Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Imos coller niños novos (1)

viernes, 11 de diciembre de 2020
A Poesía en galego de Francisco de Fientosa
Os poemas galegos de Francisco de Fientosa non teñen títulos, mais comeza a referencialos Ricardo Polín en "Á Primeira Luzada" tal e como se conservan, con díxitos romanos.

I

Imos coller niños novos
(1)

Imos coller niños novos
agora que é primadeira.
Na beira do amor somentes
o choupal do corpo dela.

Veo de trenciñas loiras,
nós dos seus seos mellizos.
Baixo a bouta do seu van
xogan os seus pés ós grilos.

Arbre que ten dúas ponlas
de cote a foular, foular:
folla das mans, nervoeiras,
¡ leda historia natural!

Curtizo cheio de agromos
é pola espádoa fendido;
na percura do amor -cerne-
ruben, lizgairos, os bicos.

Choutan o abrente da risa
até aniñar nos seus fíos,
dous xílgaros rebrilaeiros,
até chorar o seu veo.

Monllo xiado no vento,
pranta carrapucheiriña;
os brincos -aloiras de ouro-
debúllanlle as orelliñas.

Moreira, que garda os vermes
moitos do seu pelo rizo;
ameixeiro verdegal
coa bouta dos ollos pícaros.

Ascensión (...) (2) en soma
que rebica o sol serodio:
No burato das fazulas
ollade o calco dos ovos.

¡Deus, pola beira do amor
imos coller niños novos!


Este poema de Francisco de Fientosa está formado por nove estrofas de catro versos, bastante heteroxéneas, aínda que todas elas teñan a particularidade de ser octosilábicas e breves con predominio de:
1º.- Cuartetas octosilábicas asonantadas, concretamente, seis.
2º.- Dúas estrofas de catro versos sen rima e que rompen tamén o cómputo silábico, estámonos a referir ás estrofas quinta e sétima, versos 19 e 27, que teñen nove sílabas. A primeira delas "dous xílgaros rebrilaeiros" cun tritongo inexistente e a segunda "coa bouta dos ollos pícaros", tamén cun verso enneasílabo.
3º.- Remata o poema cunha estrofa de dous versos tamén con rima libre:

RIMA ESTROFA
1ª. - a - a ... Cuarteta
2ª. - a - a ... Cuarteta
3ª. - a - a ... Cuarteta
4ª. - a - a ... Cuarteta
5ª. - - - - ... Estrofa de catro versos sen rima. (Verso enneasílabo)
6ª. - a - a ... Cuarteta
7ª. - - - - ... Estrofa de catro versos sen rima. (Verso enneasílabo)
8ª. - a - a ... Cuarteta
9ª. - - ... Estrofa de dous versos sen rima.

PRIMEIRA CUARTETA
Comeza co verso "Imos coller niños novos", onde ir aos niños era unha tarefa de lecer dos pequenos e rapaces das aldeas ata non hai moito tempo e principalmente, "agora que é primadeira", como nos asegura no segundo verso e supoño que despois do San Xosé que é cando casan os paxariños, como me dicía miña mai sendo eu un picariño.

Nada máis ler a primeira cuarteta, vénsenos á mente Álvaro Cunqueiro a composición 12 en números arábigos de "Cantiga nova que se chama Riveira" (3) e Francisco de Fientosa o I en números romanos:
12
"No niño novo do vento
hai unha pomba dourada"

I
"Imos coller niños novos
agora que é primadeira".


Nestes primeiros versos dínsenos os motivos das composicións, pero nos dous seguintes, tanto en Cunqueiro como en Francisco de Fientosa dásenos o tema principal sobre o que tratará o poema:

En Cunqueiro
"...
meu amigo!
Quen puidera namorala!"


En Francisco de Fientosa
"Na beira do amor somentes
o choupal do corpo dela".

No primeiro é unha pomba e no segundo "o choupal do corpo dela", unha metáfora que supón un corpo ben plantado, dereito e afincado, alto, mais se cadra, groso, aínda que choupal é un pouco despectivo por ser lugar onde abundan os choupos.


SEGUNDA CUARTETA
1.- Esta cuarteta comeza con "veos de trenciñas loiras", outra metáfora que tamén nos impresiona porque as "trenciñas loiras" son "veos", é dicir, son "eixos" ou incluso pode estar referido ás varas que se lle poñen arredor do palleiro para que o vento non o desfaga, entendendo tamén o palleiro como a cabeza e as trenzas supoñen tamén a imposibilidade de repeluxar os cabelos.

2.- "nós dos seus seos mellizos". Este verso de cinco palabras está cheo de figuras e tamén denso ao mesmo tempo, comparando "os seos" cos "nós", suponse que non serían moi abondosos. Aparece despois unha paronomasia que conforma un xogo de palabras con semellanza fonética entre elas, é dicir, con voces de significante parecido en "seus seos" que teñen a particularidade de ser mellizos.

Remata a estrofa segunda:
"Baixo a bouta do seu van
xogan os seus pés ós grilos".

Chámanos a atención a palabra "bouta" que é a fariña que se pega ás pedras do muíño e pensamos que está referida á cor branca que está no van da rapaza, alí onde se estreita o corpo por riba das cadeiras e por debaixo "xogan os seus pés ós grilos", unha expresión que descoñecemos aínda que cremos que os seus pés se están movendo, suponse que as dedas, facendo como cando cunha palliña tratamos de sacar os grilos da grileira facéndolles cóxegas.

(...Continuará)

NOTAS:
1. POLÍN, Ricardo. Á PRIMEIRA LUZADA. Obras completas de Francisco de Fientosa (edición, estudio e notas). EDICIOS DO CASTRO. Sada. A coruña 2002.
2. Ilexíbel.
3. CUNQUEIRO, Álvaro.- Mar ao norde. Cantiga nova que se chama Riveira. Poemas do si e non. Poesía 1932-1933. Editorial Galaxia, 2004.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES