Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha visión persoal de Manuel Carreira como divulgador científico

lunes, 07 de diciembre de 2020
Unha visin persoal de Manuel Carreira como divulgador cientfico Ó longo da miña carreira académica como profesor e investigador universitario, levo observado que os alumnos tenden a centrar a súa atención e o seu esforzo "no que conta". Segundo esta filosofía algúns deles teñen en conta tan só o que pode caer no exame de turno. Deste xeito, toda información que non ten posibilidade de ser examinada, por exemplo a transmitida nunha charla divulgativa, pasa a un segundo plano ou descártase de xeito total.

Eu tiven a sorte de presenciar unha conferencia de Manuel Carreira que contou moito para min. Tivo lugar no salón de actos do Instituto Masculino de Lugo o primeiro ano no que se pasou a chamar Instituto Lucus Augusti. Foi, polo tanto, a mediados dos anos 80 do século pasado. O conferenciante estaba anunciado como un eminente astrofísico galego que traballaba en Estados Unidos e que nos ía falar sobre a orixe e evolución da vida.

Lembro exactamente o impacto que me produciu cando vin ó eminente científico. O motivo do meu abraio foi ver que levaba un "alzacuellos". Nos segundos previos ó comezo da súa charla, o meu maxín non daba creto de que un crego puidese ser ó mesmo tempo un recoñecido científico.

Certamente eu estaba dentro do grupo de persoas ás que se refería Louis Pasteur ó afirmar que "un pouco de ciencia apártanos de Deus...".A impactante presentación de Manuel Carreira fixo posible que eu non tardara moito en comprender porqué ciencia e relixión son totalmente compatibles. A clave, tal e como deducín polas explicacións do eminente Teólogo e Astrofísico estaba no BigBang. Na miña lembranza difusa en canto ó contido exacto das súas verbas, pero clara en canto á idea fundamental, aínda ecoa o intre da súa disertación no que aseverou que a Ciencia pode explicar a orixe e evolución da vida despois do BigBang. Pero, de xeito importante, a Ciencia non pode explicar nada do que aconteceu antes do BigBang. Esta certeza transmitida por Manuel Carreira foi unha das informacións que aprendín aquel día, cando estudaba o Bacharelato, tendo 15 ou 16 anos. Pero non só foi iso. Aprendín tamén o que realmente era a Ciencia e o método científico. Con exemplos claros e rotundos, Manuel Carreira transmitiu a todos os rapaces que abarrotabamos o salón de actos o funcionamento e as limitacións da Ciencia, esa poderosa ferramenta impulsora do coñecemento humano. Coa perspectiva do tempo pasado e co camiño andado, resulta evidente que a conferencia de Manuel Carreira contribuiu no meu caso de xeito determinante para inspirar a miña vocación como científico.

Foron moitas as ocasións nas que empreguei con moitas persoas ó longo dos anos o razoamento ensinado por Manuel Carreira no que quedaba de manifesto que a Ciencia e a Relixión non son incompatibles. Pero nunca máis tivera ocasión de saber nada daquel xesuíta con "alzacuellos" que á vez era un eminente astrofísico en Estados Unidos, do que incluso olvidara o seu nome. Ata un día de febreiro deste ano no que lin a noticia nun xornal titulada "Muere el teólogo, filósofo y astrofísico Manuel Carreira, con vínculos en Vilalba". Inmediatamente me decatei que era el, e lembrei o seu nome. Ó momento comecei a pescudar máis información daquela figura decisiva para min. Agora podía ver a súa fotografía, na que seguía a destacar o seu "alzacuellos". Grazas á maxia de internet, pronto descubrín moitos videos das súas conferencias. Entre eles, unha versión actualizada da conferencia que impartiu no Instituto Lucus Augusti sobre a orixe e evolución da vida. Escoitala de novo prodúxome unha satisfacción difícil de explicar. Ó mesmo tempo, a miña experiencia, xa como científico e profesor universitario, permitíronme confirmar o indiscutible rigor científico e innegable mérito divulgador de Manuel Carreira e das súas conferencias.

A semente depositada por Manuel Carreira contribuiu, sen dúbida, ó meu interese por estudar a ciencia da vida. Co tempo convertinme nun xenetista que investiga segredos da vida que están agochados esperando ser iluminados pola luz do método científico, ó mesmo tempo que tento transmitir ós meus estudantes de mediciña información "que conta" para que podan chegar a exercer a ciencia e a arte da mediciña. Pero o meu campo de estudo é moi limitado. Limítase ó estudo dos seres vivos. O universo é un concepto que se me escapa. Cando miro ó ceo e penso na súa inmensidade, sinto unha sensación estrana. Unha estrana sensación que sempre se ve reconfortada ó pensar no pai Manuel Carreira e na importancia de distinguir entre o antes e o despois do Bigbang.

(Santiago Rodríguez López é profesor na Universidade de Bristol-Reino Unido)
Rodríguez López, Santiago
Rodríguez López, Santiago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES