Os enredos da vida
Os enredos da vida son como esas silveiras que te enganchan e non te deixan mover. Os enredos da vida son coma novelos que se enrolan e enrolan para facerte crecer pero sen saír da situación na que estás. Botas unha manta á cabeza e tiras para adiante ata que tropezas cos remorsos da conciencia. Todo se enlea e veste negro para saír do feixe dos

recordos. Os enredos da vida borran aqueles versos que saíron un día no que o amor era poesía. Agora o amor é un río que hai que goldrar con parsimonia para alcanzar con moita calma a marxe do outro lado. E despois clamar para que non todo o mar sexan peixes, é dicir, para que non todo o monte sexa ourego, ou o que é o mesmo, que non todos os días son días santos. Sempre haberá días nos que se nos embeleñará a vida.
Por veces, os enredos da vida non te deixan mover. E non nos movemos para non facer ruído. O ruído, se se enreda na cabeza, tamén te mantén prisioneiro das ansias. E pechados acumulamos carraxes ou irritacións que, ó saír, queremos expulsar aínda que manquemos a alguén. Os enredos da vida ensaríllanse de tal maneira que te atan e te apertan ata que case te afogan. Ás veces custa moito desenvolver o nobelo. Podemos botarnos ás boleiras por Sudalomba abaixo que, como non, acabaremos enredados na Regueira das Perdices. Porque a vida é unha bóla de fío que, as máis das veces, é difícil de desenvolver. Non obstante, aquí estamos para desenredar os sentimentos, as accións, as sensacións, os feitos que se enredaron. Ou sexa, a vida.
A lista negra
Ás catro menos dez da tarde dun domingo calquera boto man da lista negra para saber a quen lle teño que dicir catro cousas. Despois, sempre serán máis alá de catro. Porque ó empezar todo vai en aumento. E a carraxe sobe, e o veleno mata. Asoma na lista negra aquel penedo enorme que alguén deixou caer no medio do camiño para que

ninguén tire cara á adiante. Como ás veces custa moito arrodear os desgustos da existencia, non queda outra que facer de tripas corazón ou tragar un pouco de fel e mover o penedo. O penedo é enorme. Pero a forza de vontade é inmensa, infinita. Así é que vístome de heroe de cando os cómics estaban de capa caída e empurro no penedo con todas as miñas forzas. Xemo. Estralan os ósos. Puta lista negra! Para que eu apuntaría iso nela.
Busco outra liña, outro obstáculo, outra sentenza e encontro o camiño dunha toupeira. Pero non a ela. É escorregadiza. Mais como non a atrape faime unha desfeita na horta dos meus sentimentos. Vixío o seu montículo de día e de noite, uso os ollos de Supermán para traspasar o seu carreiro e non hai maneira. A toupa será cega, pero anda que non me marea. Maldita lista negra.
A lista negra non me soluciona nada. Non sei para que a traio comigo. Canto máis miro para ela, máis carraxe me entra. Xa nin tan sequera sei ser heroe nos tempos nos que a Marvel impera. Opto por coller a lista negra, facer un nobelo e xogar ó fútbol con ela.