Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A modo de despedida. Quino.

miércoles, 25 de noviembre de 2020
Tanto Genovés como Quino tiveron unha vida longa, Genovés traballou ata case os noventa anos e deixounos en maio cando a primavera estaba en pleno auxe. Quino foise con setembro cando tiña oitenta e oito anos. Abandonara as tiras cómicas de Mafalda (a súa obra máis emblemática) en 1973 para retomala só nun par de ocasións con algún motivo altruísta.

A tira Mafalda acompañounos e continúa a facelo. Esa familia, e panda de amigos, representaban o que coñeciamos ata tal punto que podíamos ir poñéndolle o nome á rapazada ou aos adultos cos que as identificábamos. Constituían unha galería de personaxes recoñecibles na vida real, como alguén dixo. Susana era a muller convencional, a nena que xa tiña asumido o papel de nai e fada do fogar, a que só se ía preocupar da súa casa e o seu corpo, era a rapaza conservadora que repetiría ata o infinito os vellos valores. Manolito, o comerciante, sempre pensando nos números e as ganancias, no propio, era a parella perfecta de Susanita, aínda que ela soñaba con algo mellor (ao seu entender), alguén que ocupara algún posto máis arriba na escala social. Se era galego Manolito, podíamos entendelo como produto da emigración, de ir ganar cartos: os máis e o antes posible.

Libertad foi a filla de progres que sempre me recordou os nomes que se poñían na República e, máis tarde, en lugares cheos de realismo máxico como Colombia no tempo do primeiro proceso de paz cando unha nena respondía á pregunta arredor do seu nome con "Paloma, pola pomba da paz" e sabías que o seu pai era un dos artífices dese diálogo, tan inocente, que facía a compra acompañado polo gardacostas como se foran dous amigos a axudarse… seguramente foi asasinado. Libertad, Liberto, Pasionaria, Democracia… nomes que tiveron que cambiarse para deixar de estar sinalados, tempos aqueles… agora atopas a un Roi na estrema dereita sen ningún pudor. Libertad era iso, o desexo duns pais de ter unha filla que recollera no seu ser todo o bo da utopía.

A nai de Mafalda era esa muller que ela retrata moi ben cando lle di:"Mamá, que che gustaría ser, de existir?" porque a ve absolutamente estafada e oprimida, sen parar de traballar e sen un instante para si mesma. Do pai lembro sobre todo ese empeño de facerse o gracioso con ela de vez en cando, ese home tan da época con roles totalmente separados dos femininos, pero tamén machacado, neste caso polo mundo exterior, como corresponde ao seu sexo. Os dous deben enfrontarse ás preguntas da filla.

Guille é a tenrura personificada, sempre con algo de suciedade como corresponde a un pequerrecho, a inocencia que pregunta e razoa todo directo, sen barreiras nin represión; Guille é -sobre todo- quen lle di a Mafalda "cando ti marchas á escola, sinto algo raro no peito, unha dor, que só se vai cando volves" ou quen lle dicía un destes días despois da morte de Quino: "Non te preocupez, eu coidarei de ti."

Felipe e Miguelito foron, para min, sempre dous nenos que case confundía se non fora polo pelo, un coa perrera saíndo sobre a fronte e o outro con esa especie de pétalos que lle caen a ambos lados da cara. A Felipe acostuman identificalo como o gran idealista, un rapaz, bo, xeneroso e inocente que se angustia ante a realidade e vai pospoñendo cada tarefa de forma que o sufrimento non ten fin, mentres tanto fantasea sentíndose heroico.

Miguelito semella xogar co absurdo e o surrealismo, pode ser algo repelente e ás veces cruel por exceso de sinceridade, porque el –no seu ser- é bo.

Mafalda é unha nena consciente dos males da humanidade que observa con mirada infantil e, polo tanto, cargada de sentido común sen ningún tipo de filtro convencional. Unha visión non sabemos se pesimista ou máis ben realista. Unha rapaza comprometida coa humanidade sen límite de fronteiras, sexo ou relixión. Intelixente, irónica, inconformista, contestataria e sensible; soñando cun mundo máis digno, xusto e respectuoso cos dereitos humanos, afirmou o xurado do Premio Príncipe de Asturias cando defendeu a candidatura de Quino en base ao seu personaxe. Filósofa e pensadora, engadiron moitos lectores e lectoras.

Todos eles, aínda que Susana e Manolo en menor nivel, son inxenuos ou inocentes e entenrecedores, aínda cargando con ese peso da acidez e a comicidade. Porque os personaxes de Quino fan sorrir, nunca rir, pois traen un sabor agridoce con eles, algo que chega dende a esfera dos sentimentos pero obrigándonos a pensar, a reflexionar.

E unha última lección, toda esa galaxia de personaxes tan diferentes conviven, tal como na vida real. Poderiamos pensar que votaría cada un deles, onde estarán situados despois dos anos que pasaron, seguramente algún deles fora vítima do terrorismo de estado...

A nós, gústanos lembrar que houbo unha Mafalda traducida ao galego nos anos oitenta, por un par de lugueses (Xoán Ramón Díaz e Ramón Reimóndez) e publicada pola editorial Souto, dependente da libraría que levaba o mesmo nome e tamén desaparecida xa. Nesa adaptación aparece citado Carvalho Calero ocupando o lugar de José Mª Pemán que estaba no orixinal en castelán, cuestión que neste tempo non se pode pasar por alto.

Sabemos que Quino foi moito máis que Mafalda, o seu humor gráfico sempre estivo atinado e crítico, sempre comprometido. Cunha realización sinxela e directa (austera diríamos) para facer máis intelixible a súa mensaxe. Incluso, o feito de abandonar as tiras de Mafalda nos anos setenta, fala da súa honradez, por non seguir sacando partido daquilo onde tiña o éxito asegurado, para abordar novos mundos.

Aínda así, volveremos a Mafalda unha e outra vez, volveremos aos eternos problemas que non se resolven e a enfrontarnos, de novo, cos sentimentos... que son os de sempre.
Sampedro, Pilar
Sampedro, Pilar


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES