Entre os integrantes deste fundamento predomina a IGUALDADE, coa que xa Herodoto definía a democracia.

Pero o home tamén conta coa dimensión histórica. Se non houbera home/muller non habería historia, porque el, como animal de realidades, ten que elaborar as formas de estar na realidade do mundo, a diferenza do animal que ten todo programado; e entre elas está a DEMOCRACIA,
un sistema de goberno que garante esa igualdade esencial, non un instrumento en función de comodín dos TRUMPulleiros (TRUMP, léase en inglés TRAMP-) na historia, que non debe entenderse só como temporal, é tamén unha configuradora do home, posto que nela encontra as posibilidades de realización que foi recibindo dos seus antepasados, xa que, como afirma Zubiri, "cada home pertence a unha sociedade nun momento histórico e por iso o seu ser, a súa personalidade, ten individual e socialmente unha altura determinada, ten sempre "idade"". (Sobre el hombre, Alianza Editorial, Madrid, 1.986, páx. 213). Xustamente por isto, poderíamos dicir que a historia de cada persoa é a historia da súa capacitación.

Reparemos que cada forma da nosa vida en concreto apóiase nas posibilidades de realización que foi recibindo dos seus antepasados; pero estes pertencen (pertenceron) a sociedades diferentes, dentro do mesmo tempo, é dicir, malia que os membros das mesmas viven simultaneamente, non son COETÁNEOS, é dicir, NON TEÑEN A MESMA IDADE HISTÓRICA, PERO PODEN SER CONTEMPORÁNEOS. Explícome. Os habitantes de Grecia no século VI, por exemplo, e os indios americanos do mesmo século (na nosa era), eran contemporáneos, vivían simultaneamente; pero a idade histórica do seu país e de Grecia presentaba enormes diferenzas; en cada pais ofrecíanse ao home distintas posibilidades de configurar a súa personalidade, debido a esas diferentes ofertas nas sociedade das que eran membros. Por iso, historicamente, non eran coetáneos: A idade, altura, ou etapa histórica diferente dificultábao. Consecuentemente, a aplicación dos esenciais principios democráticos aos non coetáneos non garante esa igualdade esencial entre eles (aínda sendo contemporáneos), e levada aos sistemas democráticos políticos devén mero reflexo.

En todo caso, cando se fala da IGUALDADE, é mester introducir algunhas precisións, porque se a aplicamos con rigor matemático corremos o risco de caer na máis flagrante desigualdade. Hai que ter moi en conta que a diversidade individual dos individuos dentro da especie, do phylum, tradúcese en diferenzas que deben de considerarse a hora de atribuír responsabilidades con criterios democráticos, porque non todos os individuos están capacitados para asumilas coas garantías de eficacia esixibles. E, aínda que non é fácil manter a adecuada proporcionalidade, aquí pode estar a raíz de que se colen nos cargos de elevada importancia social e política tantas medianías que poñen en perigo a consecución de relevantes e decisivos obxectivos, aos que hipotecan á consecución dos propios e particulares, mediante as boubas inducidas por estraños e extravagantes asesores.

Polo tanto, o verniz que brilla nas cumes dos órganos xestores das sociedades esixe uns compoñentes cualitativos que non son nada comúns na humanidade, e parece que a gran parte dos electores non acabamos de percibilo, e os distintos poderes fácticos, que sempre están ao asexo, tratan de aproveitarse por vías indirectas, dentro dos mesmos sistema democráticos. Isto élles, amigos lectores, difícil e complexo; por lo tanto, os que moito falamos da democracia, ben pouco lle sabemos dela, e nin o que sabemos o temos asumido.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES