Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A un pombo amigo

viernes, 04 de diciembre de 2020
Corazón pombo, meu pombo, pombo, aniñado estás e quedo na vella póla desas robustas entrañas do xentil piñeiro, o que defende de ventos e sarabias a vella parede do meu fogar. Case che eu cambiaría este meu fogar de pedra polo teu firmemente enraizado nos fondóns da terra! Pois semella que algo me di, alá moi dentro, que ese antergo piñeiro no que ti pousas é máis seguro que este meu cadrado fogar de onde, así e todo, sairán os meus e mais eu algún día pra irmos –como dicimos- durmir fóra... Ti, en troques, ben feitiño pombo, dormes tranquilo os soños e os sonos que ti sabes ben acochar baixo unha ou outra das túas podentes ás. Todo ti feito un fermoso envurullo, coma dormente neno, nestes mornos e case infindos atardeceres nosos.

Axexeite hai un pouquiño por un casual dende a miña fiestra, cando o día estaba a caer e o outro pombo sol, vermello todo el, co esforzo do traballo ben feito, ía xa a se deitar no amplo leito do océano xusto no intre de o día morrer... Nada eu sabía de que ti ías pasar esta noite á miña beira, gardando os meus días coma sabio amigo. E déchesme contento. Olleite. E ti miráchesme tamén sen medos nin angurias. Nin que nos coñecésemos de sempre, pombo amigo! Ou quizais, sen eu o saber, es ti o meu secreto gardián nas noites de bruar, nos días escuros?

Comezamos xa os humanos o mes que chamamos de Nadal, e non sei por que a ti che viñeron eses quereres de ficares con nós, cando moitos dos teus compañeiros non os vexo xa por aquí, tras construíren o seu franciscano fogar de garabullos e teren moceado despois como é debido. E ben que o facedes tamén, pasado un tempo, cos vosos pequerrechos ó lles aprenderdes a se valeren con sentidiño na vida!

Cóntoche que os humanos dicimos que debemos respectarvos. A vós e canta cousa fermosa de toda a natureza hai arredor noso. E haivos moita. Vivir e deixarmos vivir. Igual a como facedes vós connosco. Pois vós sodes nobres, respectuosos e dignos connosco. Por algo levades no peito fermosos e brancos torques celtas e algúns por iso incluso vos chaman torcazas. Aínda que a verdade é que a min me vai mellor chamarvos pombos, pombiños amigos, sen máis. Pola vosa redondez, pola vosa fermosura e o voso candor. Porque, ademais, desde neniño, eu sempre vos chamei así...

Sodes para min colo de muller, quente e agarimoso. E digo eu. Quen vos pespuntou tan ben así?

Boa noite xa, pombiño amigo! Pois vai sendo xa hora de botarmos unha soneca. Abur!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES