O diálogo Antoniano
Ansemil, Xosé Luis - jueves, 15 de mayo de 2008
D. Antonio, mestre onde os haxa e en toda a extensión da palabra, sempre nos falaba do diálogo como forma de arranxar os nosos problemas e as nosas diferenzas. Sempre andaba co mesmo cutrifar non conduce a nada, el dicía cutrifar se coñece que os conflitos duns nenos de nove anos daquela non chegaban á categoría de pelexas. El repetía un día tras outro o mesmo ¿a violencia a onde nos leva? a ningún sitio, ¿somos animais ou somos seres civilizados? e así ía el debullando un código pacifista que podería firmar tranquilamente un hipi de California, senón fora porque D. Antonio gastaba chaqueta a cadros, gravata e un bigotiño moi recortado ó estilo da posguerra.
Eu asimilei as leccións de D. Antonio sen darme conta, sen querer, de feito é agora cando as lembro con maior precisión. Ata este momento non era consciente de que estaban aí na miña memoria. Con todo a carón do alegato pacifista do meu querido mestre, Deus o teña na gloria, aparece estes días con insistencia un recordo de 4º de EXB nas miñas lembranzas. Era xa primavera, e pola tarde decidimos o Lebre, Fernando e mais eu ir dar unha volta polo Parga e non ir a clase, tal cal o de Tom Sawyer e mailo seu inseparable Huckleberry Finn polo Mississipi abaixo. Pois ben, ó día seguinte, cando chegamos a aula e nos sentamos D. Antonio, estivo un pouco calado, logo chamounos ós tres un por un e cunha variña que tiña de canavela deunos uns zostregazos no cu que para que. Non dixo nada, e eu pensei para min ¡carafio para o diálogo da xente civilizada!!! Co tempo aprendín que ás veces hai que petar na mesa ó tempo que se bota un coño airado.
Non sei, acordeime de isto fai uns días, cando comezaron a saír tódalas noticias do pai que secuestrou á filla e xa saben, do outro que violou e embarazou a unha nena e tamén xa saben, deste que lle tirou un osiño a unha nena para que fora... Non sei acordeime de D Antonio, da vara de canavela e do meu cu dorido tras aquela sesión matutina de diálogo escolar.

Ansemil, Xosé Luis
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora