Á Beira do Camiño: ¡Integración!
Mato, Xesús - sábado, 17 de mayo de 2008
Foi unha das consignas da manifestación do pasado xoves polas rúas da cidade do Sacramento (¡Signo de amor e fraternidade!) para pedir que non se cree no barrio da Ponte un novo gueto xitano Estaban os veciños e moitos acompañantes solidarios. Tamén políticos. Con e sen firma. Todos paios. Non teñen por qué ser eles os acolledores tamén discriminados.
A min, persoalmente, choroume a alma, como din os nosos paisanos ante feitos dos que tamén eles se senten culpables solidarios, pero impotentes ante as maneiras da integración. ¡Como se nos incha o corazón ante a esquecida e maltratada palabra a pesar do seu doce sabor a integridade, liberdade e xustiza! Todos queremos a integración de todos. ¡Non faltaba máis!
Non só a queremos senón que berramos forte para que se nos escoite.¿Que fixemos e estamos dispostos a facer cada un de nós en solitario ou en grupo!?. ¿Que fixeron e seguen a facer os políticos para evitar este anunciado e non evitado estoupido!? ¿Somos quen de entender este novo aviso de urxencia!?. Agora parece que todos teñen razón. Vivenda e Concello con solucións para repartir responsabilidade. Nosoutros, clara ou hipocritamente, reafirmando a dura realidade: non somos racistas, non temos nada contra dos xitanos nin de ninguén, non queremos guetos ¡E tan panchos!. Aínda que, estou seguro, nos chore tamén a alma.
Se nos analizamos, a fondo, con máis/menos conciencia, responsabilidade ou culpabilidade, todos estamos implicados. Ninguén pode tirar a primeira pedra. É bo comezar por recoñecer o noso racismo e colaborar na busca de camiños cara a integración de todos/as.¡Ese é o futuro!.

Mato, Xesús
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora