Nós e a nosa circunstancia
Requeixo, Armando - lunes, 07 de diciembre de 2020
Hai anos que sigo con atención o quefacer profesional de Manuel Veiga Taboada, xornalista exemplar, destacado narrador e sociopolitólogo de referencia. Por iso cada novo libro que dá á luz constitúe para min a escusa perfecta para volver lelo e seguir gozando co moito bo que sempre deixa o pouso das súas páxinas.
Así volvín sentilo estes días nos que me acompañei de Galicia contada aos non galeguistas, o recente volume de ensaios breves que o monfortino publicou en Xerais, un texto editado en formato peto con vistosas ilustracións de Jano.
En pouco máis dun cento de planas, e de xeito tan ameno coma rigoroso, Veiga é quen do máis difícil: sintetizar divulgativamente as trabes mestras da idiosincrasia histórica e o fondo identitario que nos define coma galegas e galegos.
Da man de Veiga sabemos de A paisaxe tatuada que na pel levamos e que explica ese íntimo vencello que sentimos coa terra, esteamos no punto do planeta no que esteamos. E tamén coñecemos Os milagres da auga entre nós, que explican a nosa poboación dispersa (pola abundancia de fontes), a nosa xenuína produción agraria e gandeira (con cultivos característicos de regadío e animais pastantes) e tamén o noso tecido hidroeléctrico (con abondosos encoros).
De especial interese resultan capítulos como o titulado Discrepancias entre historiadores, que resume acaidamente a problemática sobre o celtismo dos galegos ou sobre as disquisicións da orixe/duración/ámbito do vello Reino de Galicia en relación ás coroas leonesa, asturiana e castelá. Igual de revelador é o texto dedicado a Os donos da terra e o minifundismo constitutivo do noso territorio, que explica o especial feitío da nosa estrutura familiar e parroquial.
Reflexións que estimo tamén ben valiosas son as que dedica a explicar, diáfana e sinxelamente, os Prexuízos antigalegos que por aí circulan. E tanto ou máis transparentes resultan as consideracións que inciden en que A malicia vén de vello no noso caso e que a nosa renartería ten razón de ser, non é mal rabudo porque si.
En fin, podería seguir así e dar aínda noticia de que Veiga moi ben diagnostica a Emigración: a imaxe dun fracaso; ou a nosa habelencia para nos converter en A fábrica de ministros do Estado; ou como A ambigüidade da escaleira ten explicación; ou O atraso (relativo) da economía histórica galega; ou as raíces que aclaran por que se nos ve como unha Terra litixiosa; ou, por non estenderme máis, onde está o misterio de O apoio mutuo ourensán e o seu sentimento de tribo zonal.
Galicia contada aos non galeguistas é un libro idóneo para todas aquelas persoas que desexen saber máis da nosa terra, cultura, idioma, historia e xentes, realidades tratadas aquí lúcida e intelixentemente. Escrito con notoria capacidade didáctica e innegable atractivo, o novo libro de Manuel Veiga Taboada é unha oportunidade para repensarnos e desbotar falsos clixés que nos aferrollan, para comprender os antecedentes históricos de moitos dos nosos procederes presentes e, sobre todo, para proxectarnos con máis forza cara a un futuro no que aprendamos do andado para evitar volver caer en errores pasados que nos impidan amosarnos ao mundo como o que somos: un pobo que ten moito e bo que ofrecer e onde unha vida aínda mellor é posible.

Requeixo, Armando
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora