Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rei diferente, non de aquí

domingo, 22 de noviembre de 2020
Con esta celebración de Xesús Cristo Rei do Universo estamos a finalizar o ano litúrxico. Xa no próximo domingo comeza, co tempo do Advento, unha nova andaina, o novo ano litúrxico.

E remata este tempo eclesial cunha festa englobante, universalizadora: Xesús, Rei do universo. É dicir: rei de toda a creación, da que nós formamos parte. Un universo que se estende, quizais infinitamente, cara a arriba e cara a abaixo. No grande, máis alá das galaxias das que ata agora temos noticia. No pequeno, máis abaixo das incríbeis pequenas estruturas que nos van descubrindo os investigadores.

Deus é infinito ou super-infinito a tódolos niveis, non ten limite algún na súa grandeza, no seu poder, na súa bondade. Resulta lóxico por iso que o universo participe tamén dalgunha maneira da grandeza do seu Creador. Sobre todo tendo en conta que Deus Pai tiña desde sempre o proxecto de que o seu Fillo único se encarnaría ou faría home nun momento concreto da evolución do universo e da historia humana. Podemos dicir que o país, o "reino" do que Xesús ía ser rei non podía ser cousa cativiña e modesta. Tiña que ter unha certa proporción coa grandeza de Deus.

Xesús non nega -a pesar da súa sinxeleza, humildade e proximidade a todos- que el sexa rei. Todo o contrario. En momentos cruciais da súa vida, preto por exemplo da súa morte inxusta e violenta, afirmará a súa realeza ante o mandatario romano Pilato que lle preguntaba expresamente por ela. "Eu son Rei", responderalle. Por iso o título de "rei" figurará no letreiro sobre a cruz na que foi crucificado: "Xesús Nazareno, rei dos xudeus". Un título que se vai converter de feito coa súa morte e resurrección en título universal: Xesús rei, non só dos xudeus, senón de toda a humanidade, de todo o universo.

Mais, como sabemos, a súa realeza é moi distinta das realezas humanas. Por iso non lle gustaba que, aínda séndoo en realidade, o consideraran rei ou o trataran como tal. Xesús fuxía de calquera pretensión dos seus seguidores de o proclamaren rei.

Anuncia, en troques, unha mensaxe de fraternidade universal, alicerzada non no poder (tal como adoitan proceder os reis da terra), senón no servizo. Cómpre lembrarmos aquelas súas palabras, que ben farían en levar colgadas do peito cantos recibiron o encargo de administrar os bens públicos: "Sabedes –dinos el- que os que figuran como xefes das nacións as asoballan e lles impoñen a súa autoridade. Non ha ser así entre vós. Ó contrario, entre vós o que queira facerse grande ha ser servidor voso, e o que queira ser primeiro ha ser servo de todos; porque tampouco o Fillo do Home veu para que o sirvan, senón para servir e dar a súa vida en rescate por todos".

Por iso, e de maneira moi xusta e axeitada, a liturxia deste día pon diante nosa, para a consideración de todos, a coñecida pasaxe de Mateo sobre o xuízo final, sobre a que poderiamos dicir que se precisarían moitas vidas para chegarmos a comprendela en toda a súa importancia e radicalidade. Dísenos alí que a regra ou a lei sobre a que se vai basear o xuízo definitivo sobre a nosa relación con Deus, é dicir, sobre a nosa relixiosidade, non vai ser propiamente esa nosa suposta "relixiosidade" en canto tal, senón máis ben a nosa humanidade, o noso espírito e a nosa práctica de “servizo” ós demais.

Deus vai só xulgarnos sobre o noso parecido co seu modo de ser e de se comportar. E el é o Deus que se converte nun de nós, que se fai humano, que se fai próximo a todos e de maneira especial ós que máis precisan de proximidade e comprensión. No seu reino non hai lugar para os que non comunguen con ese modo de ser e de se comportar.

Mais non se trata só diso: de facérmonos semellantes a el no seu modo de proceder. Non se trata só de cumprirmos cun mandato xeral ou abstracto, senón de que el, polo feito mesmo de se ter encarnado, veu identificarse en certo modo con tódolos seres humanos, sexan estes os que sexan. Ó se identificar así con todos, resulta que fomos todos en certo modo divinizados, convertidos pola graza de Deus en fillos tamén de Deus. De aquí a incríbel e inmensa dignidade que temos todos e cada un de nós, por máis que as aparencias externas poidan levarnos a engano.

Un pobre, un emigrante, un enfermo, un preso, etc., todos e cada un deles teñen a mesma, se non meirande, dignidade cós que non se atopan nesa situación. Porque son xustamente eles, e non outros, os que máis precisan da nosa atención, do noso aprecio, dos nosos coidados.

Só se temos isto en conta, comprenderemos por que Xesús considera sen máis a estas persoas como explicitamente identificadas con el mesmo: "tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber; fun forasteiro e acolléstesme; estiven en coiro e vestístesme; enfermo e visitástesme; na cadea e viñéstesme ver".

É ben posíbel que haxa persoas que realicen estas obras de amor e misericordia sen saberen elas mesmas -por considerárense por exemplo como non crentes- que o propio Xesús está presente nos presos, nos marxinados, etc. Mais pouco importa este tipo de descrenza se tales persoas se deixan levar polo que lles pide ou suxire o seu corazón, a súa conciencia. A eles responderalles tamén el coas palabras do texto de Mateo: "Canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos, fixéstelo comigo".

E non nos esquezamos. Hai necesidades físicas de moita xente (sobre todo nos tempos que corren), mais hainas tamén morais e afectivas. No evanxeo de hoxe fálasenos de ámbalas dúas. Xesús practicou este tipo de consolo moral e afectivo ata o último intre da súa vida. Cando, por exemplo, na cruz un dos seus compañeiros de tormento lle di "Lémbrate de min cando chegues ó teu reino" apresurarase el a lle contestar agarimosamente: "Hoxe estarás comigo no Paraíso".

Tendo á nosa beira compañeiros ou amigos coma el, ata o propio morte pode converterse en cousa doada.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
ACTUALIDAD FONMIÑÁ
Blog Fonmiñá
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania