Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Referencias etnográficas do Concello de A Pastoriza, Lugo (8)

jueves, 03 de diciembre de 2020
VI. Contos
O conto popular é un relato de ficción en prosa, de carácter oral, corto, que adoita transmitir mensaxes culturais do grupo. A sua acción transcurre ás veces sen unha localización concreta e un tempo irreal e indefinido. Non pertence a ninguen en concreto, xa que a individualidade do autor desaparece en beneficio do anonimato creativo (Alonso Girgado, 1993).

Adoitan ter unha misión educativa, xa que transmiten valores, normas básicas de Referencias etnográficas do Concello de A Pastoriza, Lugo (8)convivencia social. "Son un elaborado e eficaz recurso na transmisión de valores da sociedade tradicional" (González Reboredo e Mariño Ferro, 2010).

En definitiva o conto serve para ensinar mais tamén para deleitar. Ademais, dende unha óptica lingüística cómpre ter en conta as formas dialectais do idioma na zona (neste caso o idioma galego); os vocábulos vixentes na lingoa coloquial viva mais non admitidos en normativas oficiais. Polo tanto, estes relatos resultan tamén de gran intérese como documentos filolóxicos (Equipo Chaira).

En Fonmiñá, había un veciño que dirixíase a todos os homes dicíndolles "meu neno". Era un señor ó cal lle gustaban moito as bromas, pero en cambio non lle gustaba nada que llas fixeran a el. Certo día, no que xa comezaba a escurecer, uns veciños do pobo, algo pícaros, foron a xunto deste señor e dixéronlle: "Señor Manuel, veña con nós axudarnos a tirarlle o carro no río a Fuentes". O Manuel, que se levaba moi mal cos da casa do tal Fuentes, respondeulles: "Ai meus nenos, ¡ñoo!, vamos aló". Foron, arrepuxa que arrepuxa ata que conseguiron tirar o carro ó río, sen darse conta o coitado do Manuel, de que aquel que acababa de meter na auga era o seu propio carro. Á mañá seguinte, cando se ergueu o fillo, xunguiu as vacas para poñerlles o carro, pero claro, non o encontrou. Foi chamar a seu pai e díxolle: "Ai papá, ¿e onde deixache onte o carro?" E este, todo cheo de razón, contestoulle: "Na choza". E o fillo, que viña da choza, comentoulle que alí non estaba. Entón, foi no momento que o señor se decatou do que fixera e díxolle ó fillo: "Ai meu neno, hai que ir buscar o carro ao río que axudei eu a tiralo" (Fonmiña. Vellos con Historia).

"Tamén un boa dia o carteiro de Lagoa (A Pastoriza) levaba o correo dende Abadín a Lagoa. Un día, era amigo do viño e entretíñase nas tabernas, botóuselle a noite enriba e cando pasaba polo Alto da Corda de volta para a casa, deu en tronar e lostregar. O cabalo parou de repente: ¿Que coño pasa? ¡Arre cabalo!. Nada. O cabalo non se movía. Baixouse e, ¿qué pasara?; un raio cortáralle a cabeza ó cabalo polo pescozo. Vai o home, colle a cabeza do cabalo do chan e colocalla no seu sitio. Montou seguiu camiño de Lagoa. Cando chegou á casa, daquela non había luz, quixo meter o cabalo na corte. E tiráballe do ramal: ¡Arre cabalo! Pero o cabalo non entraba. Andaba pero non entraba. Pois que lle puxera a cabeza ó reves, co fuciño para riba e tropezaba no cargadoiro da porta" (Cuba e Reigosa, 1998).

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS
ALONSO GIRGADO, Luís.: Cuentos populares, Noia (A Coruña): Ed. Tambre, 1993.
BLANCO PRADO, José Manuel; e PERNAS BERMÚDEZ, Carmen.: “Os Santuarios do concello de A Pastoriza ( Lugo) ”, en Croa nº 12, 2002, páxs. 69-90.
BLANCO PRADO, José Manuel.: “ A devoción popular no Santuario do San Xián (S. Julián) de Baltar (A Pastoriza) (Lugo)”, en Croa nº14, 2004, páxs. 41-53.
CARNERO, Mª Ofelia; CUBA, Xoán R.; REIGOSA, Antonio; e SALVADOR, Mª de las Mercedes.: Da fala dos brañegos. Literatura oral do concello de Abadín, Lugo: Deputación Provincial, 2004, páx. 73.
CUBA, Xoán R; MIRANDA, Xosé; e REIGOSA, Antonio.: Diccionario dos Seres Míticos Galegos, Vigo: Xerais, 1999.
CUBA, Xoán R; e REIGOSA, Antonio: Xeografía Mítica da Provincia de Lugo (I), en Croa nº 8, 1998, páx.42.
GONZÁLEZ REBOREDO, X.M; e MARIÑO FERRO, Mariño.: Diccionario de Etnografía e Antropoloxía de Galiza, Vigo: Nigratrea, 2010, páx. 104.
LISÓN TOLOSANA, Carmelo.: Antropología cultural de Galicia, Madrid: Siglo XXI, páx. 90.
LISÓN TOLOSANA, Carmelo.: Brujería, estructura social y simbolismo en Galicia, Madrid: Akal, 1978, páxs. 62, 196, 197.
SEOANE VEIGA, Yolanda.: “ Primeiras aproximacións a un estudio da Veterinaria Popular na Pastoriza (Lugo), en BMPL (Boletín do Museo Provincial de Lugo), nº X, 2001- 2002, páxs. 178-188.
VAQUEIRO, Vitor.: Mitoloxía de Galiza. Lendas, tradicións, maxias, santos e milagros, Vigo: Galaxia, 2011, páx. 331.
VELLOS CON HISTORIA. Traballo de investigación realizado polos alumnos de 4º E.S.O. do I.E.S. “Pedregal de Irimia” (Meira) (Lugo). Coordinador: o profesor Miguel Abraira.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES